«Rir sempre parece guai, pero pode ser problemático»

FUGAS

cedida

María Solar traza en «Quokka Moka», entre humor e aventuras, un relato sobre a tolerancia e o respecto no universo e no antiuniverso

20 sep 2019 . Actualizado a las 11:38 h.

É rir sempre un signo de perpetua felicidade? Vai ser que non. As quokkas, uns pequenos marsupiais que habitan en Australia, rin de xeito permanente. O seu sorriso debúxase perenne baixo o seu nariz. Dá igual que estea morta de medo, chea de ira, a piques de afogar ou que unha travesura súa poña en risco a supervivencia da especie. A quokka sorrí.

Foi a descuberta deste singular animal o que levou á xornalista e escritora María Solar a crear e relatar a aventura da Quokka Moka, o seu último libro. «Pareceume simpático xogar con ela, con ese contraste entre que fose mala, revoltosa, egoísta, que pasase medo... pero sempre coa mesma expresión», conta a autora. «Porque rir sempre parece guai, pero pódese converter en algo bastante problemático».

Ese é o punto de partida dende o que Solar traza un relato de aventuras, cheo de humor, tenrura e fantasía que se desenvolve nun universo e nun antiuniverso -«que eu creo que existe»-, colorista, delirante e surrealista por veces. Como cando os protagonistas -a quokka Moka, a súa avoa e o espírito do sapo Roco- cruzan ríos de augas rosas, campos de cor anil e percorren bosques de percebes e de ameixas, nos que atopan cans verdes, cempés que camiñan de lado ou cebras a cadros. «A literatura infantil permíteche xogar cos límites do absurdo e da imaxinación», constata María Solar. «O importante é que o contes dunha forma que te chegues a ver dentro». E vaia se te ves. Léndoo ris coma unha quokka.

Pero se de algo fala Quokka Moka é da tolerancia e do respecto. Do respecto á diferenza. De poñerte no sitio dos demais. «Todos cremos que vivimos do dereito», dille a avoa á quokka Moka, cando desco bren o mundo do revés. «Gústame romperlles os esquemas aos rapaces para que pensen. Pero facelo dende o humor. Non me gustan os libros adoutrinadores. Este é un libro de aventuras para pasalo ben», di. Un libro no que a televisión, o medio natural de María Solar, está moi presente. E ata aí podemos ler sen facer spoiler. «É normal que as miñas vivencias agromen. Os libros son coma os soños -asegura a autora-. Están distorsionados, pero forman parte de ti».

«Quokka Moka»

MARÍA SOLAR

Con ilustracións de Víctor Rivas

EDITORIAL XERAIS PÁXINAS 144 PREZO 12,40