
A aldea de Quins en Ourense serviu de pedestal para o seu grupo inicial, Apeiron. Na actualidade, Emilio José chega armado cun triple cedé, «Agricultura Livre», que somerxe aos oíntes nunha viaxe de catro horas por sons arrincados do pop, rock, folk e hip-hop
27 may 2016 . Actualizado a las 09:56 h.Con 16 anos de traxectoria musical e cunha evolución que asemella un cóctel de estilos no que non queda espazo para unha sóa pedra de xeo, Emilio José González (Quins, 1984) rompe o silencio despois de que o seu primeiro traballo en solitario, Chorando apréndese, vira a luz hai máis dun lustro. Agricultura livre é o título dun disco por partida triple que o irreverente artista interpreta xunto a Os Indígenas.
-¿Como inflúe no aspecto musical medrar nunha poboación de 250 habitantes?
-Non hai nada particular máis alá de que as paisaxes cambien. A única diferenza entre vivir na aldea e en Londres é que a oferta cultural en vivo é insignificantemente aplastante. Pero segundo vas rascando decátaste de que esa historia que flota desde o pasado sobre a incultura e o atraso é todo mentira.
-A súa primeira banda, Apeiron, como e con que pretensión nacía?
-A formación clásica que chega ata hoxe está composta polo meu primo Álvaro, a cantante Belén e eu. Buscábamos que non soase moito a calquera cousa que tivéramos ao alcance. Mentres eu fago música que leva décadas aí coma o rock, Apeiron é intentar ver o que non existe.
-¿Onde estivo metido durante estes últimos anos?
-Cando quitei o primeiro traballo en solitario no 2009 estiven dando bastantes concertos ese ano e o seguinte. Logo deixei de facelos para dedicarme a este último disco e comecei a tocar de novo hai un mes. Non existe unha regularidade, sempre depende do mercado e dos sitios que queren que vaias a tocar...
-Chócame escoitar o termo «mercado» cando os seus temas son como mínimo subversivos, como se dixire esta acepción comercial?
-Non me parece tan subversivo, home, a veces nin un pouco. O máis radical que te poidas imaxinar é unha mercancía tamén. Non se pode escapar a iso, así funciona o mundo. Hai directos que aparentemente están fóra do mercado, por exemplo, un concerto en solidariedade con algo. Trátase dunha ilusión, nada pode escapar ao circuíto mundial dende o momento en que é público. Algo similar pasa coa esquerda, é como pensar que Podemos funciona distinto do Partido Popular.
-Vostede é propietario de liñas como «suspiros de MD», que definición lle adxudicaría ao contido lírico?
-De entrada non estou moi seguro do de lírico [ri], o de contido é inevitable pois tamén o hai nun tema de La Oreja de Van Gogh. As miñas letras divídense entre amor e política. Perdón, antipolítica. Non é unha autobiografía, máis ben son notas a pé de páxina da realidade, do que vexo. A min non me alivia o feito de converter os residuos da vida diaria nunha canción.
-E para quen escribe?
-Teño máis claro contra quen escribo que para quen. Escribo contra calquera clase de ideoloxía. Escribo contra todas as persoas que teñan algún poder, abstracto ou teórico, que limite a vida doutras persoas. Escribo para todos, incluídas estas últimas.
-Que diferenzas se pode atopar o público neste disco respecto do anterior?
-Chorando apréndese tiña máis de min ao teclado e de sons sampleados. Agricultura livre ten unha maior instrumentación real: batería, saxo... A idea é facer os concertos sempre os catro, con Os Indígenas, pero tamén podo actuar eu só en formato acústico.
-Nesta última etapa percíbese o sabor a rap, de onde provén este idilio?
-En Apeiron e no anterior traballo xa había algo de rap. O que me gusta do hip-hop é que cun ritmo básico podes dicir moitas cousas.
-Algunha data máis de directos no horizonte?
-Despois de Carballo o seguinte será en xullo en Vilanova i la Geltrú, no Vida Festival. En setembro estarei en Ribadavia, no Artefecial.
Carballo. Biblioteca municipal. Curruncho Pop. Sábado 29. 20.30 horas. Entrada libre, previa reserva no 981 758 580