
Tería sido un desgusto que a algún dos meus fillos non lle interesase a lectura. Ambos foron precoces na adquisición desa maxia. Lembro eses dous momentos como dos máis fascinantes da miña vida: asistir ao intre íntimo do encontro coa palabra escrita. A actitude voraz. Tenaces, adoecían pola autonomía para descubrir e ler contos sós.
Neses primeiros anos a maioría de pais e nais somos incansabeis lendo cos fillos, ata que aprenden os textos de memoria. Escollemos con esmero contos fermosos e ben escritos, álbums nos que fantasiar xuntos. Investimos sen dubidalo. Pero podía ser que despois dese momento crucial como acabados de chegar a tan fascinante club abandonasen a lectura. Que, conseguido o desafío, perderan o interese.
O esforzo que puxemos neses primeiros anos de vida reláxase inevitabelmente co paso do tempo. A autonomía contribúe a iso. Pero que vén agora? Vivo cun preadolescente. Todo indica que non debo subestimar esta etapa e tampouco afrouxar no acompañamento lector. Proxecto as vindeiras incursións xuntos na poesía e algún clásico. A beleza. O sen alento.
Hai pouco as palabras da poeta Ida Vitale devolvéronme á preadolescente que fun. No discurso que ela pronunciou cando recolleu o premio Cervantes fala deses libros aos que chegou a destempo. Tendo libre acceso á biblioteca familiar dende nena, reivindica aquelas obras que, a determinadas idades, non chegamos a comprender de todo. Falaba de min, La Celestina ou Relato de un náufrago chegaron antes de entrar no instituto. Podería describir con detalle as edicións. Lembro moito do que espertaron, foron lecturas máis ben opacas, pero isto non evitou o namoramento: o misterio, a posición de determinadas palabras, o estrañamento. Todo segue intacto naquel verán.
A miña traxectoria lectora foi solitaria. Creo que meus pais fomentaron esa independencia, o meu criterio, aleatorio, nas escollas, ningún libro estaba prohibido ou era pouco axeitado. Mercaban as obras recomendadas na escola e usabamos a biblioteca. Non lían comigo, pero sempre falabamos do que sentía tras a lectura. Gardo moitos fragmentos daquelas conversas. A súa atención.
Teño lido moitos libros que non me gustaron, mais iso nunca supuxo desánimo. A vida lectora é unha procura na que non deixas de buscar o libro que te atravesa. Cando ese encontro sucede non quedan alternativas, unicamente continuar lendo ata dar co seguinte.
Non son coma meus pais. Envéxoo. Algo me impide deixar todo isto ao azar. Quero propiciar ese intre, asegurarme de que chegan ata a obra que os fará sentir que hai alguén no mundo escribindo para eles. Deica entón gozarei deste privilexio: seguir compartindo lecturas e conversa, estrañar personaxes, chorar e rir a gargalladas. Renovar o fascinio de cada vez. Xuntos ou sós. Ler.