![](https://img.lavdg.com/sc/qs6149bhYaisQGJmXLuBpib6erA=/480x/2015/01/18/00121421609583356823146/Foto/X21A4009.jpg)
O experto en agricultura ecolóxica traspasa o local viveirense A Estruga
19 ene 2015 . Actualizado a las 05:00 h.O enxeñeiro técnico agrícola Marcos Besada, natural de Tui, decidiu abrir hai tres anos o local A Estruga en Viveiro, ideado máis ben como un espazo agroecolóxico. Agora ábrese unha nova etapa na traxectoria deste experto en agricultura ecolóxica ao traspasar a tenda, aínda que continuará coa súa tarefa de asesoramento e divulgación neses temas, deixando tamén atrás e con moi bo recordo o impulso do primeiro horto urbán viveirense.
-¿Cal é o balance que fai destes tres primeiros anos da tenda?
-Moi positivo, porque te decatas que a través dunha pequena tenda a xente de aquí se sentía identificada. Sorprendinme da necesidade e sensibilidade das persoas cara a natureza. Foi poñer en valor e dar a coñecer produtos que son galegos e que a xente descoñecía, ademáis do trato personal, que poideran coller cousas a granel, servirlles en papel como nas tendas de antes ou que apreciaran que as lentellas sabían como as de antes . Rememorar iso no pequeno comercio é bonito.
-¿Percibe que siga habendo demanda deste tipo de produtos?
-A clientela dime que se sente baleira nese eido se falta a tenda. Así, intentaremos poñer en valía algún proxecto. Fálase de poder intentar crear grupos de consumo ou dinamizar en verdade a praza de abastos.
-¿Algunha anécdota a lembrar?
-Confundir a tenda cun herbolario nos pasaba moito. Logo outra moi chula, unha rapaza que entrou aquí, sentouse e observou como tratábamos as cousas e sentiu «bo rollo», nos dixo, en comparación cos supermercados. Tamén teño un cliente emigrado de Suiza que primeiro deixaba a muller na casa e viña falar comigo, dos montes, etc...
-¿Ten algunha queixa particular?
-A nivel de Administración, tiña que haber máis facilidades. Como vila rural deberíamos fomentar a xente que queira traballar no rural e se permitimos entrar produto de fóra, non ten sentido, que veñan un cun furgón con mazás de Italia cando aquí están caendo mazás das árbores. Esa é a soberanía alimentar, o concepto que dende aquí defendemos.
-Futuros proxectos...
-Agora mesmo temos en man tres que non son aquí en Viveiro, de desenrolo agroecolóxico, dúas producións primarias e un obradoiro de transformación. Dende a nosa tenda axudamos a montar outras tres tendas máis, unha delas a do viveirense Lucas Requejo en Lalín na praza de abastos. Outras foron en Lugo e Ourense. Nese eido tamén imos seguir, tanto a nivel de comercio como de produción primaria, aproveitando a nosa experiencia. Tamén a ver se a Deputación nos volve a chamar na primaveira para os obradoiros, orientados a nenos. Esta é tamén unha pataleta persoal para permitirlle á xente ter acceso a actividades empresariais dun modo máis sinxelo. Un viveiro de empresas fai falla en bisbarras coma esta para que a xente non teña a sensación de que pasa o tempo. A tenda tamén era case un consultorio psicolóxico, algúns sentían impotencia, querían facer cousas, a cabeza desbordoume de ideas que me chegaban. De feito, Lucas montou alí unha historia de menú ecolóxico e vexetariano en restaurantes. Nós aquí ofrecímolo, pero sen éxito. Non é cuestión de marcharse, pero é verdade que vai máis lento. Os colectivos teñen que abrirse a unha nova dinámica. Carlos e Noa queren montar un horto ecolóxico en San Román, pero, ¿onde van vender?, ¿como se dan a coñecer?...
-¿Algo que engadir?
-Vamos facer unha web máis dinámica e sinxela e queremos seguir construíndo as inquedanzas de consumo ecolóxico. Que se conte con nós, para iso estamos.
marcos besada enxeñeiro técnico agrícola
«A nivel de Administración tiña que haber máis facilidades»