
O equipo de cirurxía sen ingreso, que fai o 52 % das operacións programadas no Chuac, ven de publicar un libro pioneiro sobre anestesia ambulatoria
19 ene 2015 . Actualizado a las 04:00 h.Servando López Álvarez (Castro Caldelas-Ourense, 1962) traballa no Complexo Hospitalario Universitario A Coruña, onde fixo a especialidade de anestesia e no que agora coordinada a Unidade de Cirurxía Maior Ambulatoria. Ademais de dirixir seis anos a revista sobre esta disciplina, acaba de coordinar o libro Anestesia ambulatoria, o primeiro editado sobre esta materia no país.
-¿Por que este libro?
-Sempre me interesaron a anestesia ambulatoria e a rexional, e levo toda a miña vida profesional na unidade de cirurxía sen ingreso, que se creou no 93 no Materno con dous quirófanos e pasou no 2001 ao Abente con sete. O 52?% das operacións programadas no complexo son ambulatorias. No 2013 fixemos 9.549 e o ano pasado pechouse con 9.939, nas que só 1.081 doentes precisaron quedar ingresados en corta estancia. A nosa unidade é pioneira en Galicia e en España, porque a media de intervencións sen ingreso está nun 30 %. Ademais, nós facemos cirurxías relativamente complexas, de traumatoloxía e ortopedia, como os ligamentos cruzados, moita da cirurxía de cancro de mama, e a maioría de oftalmoloxía, dende o glaucoma ata os desprendementos de retina e case todos os transplantes de córnea que se fan.
-Parece claro que a tendencia é a operar e non ingresar.
-Todo isto é posible por os avances espectaculares en anestesia, en cirurxía minimamente invasiva e porque foise creando unha cultura de equipo multidisciplinar entre o anestesista, a enfermeira e o cirurxián, que é clave. Nós, os anestesistas, estamos no preoperatorio, no intraoperatorio e no postoperatorios, porque somos os encargados de dar a alta. Reivindicamos ese papel nestas unidades de cirurxía ambulatoria. A nós o enfermo si que nos coñece. Está cambiando o concepto de hospital. Eu persoalmente, e de aí nace o libro, teño claro que a cama hospitalaria é un recurso caro e pouco eficiente. O hospital do futuro é un hospital sen camas.
-¿Como?
-É un concepto máis que un edificio. Un hospital sen camas é un centro cunha ampla rede de servizos asistenciais en torno ó doente, que ten que compartir o protagonismo cos centros de saúde e cos domicilios dos usuarios.
-¿Con vantaxes para todos, profesionais e doentes?
-Moitas, porque os hospitais son fontes de infección, producen moitas alteracións en pacientes cada vez máis maiores que se desorientan e moitos trastornos familiares tamén. E nas enquisas, os pacientes están máis satisfeitos cando son operados e van para a casa que cando teñen que quedar ingresados. E para o sistema sanitario diminúen moito os custes, algo que nos tempos que corren ten a súa importancia.
-¿E que hai que facer para chegar a non precisar camas?
-Os cambios xa están en marcha. Primeiro a propia anestesia: os fármacos actuais permiten unha rápida recuperación do doente sen practicamente efectos adversos e coa máxima calidade. No Abente somos pioneiros, por exemplo, en técnicas anestésicas guiadas por ecografía. Ademais, a propia cultura de equipo tamén empuxa o cambio, e interésanos a formación e a información do doente, por iso temos unha consulta de anestesia e a enfermería xoga un papel fundamental. Hai que facer tamén unha adecuada selección dos pacientes e dos procedementos: a un señor que vive nun quinto sen ascensor non o podes operar de ligamentos e mandalo para casa no día.
Servando López Álvarez anestesista
«A cama é un recurso caro e pouco eficiente»
-A cirurxía ambulatoria asume xa patoloxías moi frecuentes. ¿Que outros casos están pensando en facer sen ingreso?
-O que máis se opera é oftalmoloxía dende que se cambiou o servizo do Materno ao Abente e Lago, son máis ou menos 2.000 doentes ó ano. Facemos tamén moito trauma, cirurxía da man, xinecoloxía... O reto que temos agora é ambulatorizar as colecistectomias laparoscópicas, a extirpación da vesícula. Uroloxía tamén é un servizo clave para nós, porque cada vez fai máis laparoscopia complexa e a tendencia é que toda a cirurxía prostática con láser sexa ambulatoria. E, por suposto, seguir aumentando as operacións de mama sen ingreso.
-Por moitos avances que haxa, a anestesia sempre mete un pouco de medo.
-Hai dous cambios claves no éxito da cirurxía maior ambulatoria: que os pacientes non teñan dor aguda postoperatoria, aínda que non comprometa a súa vida, e que non sufran nin náuseas nin vómitos. Aí está o noso traballo fundamental. Os anestesistas somos os encargados de facer o seguimento postoperatorio e dar as altas ós enfermos, e todo isto facémolo con seguridade, que na nosa unidade é a mesma que a do paciente que queda ingresado en calquera servizo despois de pasar polo quirófano. Sempre digo que hai dous paradigmas de seguridade no mundo: a anestesia e a aviación. Nós antes de facer calquera cousa temos controles de calidade de todo, que son ríxidos. As probabilidades de que suceda un episodio adverso nun procedemento regrado, é dicir nunha operación programada ambulatoria, son moi moi baixas. Só podo dicir que nós levamos máis de 100.000 pacientes operados dende que funciona a unidade e non houbo ningunha morte nos trinta días seguintes ó procedemento cirúrxico.