
A estreliña segue a brillar no centenario dun construtor de soños eterno
22 ago 2020 . Actualizado a las 22:54 h.O castelo de Santa Cruz de Oleiros vén de inaugurar un espazo permanente con textos literarios, obras plásticas e musicais en homenaxe a Isaac Díaz Pardo. Pola súa banda o Concello de Santiago situou nun banco da Alameda unha estatua do artista que mira a cidade que o viu nacer. Así mesmo, o Consello da Cultura Galega anunciou a publicación en rede das cartas cruzadas entre Seoane e Díaz Pardo. Tamén o albariño Martín Códax etiquetou unha edición limitada de botellas onde aparece o rostro do intelectual no canto do pergamiño Vindel. E a campaña «Unha manda de pezas para Isaac» recolle en rede as achegas artístico-literarias que cadaquén queira deixar na súa honra. Estas son só algunhas iniciativas coas que diferentes colectivos están a celebrar o centenario do home máis querido de Galicia, en palabras de Manuel Rivas.
Díaz Pardo naceu un 22 de agosto de 1920, na coñecida como casa da Tumbona, na compostelá rúa das Hortas. Alí seu pai instalara un taller onde desenvolvía as encargas como ilustrador, pintor e escenógrafo. O pequeno Isaac medrou entre lapis e pinceis, pero tamén entre persoeiros que visitaban o pai, Camilo Díaz Baliño, membro das Irmandades da Fala e amigo de Castelao, Otero Pedrayo, Risco, Fraguas ou Cabanillas. Naquela época os recursos eran escasos e o rapaz axudaba no que podía, foi así como Díaz Pardo realizou a maior parte dos carteis de propaganda do Estatuto, aínda que só asinase un, o dos comunistas.
Non cumprira os dezaseis anos cando o fascismo tronza a súa vida: seu pai é asasinado tras varios días en prisión, unha historia que chegaría a ser coñecida a través das páxinas da novela O lapis do carpinteiro, que recrea na ficción o pintor que antes de morrer debuxou o rostro daqueles que o acompañaban na cadea. Certamente Díaz Baliño retratou aquelas vinte miradas, entre elas a do seu amigo e alcalde de Compostela, Ánxel Casal. Naquelas horas previas a ser executado tamén lle escribiu un poema ao fillo que xa non volvería ver: «Prendinlle na cabeza do meu fillo,/ unha estreliña forxada na irmandá/ e quero ver brilar a lus d'esa estreliña/ hasta chegar cegar./ Que vexan os demais n´esa estreliña/ a lus da libertá,/ que vexan que o tesouro máis querido/ o ten o seu brilar./ Estreliña feituca de cariños,/ estrela do meu lar,/ que sempre te levei como reliquia/ de Terra, Dios e Nai,/ xa te deixo prendida no meu fillo/ por sempre endexamais».
Aquel adolescente, magoado pola perda do pai, converteríase co tempo nun guieiro a través da súa actividade constante en favor dunha Galicia dona de si e do seu inquebrantable compromiso ético co país. A estreliña prendeu en Isaac e segue a brillar aínda despois da súa morte. Se ben, o camiño non foi doado: orfo de pai, cunha nai que perdera o sentido despois de que lle arrebatasen o seu home, Díaz Pardo consegue fuxir á Coruña disfrazado de cego e agocharse no faiado duns familiares. Alí pasa medio ano ata que comeza a traballar e a gañar a vida de maneira precaria. Atrás quedara o desexo de ser arquitecto, pero grazas a unha bolsa consegue estudar Belas Artes na Academia de San Fernando, en Madrid. Na capital visita o Prado unha e outra vez cunha libreta onde toma notas. Comezan as exposicións, con primeiras obras marcadas polo clasicismo e polas figuras humanas de gran tamaño, e pouco a pouco hai unha renovación pictórica que o leva a unha temática de denuncia social. Como home modesto dicía que naquel momento era doado triunfar en Madrid porque todas as persoas de valía estaban fóra. O certo é que axiña cansou de retratar a burguesía e vender cadros ás clases adiñeiradas, aínda que o punto de inflexión chegou coa encarga dos murais do Val dos Caídos, unha tarefa moralmente imposible que o empuxa a marchar da capital e abandonar a pintura pola cerámica.
Sargadelos, prestixio para Galicia
En Sada funda Cerámicas do Castro, unha experiencia empresarial que vai levar a cabo tamén en Arxentina coa fábrica de Magdalena. Xa nos anos sesenta decide crear, xunto a Luís Seoane, o Laboratorio de Formas de Galicia, dedicado a recuperar a memoria histórica do país a través de publicacións que daban á luz en Ediciós do Castro, pero tamén con outros proxectos: o Museo de Arte Contemporánea Carlos Maside e Sargadelos, coa recuperación da actividade industrial da fábrica. Dous soños que cumpren agora 50 anos.
Sargadelos converteuse nunha marca de prestixio para Galicia, co azul cobalto característico das pezas, cunha decoración enraizada na terra, cun modelo de produción pioneiro sustentado en criterios de aforro enerxético e con moita da maquinaria patentada por Díaz Pardo. Non hai casa galega que non teña unha figura de Sargadelos, un éxito del e de quen camiñou sempre ao seu carón, Carmen Arias, Mimina, que participou en todos os proxectos e foi a autora de deseños, así como do taller de xoiaría con cerámica.
Isaac Díaz Pardo sempre se definiu como un home «conservador, libertario, inconformista e descreído», nós engadiríamos que foi un construtor de soños necesario e eterno.