Lorca, poeta galego

FUGAS

PILAR CANICOBA

«Yo soy un poeta gallego, tengo la misma sensibilidad de la lluvia pausada y lenta», asegurou o autor, que visitou Galicia por primeira vez con 18 anos e soubo recoller a saudade da emigración galega

07 ago 2020 . Actualizado a las 09:13 h.

Cada mes de agosto facemos un necesario exercicio de memoria en recordo daqueles que defenderon a liberdade. Federico García Lorca, asasinado o 18 do mesmo mes de 1936, foi quizais a vítima da barbarie con maior repercusión. Horas despois, quitaríanlle tamén a vida ao seu editor galego, Ánxel Casal.

Con dezaoito anos Lorca visitaba por vez primeira Galicia nunha viaxe de estudos. Era outono cando atravesaron a península para que aqueles espíritos novos interiorizasen que a arte é vida, ou esa era a intención do profesor. Na primeira parada do tren en terras galegas escoitaron cantar Campanas de Bastabales, algo que fascinara a Federico pola música e tamén porque fora inspiración para a súa admirada Rosalía.

No seu único libro narrativo, Impresiones y paisajes, describe aquel outono galego coa chuvia a caer paseniñamente sobre o verde da terra que tanto lle impactara, detense engaiolado nos miradoiros de cristais da Coruña e na alegría do seu porto, e aínda repara no hospicio de Compostela, nos xestos da xente pobre...

Na Residencia de Estudiantes Lorca traba amizade co musicólogo lugués Xesús Bal y Gay e introduce no seu repertorio cantigas do folclore galego. Galicia soa no seu piano ao tempo que le os cancioneiros medievais e se achega á obra dos poetas do Rexurdimento.

Na primavera de 1932, volve pisar as rúas de Compostela cheas de estudantes que agardaban con expectación polo autor do Romancero gitano. Algúns daqueles mozos con grandes inquietudes políticas e culturais convertéronse co tempo en referentes de noso: Seoane, Del Riego, Fole ou Carballo Calero. Todos o acompañaban en conferencias e faladoiros, tamén nas veladas do Hotel Compostela onde Lorca tocaba o piano, cantaba ou recitaba. Naqueles días achegouse ao panteón de Rosalía para facerlle unha ofrenda floral e prometeu volver o Día da Patria Galega a renderlle unha homenaxe universal.

O certo é que regresou en agosto dese ano xa como director da compañía teatral La Barraca: abandonara o traxe claro e a gravata vermella e enfundara o mono azul co emblema do grupo. Lorca levou o seu teatro ás principais cidades e aínda volvería unha terceira vez en novembro, cando coñece en Lugo ao admirado Cunqueiro e entrega á revista Yunque o primeiro dos seus poemas en galego: «Madrigal â cibdá de Santiago».

O galego escoitábao non só nas viaxes, tamén era a lingua de moitos amigos na capital e tamén a súa cando recitaba algún poema de memoria.

O dicionario humano do poeta

Entre estas amizades claves destaca Ernesto Guerra da Cal, quen lle insistiría para que escribise en galego. Sabendo que Federico anotaba por veces palabras soltas, foi el quen se prestou a facer de dicionario para o poeta.

Naquela altura, Lorca era xa un escritor de renome, acababa de publicar Bodas de sangre e emprendera coa obra unha xira por Uruguai e Arxentina. Confesou daquela nunha entrevista: «Yo soy un poeta gallego, tengo la misma sensibilidad de la lluvia pausada y lenta». A emigración galega arróupao con entusiasmo e escríbelles o poema “Cántiga do neno da tenda”, que recolle a saudade dos que están lonxe da terra.

Á volta da xira americana, Blanco Amor, gran amigo do poeta, espérao na súa casa granadina e toma as marabillosas fotografías que se conservan no Arquivo da Deputación de Ourense. Tamén será a el a quen confíe os Seis poemas galegos para que os dea ao prelo despois dunha revisión. A Editorial Nós publícaos a finais de 1935, para alegría de Lorca. Dende entón, foron moitas as edicións deses seis poemas, as voces que os cantaron e os textos en que ecoaron. Seis pezas que son símbolo da resistencia, recordo dun escritor universal que quixo ser poeta galego. Sol de agosto.