Pasear, escribir, pensar

Diego Ameixeiras

FUGAS

Pilar Canicoba

02 oct 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

En Flor de Pasión, aquel emblemático programa de RNE 3 que conducía Juan de Pablos, soaba moito Pasear, tema do cantante valenciano Julio Bustamante. A min cadrábame traballando, especialmente cando se emitía de madrugada, pero sempre que escoitaba esa canción sentía unha ansia tremenda por dar o paseo máis importante da miña vida. «Sin lugar a dudas, eres alguien que huye del campo de exterminio y por eso paseas por ahí de un lado a otro, todos los días». Estamos encadeados ás pantallas, pero nada debería ser máis urxente agora mesmo que pasear. A todos, ao longo das nosas vidas, un paseo a tempo logrou solucionarnos un amor ou unha contractura, ademais de aclararnos as ideas. Pero falamos de voltas tranquilas, sen forzar a máquina, por simple placer, como recomendaba Karl Gottlob Schelle en A arte de pasear. Un xeito de camiñar reflexivo que se opoña á dinámica acelerada destes tempos, máis próxima á imaxe do runner sen folgos que avanza coa lingua fóra.

Porque o verdadeiro paseo, máis alá dos beneficios para a saúde, nunca ten un carácter finalista. Non esixe un consumo obrigatorio, tampouco un pagamento polos servizos recibidos. Se temos a sorte de que o físico nos acompañe, sempre podemos dar unha volta por algún ángulo do mundo nada máis abrir a porta da casa. Canta Bustamante: «Decididamente, has llegado a ser un solitario, un hombre pobre en apariencia, un hombre humilde, un hombre libre». E todo iso dando un simple garbeo. Quizais por ser tan doada de practicar, e porque a estas alturas da historia todo debe ter un obxectivo ou suscitar un movemento económico, esa arte paseante de Schelle xa non se valora na súa medida. Pasear en solitario pola cidade con espírito curioso, decatándonos de que nunca a saberemos de memoria, non é un exercicio moderno. Non serve para demostrarlles aos amigos que vivimos ao límite, como cando presumimos de ver seis capítulos dunha serie un domingo pola tarde. Mesmo nos converte en tipos sospeitosos que quizais agochemos un obxectivo ilícito nese interese que poñemos en certificar con calma a extensión dunha alameda.

«Pasear, escribir, pensar, tal vez beber. ¿Qué son sino maneras de rezar?». Para escribir a suxestiva letra de Pasear, Julio Bustamante inspirouse en Deseo de ser piel roja, un ensaio de Miguel Morey, premio Anagrama en 1994. Camiñar atinxindo a sabedoría dun apache, en alerta ante os misterios do universo, aferrado coma un místico ao silencio do presente, deben ser xa palabras maiores. Un estadio mental superior, un achegamento á condición de viandante perfecto. Pero ao regreso de paseos máis convencionais, mesmo cando non pretendemos o seu valor terapéutico, podemos experimentar esa maxia de sentirnos despoxados dunha carga que nos fería e agora nos parece un lastre lixeiro. Notar que volvemos máis sutís e renovados, con enerxía para examinar mellor aquilo que antes nos parecía inabordable. Nestes tempos hipertensos, o paseante pausado é un opositor necesario ao desgoberno da impaciencia. Vou dar unha volta, que teño cita co crecemento dun magnolio.