20 mulleres da cultura que debes coñecer

FUGAS

FUGAS

Hai moitas máis, pero estas 20 profesionais son o motor de Galicia dende a literatura á música, o cine, a arte urbana e as plásticas. Mulleres para dar a volta e mirar!

08 mar 2024 . Actualizado a las 12:15 h.

As mulleres galegas son pan para mañá, son un mar de herba de cultura no que todo se pode cultivar. A cultura galega perde pé sen o traballo das súas mans. As nosas redeiras da arte de crear son moitas máis que vinte (neste artigo, xa van finalmente máis!). A súa é unha rede que non deixa de tecerse e medrar. Co apoio de cinco personalidades activas do mundo da cultura, vai unha selección de imprescindibles para celebrar, dando as caras, o día da Muller.

 O dicionario actual en feminino de referencia en Galicia comeza polo A de Ana Romaní, poeta e xornalista que entrou na RAG no 2019; Antía Yáñez, enxeñeira de Camiños que converteu a denuncia da violencia machista en supervendas co thriller Senlleiras; Alba Cid, distinguida co Premio Nacional de Poesía Joven 2020, ou Abi Castillo, ilustradora e escultora que deixa a súa pegada dende na paisaxe urbana de Vigo ata nunha colección de Zara. As súas caras de muller son inconfundibles. Polo B, a revelación galega do 2020 para o público mundial, Benedicta Sánchez, fotógrafa, libreira, alpinista, alma viaxeira que aos 84 anos gañou o Goya á actriz revelación por O que arde e protagonizou un anuncio de Adolfo Domínguez. Polo C non pode faltar Cristina Pato, gaiteira, pianista e divulgadora cultural sen fronteiras. Tampouco Cristina Domínguez, mestra da escenografía con longa experiencia nas táboas; foi directora do Centro Dramático Galego e é vicedirectora da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia. Polo Ch, a poeta e académica Chus Pato está entre as voces que máis revelan por qué a poesía galega é unha potencia mundial. Polo D, é un sólido valor a poeta e editora Dores Tembrás, e a ollada de cine de Diana Toucedo, referente do novo cine galego que abraiou na Berlinale.

Polo E, a produtora Emma Lustres, fundadora de Vaca Films, e Elena Ferro, zoqueira que acadou o Premio Nacional de Artesanía. Polo F, escoitade a Faia Díaz, do grupo musical De Vacas, que escacha o molde nun mu, e lede a Fina Casalderrey, mestra, gastrónoma, membro da RAG que ten o punto das historias e a mellor receita de arroz con leite (a favorita do presidente da Real Academia Galega). Polo G, Guadi Galego, artista en todas as linguas, Premio á Promoción da Realidade Plurilingüe do Estado. Polo H non esquezades a Helena Villar Janeiro, membro correspondente da RAG que participou na construción da cultura da autonomía nos 70. Polo I, seguide a actriz Isa Naveira, que destacou en Concepción Arenal, la visitadora de cárceles e en series como Mareas Vivas, Fariña ou Néboa. Polo L celebremos á deseñadora Lula Goce, que emociona con murais en Sada, Barcelona, Suecia ou Estados Unidos. E o talento de Ledicia Costas, raíña da literatura xuvenil, e no top co seu debut na novela para adultos, Infamia. Polo M son piares vivos do pensamento libre e feminista as escritoras María Xosé Porteiro, Marilar Aleixandre e María Xosé Queizán. Na música, Mercedes Peón, premio Nacional de Música, Premio á Autenticidade e Premio da Crítica de Galicia. O seu disco SÓS foi considerado pola crítica un dos mellores do mundo. En supervendas, visitade o bosque dos catro ventos de María Oruña. E, xa polo N, seguide a pista de Nieves Abarca, raíña coruñesa do xénero criminal. Polo O, namora Olga Novo con Feliz Idade, Premio Nacional de Poesía 2020. Seguida, polo P, de quen levou o máximo galardón da poesía en España o ano anterior, Pilar Pallarés, con Tempo Fósil. Que non falte a ollada de Patricia de Lorenzo, fundadora de Chévere.

