Volven traballar xuntos, aínda que nun rexistro ben diferente. Hoxe estrean «Unha noite na praia», unha comedia de Javier Veiga
10 may 2019 . Actualizado a las 13:29 h.O seu anterior espectáculo bateu a marca de espectadores do teatro galego. Touriñán e Carlos Blanco volven subir xuntos a un escenario, aínda que desta volta despoxados de si mesmos para interpretar un texto escrito e dirixido por Javier Veiga. Falamos con eles por separado unhas horas antes da estrea para sometelos ao mesmo cuestionario.
-Preséntanos «Unha noite na praia».
Xosé Touriñán. Pouco se pode contar porque, como che conte un pouco de máis, alá vai, xa está todo desvelado. O punto de partida é un traballador dun chiringuito da praia que está recollendo todo e ten a un sueco nunha hamaca que non se lle quere levantar. Aí empeza todo.
Carlos Blanco. É un espectáculo que ten misterio, humor, ritmo, bos gags e agardo que tamén boas interpretacións.
-Por que dicides que é unha comedia «con mar de fondo»?
X. T. Porque trae moitas cousas que non agardas. Non está o mar en calma, non.
C. B. Hai moito mar de fondo, hai perigo, hai risco... Moitas, moitas sorpresas.
-Segundo espectáculo consecutivo xuntos. Avanzamos cara a unha parella estable?
X. T. A miña parella estable, coa que eu teño os papeis, é Marcos Pereiro. E serao toda a vida. O que pasa é que somos moi liberais. Carlos é unha parella temporal.
C. B. Non, non ten lóxica falar dunha parella estable. Os dous temos moitos proxectos por separado. Esta foi unha fase de traballo na que coincidimos e que máis adiante creo que volverá ter continuidade.
-Que achega Javier Veiga, desta volta o terceiro en discordia?
X. T. O texto e a dirección. Esta vez estamos no escenario ao xeito de Javier Veiga... Ata onde pode [ri]. En Somos criminais aparecían moito tempo Touriñán e Carlos Blanco, pero aquí non existe iso.
C. B. Achega a súa experiencia. A min estame obrigando a traballar dunha forma á que non estou acostumado. Javier é moi esixente. E achéganos presión, que neste momento tamén é importante.
-E en que enreda Javier Veiga?
X. T. Pois de primeira enrédame a min. E eu enredo a Carlos. E de aí veñen os enredos todos.
C. B. Non temos moito tempo para enredar, pero algunha noite na Illa de Arousa si que botamos unhas risas e bebemos unha botella de viño con tranquilidade.
-Onde se localiza a praia desta noite?
X. T. Na ría de Arousa. Na Toxa, en Sanxenxo... É unha praia medio privada dun hotel que xa tivo tempos mellores.
C. B. Está situada entre Sanxenxo e O Grove. Dise explicitamente.
-Que banda sonora lle porías ti a esa noite na praia?
X. T. As cancións do verán, o Caribe Mix... Iso que ten que escoitar todos os putos días ese tipo que traballa no chiringuito.
C. B. A que ten. Ábrese con Deolinda e péchase con Korosi Dansas.
-Por 25 pesetas a resposta: cousas que se poden facer unha noite na praia. Un, dous tres...
X. T. Guau! Mirar as estrelas, escoitar música, estar de festa, tomar unhas cervexas... Ata namorarse.
C. B. Ui! Cousas que nin imaxinariades. A min o que máis me gusta é bañarme de madrugada e gozar da ardora. É difícil explicar o que é ver que emites luz cando nadas. É algo moi máxico.
-A túa anécdota persoal dunha noite na praia?
X. T. Algunha teño, pero non debería contala. Mataríame a miña muller.
C. B. Unha noite cuns colegas en Area da Secada, na Arousa, Budiño colleu a guitarra e púxose a cantar. De súpeto todos dixemos: «Guau, rapaz, dálle para adiante a isto». E aí o tes.
-Nesta obra facedes dun sueco e dun galego. Es máis de Ikea ou de furancho?
X. T. De furancho, sempre. Ademais non son eu de facer o traballo doutros. Eu, no escenario, e o que faga mobles que veñan xa listos ou que mos monte na casa.
C. B. [Pon acento sueco] Mi personaje no gusta de Ikea. Pero eu si, eu confeso que teño comprado alí algunha vez.
-As comparacións van ser inevitables. Que teñen en común e en que se diferencian «Somos criminais» e «Unha noite na praia»?
X. T. Non teñen en común nada. Só que somos os dous mesmos tipos os que estamos enriba do escenario. Eu agardo que o público non se dea conta de que somos nós e pensen que son outros, Klauss e Manolo.
C. B. Son completamente diferentes. Quen vaia pensando que vai ver a segunda parte de Somos criminais que o quite xa da cabeza. Non teñen nada que ver. Este é un texto teatral. Nós pensamos que o público vai rir, pero non son gags nin sketchs. E por iso tamén nos apetecía.
-O listón está moi alto. Como asumes e como respondes ao reto?
X. T. Co cu apertado. A presión é absoluta. Pero ten que ser así para despois liberarnos sobre o escenario e gozar.
C. B. Con traballo. Levo tres meses preparando este personaxe. Desde Doberman non tiña que memorizar tal cantidade de texto. Pero se por algo nos gusta este oficio é porque formula retos novos coma este.
¿Onde velos en acción?
VILALBA AUDITORIO VENRES E SÁBADO, 21.00 horas, 16 EUROS