De Lemaitre á Rosalía feminista

Ramón Nicolás

FUGAS

Comezo de ano, tempo de novidades. O 2019 suporá a volta de Domingo Villar e trae na saca máis dun debut interesante

18 ene 2019 . Actualizado a las 11:06 h.

O ano comeza con forza e amplas miras para as letras galegas. En tradución de Moisés Barcia no selo Rinoceronte chega Tres días e unha vida, do escritor Pierre Lamaitre. Un dos máis reputados autores de novela negra, e que foi premio Goncourt con Au revoir là-haut (2013), presenta aquí unha proposta que parte da desaparición dun neno na que entretece as sempre complexas dimensións da condición humana.

Kalandraka prepara un novo libro de poesía de Olga Novo, a edición dunha nova peza teatral do grupo Chévere e mais a novela As miñas nanas negras, de Amalia Lú Posso Figueroa, con tradución de Isaac Xubín. E ofrece en Carta a unha profesora un texto inesquecible no seo da Biblioteca de Pedagoxía dirixida polo profesor Antón Costa. Nesta ocasión, trátase dun texto escrito por nenas, nenos e adolescentes dunha escola rural italiana entre 1966 e 1967, que expón a inxustiza dun modelo de educación conservadorista inspirada na segregación por clases sociais.

Na narrativa, Galaxia aposta pola nova novela, tras case dez anos de silencio, do escritor vigués Domingo Villar. Con O último barco retorna Leo Caldas para resolver o caso formulado pola desaparición de Mónica Andrade: un novelo enguedellado no que se moverá coa habilidade e enxeño que o caracterizan e que estará nas librerías o 6 de marzo. O mesmo selo ofrece a estrea narrativa de Ana Fontenla: Números vermellos, que se presenta como un texto de diversa filiación xenérica que amosa as dificultades e anemias que a mocidade arrostra na actualidade.

NOVAS PIONEIRAS

Xerais, da man de Anaír Rodríguez, retorna ao camiño que iniciou cun álbum ilustrado no que rescataba, do esquecemento e da ocultación, a mulleres que merecían estar na Historia con maiúsculas. En Pioneiras 2 abraza a mesma filosofía para amosarnos que non todo quedou na primeira entrega e que cómpre seguir aprendendo. Por último, a editora viguesa ofrece a antoloxía Rosalía feminista, da man da profesora Helena González, que achega poemas que son emisións de alta frecuencia tal cal do pensamento feminista rosaliano.