A literatura a pequenos grolos

FUGAS

Arantza Portabales en Compostela.
Arantza Portabales en Compostela. XOAN A. SOLER

20 dic 2020 . Actualizado a las 11:31 h.

Achégase este Nadal estraño coa ilusión xusta e coa mirada esperanzada no ano que vén. As editoriais apuran os últimos días para ter nas librerías as novidades e as autoras e os autores presentan as súas obras condicionados polo aforo e as restricións perimetrais. Os libros reclaman a nosa atención nos escaparates, nas mesas de novidades ou nas mans de amizades que comparten lecturas nas redes sociais. Os poucos medios que aínda manteñen un espazo cultural tamén fan recomendacións e así imos escolmando algúns títulos para agasallar nestas datas próximas. Oxalá en todas as casas haxa un paquete que agoche unha novela, un poemario, un cómic, un ensaio... Tamén para aqueles que din non ler. E quizais neses casos sexa bo que comecen por historias pequenas que requiren pouco tempo, mais que quedan a remoer en nós.

Como lectora devota de Cortázar éme imposible non volver unha e outra vez ás Historias de Cronopios y de Famas, onde atopamos relatos cheos de ironía que nos levan a reflexionar sobre o cotián. Quen non lembra aquel primeiro capítulo que incluía textos tan deliciosos como: «Instrucciones para llorar», «Instrucciones para subir una escalera», «Instrucciones para amar a una persona», «Instrucciones para dar cuerda a un reloj»… Na literatura galega, Núñez Singala inspírase nesta obra para achegarse a situacións normalizadas en Galicia que, en realidade, non o son tanto. Así, as Instrucións para tomar café conseguen debuxar sorrisos cómplices marcados pola retranca e pola proximidade desas anécdotas.

Na escrita de relatos hiperbreves, Castelao é un referente, incluso consideramos Cousas coma un xénero en si mesmo. Non foi o único rianxeiro que amosou bo facer na arte de narrar con poucas palabras, pois Rafael Dieste tamén contou os caracteres dos relatos da primeira edición Dos arquivos do trasno, ao seren publicados anteriormente en xornais. Máis recentemente, pero considerado un clásico da narrativa breve, Erros e Tánatos, de Gonzalo Navaza, ou Á sombra dos bonsais, o xogo literario que nos propón Antón Riveiro Coello con narracións que perden a extensión a medida que avanzamos nas súas páxinas.

Moitas son as propostas. Agora ben, se hai unha autora galega que reivindica a brevidade, neste caso a través dos microrrelatos, esa é Arantza Portabales. A escritora de novelas de éxito como Deixe a súa mensaxe despois do sinal ou Beleza vermella ten contado en máis dunha ocasión que comezou a escribir con corenta anos e que o fixo participando en concursos cos seus microrrelatos. Estes días volve ás librerías con Historias De Mentes (Bululú), e faino co xénero que a deu a coñecer, porque as boas narradoras precisan poucas palabras para construír un relato. Portabales lévanos a situacións límite para profundar nas reaccións do ser humano e consegue non perder un ápice de emoción malia ter que construír un texto baseado na contención e na concisión.

A literatura a grolos pequenos tamén sorprende e aproveita. E se non, probade. É un momento nada máis.