Polo R, é un referente ao longo Rosario Álvarez, primeira muller á fronte do Consello da Cultura Galega. Tamén Rosario Sarmiento, experta en xestión de proxectos culturais cunha sólida traxectoria, un dos nomes imprescindibles do galerismo. Polo S, vai un berro polo éxito da cantante Sés, que segue a Liberar as arterias. Tanxugueiras é boa proposta polo T, por seguir o son da música con máis poder. Polo U, que non deixe de soar Uxía, premio Rebulir da Cultura Galega, unha Rosalía que non deixa de cantar, que non esgota a fala. Polo V (neste caso, apelido), tede en conta a ollada crítica de Dolores Vilavedra, coordinadora do gran Dicionario da literatura galega. Polo X vai sendo hora de mencionar á cantante de A Banda da Loba, Xiana Lastra, unha das músicas e activistas da cultura con maior potencial, hoxe presidenta da asociación Músicas ao Vivo. Yolanda Castaño, que fai da poesía un continuo intercambio cultural, é o referente polo Y deste dicionario abreviado das nosas redeiras culturais, que ben pode acabar polo Z da escritora Mercedes Queixas Zas.

Vinte das imprescindibles da nosa cultura

SANDRA ALONSO

ROSARIO ÁLVAREZ

Presidenta do Consello da Cultura Galega

É a primeira muller presidenta do Consello da Cultura Galega e unha estudosa de primeiro nivel que dirixiu o Instituto da Lingua Galega. Nada en Pontevedra en 1952, é coautora da Gramática de referencia da nosa lingua

VÍTOR MEJUTO

YOLANDA CASTAÑO

poeta e dinamizadora cultural

Yolanda Castaño (Santiago, 1977) revolucionou a poesía nos 90, organiza o ciclo Poetas Di(n)versos e puxo en marcha a primeira residencia literaria da Coruña, a 1863. A literatura galega viaxa con ela polo mundo adiante

Voz Audiovisual

MELANIA CRUZ

actriz

A protagonista de «Ons», Melania Cruz (Lugo, 1983) representa o futuro das artes escénicas. Cofundadora de A Quinta do Cuadrante, é unha das clásicas do noso teatro e televisión, e tamén unha das actrices na vangarda do cine galego

Oscar Vázquez

ABI CASTILLO

ilustradora

Licenciada en Belas Artes, é unha das artistas cun estilo máis vivo, que marca tendencia. Abi Castillo (Vigo, 1987) triunfou co deseño dunha colección de camisetas de Zara. A súa pegada abraia tamén nas paredes da paisaxe urbana galega

Santi M. Amil

CRISTINA PATO

música

Mestra gaiteira, pianista e gran divulgadora da nosa cultura, a música ourensá nacida no 80, que recibiu a Medalla Castelao no 2017, é profesora invitada da Universidade de Harvard e un referente no xornalismo cultural

VÍTOR MEJUTO

BENEDICTA SÁNCHEZ

actriz revelación

Distinguida co Premio Goya á mellor actriz revelación no 2020, a lucense Benedicta di que non é moi de cine, pero levou todos os focos cara a Galicia na posta de longo da película «O que arde» nos festivais. Aos 85, é unha estrela cunha vida de cine que contar

Paco Rodríguez

MENCHU LAMAS

pintora

É unha chave para entender a pintura española contemporánea e a pintora galega con maior proxección. Cofundadora de Atlántica nos 80, Menchu Lamas (Vigo, 1954) pinta Galicia no mapa internacional. Unha mestra das emocións en gran formato

