Un desfile de cor para vivir o entroido

FUGAS

cedida

Saboroso álbum infantil que rende tributo ás figuras carnavalescas máis senlleiras.
Facer un cocido é só a escusa

01 mar 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Coma unha boa larpeirada para levar á boca nestas datas chega o novo título de Ramón D. Veiga, É tempo de entroido!, unha acaída e necesaria aposta que realza para os nenos toda a variedade, riqueza e cor desta festa tan propia.

O escritor, que non dubida en recoñecerse como «moi festeiro», estreouse no eido infantil no 2017 cun título (Violeta quere ser vampiro) que reivindicaba un Samaín moderno e urbano e que rapidamente se converteu nun fenómeno entre os máis cativos. Pouco máis dun ano despois (presentouse en decembro no Culturgal), o ferrolán inclínase de novo, aínda que cun formato distinto, por render tributo a outra das grandes celebracións tradicionais galegas cun saboroso álbum infantil de carácter trouleiro no que repite parella creativa co ilustrador David Sierra.

Coa escusa de preparar un bo cocido, o autor fai un percorrido en verso por case vinte dos personaxes máis senlleiros do entroido galego, nunha impecable guía visual que inclúe tanto aos máis coñecidos (cigarróns de Verín, peliqueiros de Laza, felos de Maceda ou pantallas de Xinzo) como a eses que nos últimos anos loitan, cada vez con máis éxito, por recuperar a súa tradición. As máscaras urbanas das merdeiras de Vigo ou as Pitas das Eiroás -reserva da celebración máis tradicional na capital ourensá- son só algunhas das figuras que sorprenden e espertan a curiosidade dos menores. «Non están todos, quedan moitos por saír», puntualiza o escritor, que insiste, de todas formas, na importancia de presumir do amplo abano de figuras emblemáticas. «Os nenos necesitan sabelo», reitera.

Cada páxina do álbum é unha sorpresa, cunhas ilustracións de gran forza cromática e potencia visual, que reteñen a mirada infantil, e nas que flúen, unha a unha, as mázcaras de Manzaneda, o labardeiro e a señorita de Mugares (Toén) ou os volantes de Chantada, cos seus coloridos e fermosos traxes. Estas imaxes preséntanse acompañadas dun breve e enxeñoso texto rimado, case musical, axeitado para ler a viva voz, que participa da ironía, humor e ton festeiro que rezuman as escenas. Se a madama e o galán de Cobres (Vilaboa) achegan o pan para esta particular paparota de entroido, o oso de Salcedo (A Pobra do Brollón) súmase ao festín cos garavanzos, mentres que o vergalleiro de Sarreaus engade un «feixiño de ceboleiros moi ben feitiños». Por se algún lector queda con fame, o loro Ravachol de Pontevedra non se esquece da empanada, mentres que os choqueiros da Coruña levan flores e orellas para completar esta enchente de cocido que remata con todos os personaxes papando nun chimpín.

A particularidade de que non todas as estrofas sitúen xeograficamente ás figuras homenaxeadas convértese nun estímulo para que os nenos descubran a súa orixe. Así o confirma o autor, que detalla que xa hai un colexio galego no que se está a elaborar un mapa coas distintas localizacións.

O eficaz título complétase na web de Xerais con varias propostas lúdicas que axudan a interactuar cos máis pequenos. Láminas para colorear de dúas figuras, un karaoke co que dar ritmo ao xocoso texto ou unha canción inspirada no mesmo iluminan aínda máis o volume, que abre o apetito para gozar ao máximo da festa.

Un libro para degustar polo miúdo.

«É tempo de entroido!»

RAMÓN D. VEIGA / DAVID SIERRA

EDITORIAL XERAIS PÁX. 40 PREZO 14 EUROS idade DESDE 6 ANOS