No festival de 2016 Milladoiro gravou un directo e agora acaban de sacar o primeiro disco de estudo en oito anos, «Atlántico», con novos aires, «pero sen perder o norte»
06 jul 2018 . Actualizado a las 05:00 h.En 1978, no primeiro Festival do Mundo Celta de Ortigueira, Pepe Ferreirós acudiu co grupo de gaitas Faíscas do Xiabre; e Antón Seoane e Rodrigo Romaní actuaron pola súa conta. Da fusión xurdiu Milladoiro, que debutou como tal na segunda edición.
-Todo comezou en Ortigueira.
-Si, nós xa estivemos no primeiro festival, pero non tocamos porque caera un diluvio e suspendéranse actuacións.
-Conta Xavier Garrote que vostede era algo escéptico sobre o festival.
-Cando me dixo o que quería facer, díxenlle que contara con nós [daquela, Faíscas do Xiabre], pero tiña as miñas dúbidas de que foran capaces de levar adiante algo tan grande como o que pretendían. Pero unha vez que o lograron, viuse que moita xente estaba esperando que nos empezáramos a abrir ao mundo. Xa aquel primeiro ano, no patio do colexio, había moitísima xente, con esperanzas de que se ía converter en algo importante.
-A traxectoria de Milladoiro discorreu paralela á do Mundo Celta.
-Si, estivemos cóbado con cóbado, era precioso que xurdira algo así nun momento no que non chegaban grupos de fóra, nin se coñecían. Nos primeiros festivais, Milladoiro apostou por eles de modo desinteresado, iamos ao que fose e o noso equipo era o do festival. Compartiamos a ilusión da xente, respirábase un ambiente moi de ‘temos que remar todos cara ao mesmo lado’.
-O seu compañeiro Moncho García falaba «dunha ventá aberta á cultura».
-Á cultura e a todo. Naquel momento, Galicia e España eran sociedades moi pechadas, facía falla abrir as ventás, que entrase aire. Nos festivais e na música empezou aí; os meus primeiros discos de folk francés ou bretón tívenos grazas a que facías algunha escapadiña fóra ou que ía un compañeiro e encargábasllos, porque aquí non chegaba nada, era imposible. O Mundo Celta foi un revulsivo.
-O espírito inicial foise perdendo.
-Non ten nada que ver o que vivimos nos primeiros anos, agora xa é un festival profesional, coma en Chicago ou en Xapón. Daquela, en Ortigueira, eran días de convivencia, involucrábase todo o pobo e a xente da Escola de Gaitas aloxaba aos músicos nas súas casas. Todos se entregaban a aquela idea que tiña Garrote. Recordo momentos preciosos, no comedor do colexio, nas ceas, que sempre terminaban cunhas jam sessions estupendas. Esa parte romántica perdeuse.
-O día 14 escoitaremos en Ortigueira os temas do novo disco, «Atlántico».
-En 2016 sacamos o directo de Ortigueira, polo que significa para nós. E agora xa levabamos oito anos sen un disco de estudo, tiñamos gañas... Despois de case corenta anos, non imos inventar a pólvora, penso que o selo de Milladoiro está moi claro, segue habendo a frescura do noso traballo de música tradicional, e tamén quixemos que os novos compoñentes do grupo trouxeran temas novos. Nótase e dálle unha dimensión distinta á sonoridade do grupo, sen perder o norte, nunca mellor dito [na portada aparece un compás].
-Ortigueira segue estando lonxe, como lle dicía no 78 á organización.
-Pero hoxe é máis levadeiro, melloraron as estradas, no dous cabalos chegaba moído. Pero parte do éxito penso que vén de aí, un sitio pouco accesible e moi fermoso, que requiría un esforzo a maiores, era unha peregrinación, e iso aportáballe misterio [...]. Para nós tocar en Ortigueira sempre é especial, para nós volver a Ortigueira é volver á nosa orixe.
-No 14 desexábanlle longa vida ao festival... Ao festival, e a Milladoiro.
-Mentres nos sigamos divertindo sobre o escenario e conectando coa xente, haberá Milladoiro para tempo.