«A composición débolla á escola de Silvio»

FUGAS

«Virada por avante» é o cambio de rumbo polo que opta o compostelán Xosé Constenla no seu cuarto traballo, que mañá presenta no Salón Teatro e que dá inicio a unha intensa xira que o levará a distintos puntos da Península

11 mar 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Xosé Constenla (Compostela, 1980) prepara xa a xira de Virada por avante, o seu cuarto disco, que estrea o 12 de marzo en Santiago no Salón Teatro, «que é volver ao sitio onde todo comezou, porque aí dei os concertos máis importantes da miña vida», comenta. Experto navegante, as súas composicións están cheas de referencias náuticas mesturadas co compromiso social e poético.

-¿Hai cambio de rumbo con respecto aos outros discos?

-O primeiro foi Quen fixo berrar ao silencio, o segundo é Olladas dun entusiasta, e son discos de estudio, bastante iniciáticos, nos que experimentei con xiros poéticos e diversas músicas sempre vinculadas aos cantautores latinoamericanos. Despois, no 2014, editamos un disco gravado en directo cunha banda no Salón Teatro, Sinecismo, facendo referencia á chispa de creatividade que se xera cando se xunta un colectivo. No novo hai cambios na técnica, evolucionou moito en calidade porque contei co produtor Fredi Marugán -?que é un artista cunha traxectoria consolidada- e tamén hai unha evolución artística cara a sons do folk-rock americano. 

-¿Tamén nas letras?

-Nos textos hai unha evolución non cara á madurez, pero si tomando unha certa perspectiva das cousas que narro. Nos primeiros discos había máis imprudencia e agora hai unha linguaxe, non rebuscada, pero si máis matizada. 

-No disco apréciase case máis canción de amor ca de protesta...

-Hai dous planos, hai un plano de sensibilidade e sentimentos afectivos que está presente e outro que narra historias convulsas, xa que aparece o desemprego, as manifestacións das prazas, o que ten que ver con inxustizas de tipo social. Esa é para min a forma na que entendo a composición, e débollo en grande medida á escola de Silvio Rodríguez, na que se mesturan ambos planos.

-¿Ten sentido o concepto cantautor nestes tempos?

-Parto da base de que as etiquetas reducen porque crean prexuízos e a de cantautor transmite, ás veces, a imaxe de atormentado e enfermizo, pero eu diría que está máis vixente ca nunca e non hai máis que entrar na páxina dos Premios Martín Códax e decatarse de que a sección de músicas de autor é a segunda máis numerosa. O cantautor está vixente porque penso que a sociedade necesita que alguén narre e conte o que está a pasar. Máis alá da música como un mero instrumento de diversión creo que hai necesidade, dentro dunha sociedade con espírito crítico, de cronistas, como eran os antigos trovadores na época medieval. Agora son os cantautores e non teñen por que estar vinculados a unha guitarra, poden estalo ao rap, ao hip hop...

-No seu caso optou pola versión clásica.

-Eu pertenzo a ese rexistro de cronistas con guitarra que pateaban as vilas e pobos de medio mundo, é a tradición que mamei.

Santiago. Salón Teatro. Sábado 12. 21 horas. 10 euros