BORJA BATALLA

MARÍA XOSÉ QUEIZÁN

piar feminista

A escritora e tradutora María Xosé Queizán (Vigo, 1939), catedrática de Lingua e Literatura, é unha das máis relevantes figuras do movemento feminista. As súas, din os que a coñecen, non son nunca opinións de segunda man. Rexeita entrar na Real Academia Galega

Carlos Abal

GUADI GALEGO

cantante

Premio á Promoción da Realidade Plurilingüe do Estado polo disco «Immersion», Guadi Galego (Cedeira, 1974) recibiu o Premio Martín Códax da Música á Mellor Artista en Indie/Pop no 2020. Unha loitadora cotiá dende os 90 que vén de lanzar «Costuras»

CESAR QUIAN

EMMA LUSTRES

produtora

Fundadora de Vaca Films, Emma Lustres (O Grove, 1975) é unha das grandes do audiovisual e a primeira muller en ocupar un posto na directiva do Deportivo. Os Goya distinguírona por filmes como «Celda 211». O público celébralle «El desorden que dejas»

SANDRA ALONSO

MARÍA XOSÉ PORTEIRO

escritora

Galega polo labor, María Xosé Porteiro (Madrid, 1952) coordina o Centro de Documentación en Igualdade do Consello da Cultura Galega. «Sándalo» é a súa gran novela río da emigración

PACO RODRÍGUEZ

XIANA LASTRA

música

A cantante de A Banda da Loba, que abraiou co primeiro disco e gañou o aRitmar da música galega e portuguesa, é deseñadora e produtora en Seispés. Lastra (As Pontes, 1983) é a presidenta da asociación Músicas ao Vivo

XOAN CARLOS GIL

LEDICIA COSTAS

escritora

É dende hai anos a raíña do corazón do público máis esixente. Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil, Ledicia Costas (Vigo, 1979) acadou o top no 2020 en España co «thriller» de terror para adultos «Infamia»

ELENA FERRO

zoqueira

Terceira xeración dunha familia de zoqueiros, levou o noso calzado tradicional a pisar alto e a ser tendencia mundial. Elena Ferro (Vila de Cruces, 1975), á fronte da empresa Eferro, gañou o Premio Nacional de Artesanía no 2019

M. P

MERCEDES PEÓN

cantante

A súa é unha das voces con máis saber, de percorrer as aldeas de Galicia para atopar o seu son. Mercedes Peón (Oza-Cesuras, 1967), que vén de arriscar de novo con «Déixaas», é sempre de vangarda internacional

ALBERTO LÓPEZ

MARÍA VÁZQUEZ

actriz

Premio Mestre Mateo 2019 á mellor actriz por «María y los demás», María Vázquez (Vigo, 1979) traballou con Montxo Armendáriz ou Iciar Bollaín e é unha das caras que máis triunfan do noso audiovisual

PACO RODRÍGUEZ

MARILAR ALEIXANDRE

escritora

Escritora e bióloga, Marilar Aleixandre (Madrid, 1947) abrazou a cultura galega de corazón. Membro da Real Academia Galega dende o 2017, coordina desde a institución o centenario de Pardo Bazán

CAPOTILLO

ALBA CID

poeta

É unha das voces máis refrescantes da lírica galega, recoñecida co Premio Nacional de Poesía Joven 2020 por «Atlas». A literatura é o mapa do real, segundo Alba Cid (Ourense, 1989), unha maga en dar contido á Rede e ao Instagram

SANDRA ALONSO

CRISTINA DOMÍNGUEZ

directora teatral

Nome de referencia no teatro, Cristina Domínguez (Pontevedra, 1965) traballa na Factoría Teatro, facendo dialogar a arte galega coa vangarda europea. É a vicedirectora da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia

Oscar Vázquez

LULA GOCE

deseñadora

É un dos referentes máis emocionantes en «street art» do mundo. Nenas e mulleres son enormes nos seus murais. Lula Goce (Baiona) inmortalizou a Díaz Pardo nunha medianeira en Sada e a Blanca Suárez en Nova York