«Farei algo apaixonante polos 20 anos de carreira»

Xosé M. Rodríguez

FUGAS

Cedida

Cristina Pato, candidata a dous premios Grammy, hai tempo que mudou nunha artista internacional. Pronto cúmprense 20 anos do seu primeiro disco «Tolemia». Así fai balance de todo este tempo de éxito. 

23 dic 2016 . Actualizado a las 09:27 h.

A gaiteira de pelo verde hai anos que mudou nunha artista internacional que un día se definiu como unha «emigrante musical». Case que vinte anos de carreira como gaiteira e pianista teñen dado para moito, aínda que Cristina Pato confesa que está a cambiar, a reorientar o seu rumbo e que nesta nova fase vai ter un maior protagonismo a faceta académica. Mais sen abandonar nin esquecer á artista. Un proxecto no que participou hai anos conseguiu un Grammy e logo estivo nominada con outro disco de música clásica. Agora opta a dous destes premios polo disco e o documental centrado no traballo da Silk Road Ensemble, o proxecto liderado por Yo-Yo Ma do que forma parte.

-Cando se deron a coñecer as nominacións sinalou que sería un premio especial.

-O que fai diferente a este premio e o que supón unha ilusión apaixonante é poder compartir ese galardón con colegas da profesión galegos. Cos compañeiros que participaron nestes proxectos.

-Xa ten programados concertos co seu grupo en EE. UU. e participa na Silk Road Emsemble. Compaxinará a actividade no 2017?

-Profesionalmente, no que ao mundo da música se refire, manteño a actividade que estou a desenvolver nos últimos anos. Aquí teño a miña banda, o cuarteto do que forman parte Víctor Prieto, Edward Pérez e Eric Dooh e en Galicia formo parte dun trío con Roberto Comesaña e Miguel Cabana. O cuarteto está orientado ao mundo do jazz e aí centramos o noso traballo na música galega. E sigo no proxecto da Silk Road Ensemble.

-O día que se coñeceron as nominacións participou nunha conferencia en Harvard coa Silk Road sobre arte e curación.

-O poder da música, e das artes en xeral, en aspectos como a súa influenza na saúde ou nos traballos sobre a perda da memoria é algo do que sempre gustei e un campo no que traballo cada vez máis dende hai anos. En Galicia estanse facendo cousas moi boas neste aspecto, sen ir máis lonxe nos obradoiros do Museo do Pobo Galego, e creo que se debería apoiar máis todo este traballo.

-Nos últimos tempos fala dun cambio de rumbo. Quere dicir iso que se vai centrar máis na docencia?

-Levo varios anos reorientando o meu traballo cara á educación, o mundo académico e a interdisciplinaridade. O 2017 vai ser un ano moi ilusionante neste aspecto: impartirei unha clase semestral en Harvard sobre musicoloxía e estou a preparar un curso para a Universidade de California. Teño que reencamiñar a miña carreira para volver a aprender. Aínda así, iso non quere dicir que vaia parar a miña carreira profesional. Compaxinarei as dúas facetas, aínda que haberá un cambio de equilibrios.

-«Latina» (2015) foi o seu último disco. Traballa nalgún proxecto?

-Non e si. O ano 2017 vai ser moi académico. Mais o 2018 é unha cita especial para min e daquela xa lle podo adiantar que un disco celebrará os 20 anos de Tolemia. Será unha data especial, ¡xa vinte anos!, e quero facer algo diferente e apaixonante para celebralo.