O resplandor da memoria

Un adolescente quere descubrir o pasado do seu avó


«O sol que reinou sobre a miña infancia privoume de todo resentimento». Así falaba Albert Camus. Cun espírito semellante, luminoso, debeu escribir Marcos Calveiro a aventura que emprende o protagonista de Días azuis, sol da infancia. Nico é un adolescente que quere descubrir un pasado que nunca lle contaron do seu avó Nicasio, anos atrás un cativo da Terra Chá que marchou a Castela para traballar de segador. E ocorre que para iso debemos acompañalo nunha emotiva viaxe ata 1936, nos primeiros días da Guerra Civil, cando polo Madrid antifascista campaban personaxes tan carismáticos coma o cineasta Armand Guerra, que daquela andaba rodando a mítica Carne de fieras. Hai un momento da novela en que a Nico lle entra un doloroso ataque de lucidez: «Sempre pensara que a memoria era unha cousa dos adultos, de cando un se fai maior, e resultaba que agora, con dezasete anos, tamén me ocorría a min». Difícil explicalo mellor. En poucos trazos queda retratado en que consiste iso de deixar atrás a adolescencia. Un día saes dunha casa deshabitada e entendes que a única equipaxe que te acompañará sempre é a memoria. A túa e a da túa familia. Escribe Juan Marsé en El embrujo de Shanghai: «Por mucho que uno mire hacia el futuro, uno siempre crece hacia el pasado, en busca tal vez del primer deslumbramiento». Iso é o que lle ocorre a Nico. Iso nos pasará a todos ata a fin dos tempos.

E así nolo conta Marcos Calveiro como se fose a primeira vez.

«DÍAS AZÚIS, SOL DA INFANCIA»

MARCOS CALVEIRO

EDITORIAL

TAMBRE-EDELVIVES

182 PÁX,

9.90 EUROS

Votación
0 votos
Comentarios

O resplandor da memoria