Bernardino Graña mostra o seu ADN literario

RAMÓN NICOLÁS

FUGAS

XOÁN CARLOS GIL

Un libro que dialoga con naturalidade e solidez con outras obras anteriores do autor

28 sep 2017 . Actualizado a las 16:17 h.

Hai uns días o académico e escritor cangués Bernardino Graña cumpriu oitenta e cinco anos. Boa parte deles dedicounos a cultivar a literatura de noso, onde deixou singulares pezas creativas que constitúen un verdadeiro patrimonio das nosas letras.

Á súa celmosa traxectoria súmase estes días un libro particular e senlleiro baixo o título de O neno mariñeiro que, ademais, dialoga con naturalidade e solidez con outras obras anteriores do autor. Velaquí unha proposta novelística que, non é difícil sospeitalo, bebe na súa memoria fecunda e íntima para levarnos, mercé un rexistro lingüístico rico e engaiolante, aos tempos recuados da infancia e adolescencia dese inesquecible Elías.

A novela, así pois, percorre con todo luxo de detalles a biografía deste rapaz, isto é, recrea o seu espertar ao mundo outorgándolle unha especial relevancia ao espazo das súas vivencias iniciais -Darbo, Cangas e o mar do Morrazo- e ás xentes que poboan este territorio, sendo particularmente minucioso coa ollada que se dirixe tanto á contorna familiar máis próxima, onde sobresae a figura de Agustina, esa madriña que exerceu de nai- coma ao ámbito social e político dos primeiros anos da guerra civil. Tempos, así pois, de fame e de medo, reflectidos sen maniqueísmos con innegable efectividade narrativa.

Ironía e humor

Teño para min que estas páxinas resultan moi cativadoras. Alén das menesterosidades que se relatan, e talvez porque dalgún xeito están relatadas coa ollada inocente de quen alberga a esperanza de que, malia todo, a vida é para vivila, hai pasaxes que reservan momentos máxicos e inesquecibles como, entre outros, o relato da chegada da luz eléctrica, a relevancia outorgada ás mulleres como alicerces do mundo ou a simple, pero marabillosa, construción dun papaventos. Graña sabe que a ironía e o humor son excelentes compañeiros para esta viaxe que aquí nos ofrece. Tamén sabe que o recurso á oralidade, ben tratado, pode deitar resultados tan espléndidos como os que aquí se encerran. Mais, sobre todo, neste O neno mariñeiro séntese a omnipresenza do mar e a forza indómita que contaxia nos corazóns das persoas que miran para el. É así como se explora o que dá e o que rouba e séntese, por veces, o seu recendo inconfundible. Beizón, Bernardino, por transmitir a memoria dese mundo e facelo con tanta emoción e talento.