«Touri é un pinchón e un bullas no pádel»

FUGAS

MONICA IRAGO

Con máis de 50.000 espectadores, «Somos criminais» é xa o espectáculo máis visto en toda a historia do teatro galego. Os seus protagonistas van de fronte e contestan a 4 preguntas feitas polo seu «partenaire»

12 ene 2019 . Actualizado a las 12:31 h.

Touri, di Carlos Blanco, é «afable, brillante, rapidísimo de mente, relaxado, moito máis calado do que poida parecer, alguén que entende que a clave do noso oficio é xogar. E xoga. Xoga moi ben, toca a pelota de vicio, non chupa, ten gol e brótalle na boca o humor. É enormemente intelixente e, inda por riba, un actorazo. Pa’ matalo». Estas son as catro preguntas que el lle fai ao seu «partenaire» no escenario.

-Que é o que menos che gusta do teu compañeiro de viaxe?

-Que é un pinchón, que xogando ao pádel é un bullas, que sempre se adianta para paghar, que ten unha axenda que mete medo, que ás dúas da mañá non pide papas coma min, que me fode que sendo tan novo teña máis cabeza e máis talento ca min. Que é un mona adorable.

-Un día perfecto na vida de Carlos Blanco sería...

-Un pouco de deporte pola mañá, una boa comida entre amigos e amigas, música, guitarras... E pola noitiña, praia e baño no mar. Por sorte teño uns cantos días así cada ano na Illa de Arousa.

-Se miras cara atrás, que é o que cambiarías da túa vida?

-Buf... Moitas cousas... O meu mal carácter, sen dúbida. A impaciencia, a falta de tacto moitas veces, mil cousas. Outras mil faríaas tal cal, pero o feito, feito está. O que importa agora é o que vén, ter saúde e seguir gozando deste momento tan bo. Por iso sempre me fascina o bo carácter de Touri, ese benestar natural. No escenario e na vida en xeral. Admírame. Gústame moito.

-Cal é o proxecto que che falta por facer e che encantaría poder facer?

-Gustaríame facer algo bonito en teatro dirixido polo meu fillo Lois. Non tardaremos, supoño, e faime moita ilusión. E encantaríame poder seguir uns cantos anos máis traballando cun ritmo tranquilo, sabendo escoller e gozando dos proxectos que veñan. Gustaba de volver facer radio. Agora pódese facer desde a casa e iso sería un planazo. E, xa postos, teño un proxecto que se cadra un día porei en marcha: levo tantos quilómetros no lombo que pensei en actuar un tempo só na Illa. Teño o título: Vinde vós que é a mesma distancia. Pero o meu proxecto máis importante, mentres poida, é gozar a vida.

DE VENRES A DOMINGO. A CORUÑA. TEATRO COLÓN. ENTRADAS ESGOTADAS