Yolanda Castaño: «Non sei como viviría Xela Arias esta homenaxe, a entrada directa no canon»

FUGAS

ANGEL MANSO

Castaño recompila os fitos da vida da poeta Xela Arias, que foi tradutora, correctora e ata madriña da xeración Xabarín, como así bautizaron a primeira colección galega de libros para os máis novos

16 may 2021 . Actualizado a las 00:18 h.

Indican na contraportada de Xela quixo ser ela (Xerais) que a biografía da escritora que naceu en 1962 e faleceu repentinamente aos 41 anos dun ataque ao corazón está pensada para o público xuvenil. O certo é que o libro se devora coa ansia dun neno que devece por saber máis. O cariño que Yolanda Castaño sente pola autora, á que lle dedicou unhas palabras no 2003, no seu funeral, contaxia a súa admiración pola poeta fiel aos vaqueiros, ao negro e á cazadora de coiro.

­-Por que foi pioneira?

-Levou a poesía fóra da cadeira do lector e sacouna a pé de rúa. Baixouna das academias, dos púlpitos, e entendeuna como algo máis próximo á vida, facéndoa dialogar con outras linguaxes creativas, a música e a fotografía. Cando publicou sobraban os dedos da man para contar as mulleres poetas que o facían, como cando Vero Boquete se fixo futbolista profesional. Son moi necesarios os referentes que normalizan. Foi valente por crear o seu camiño. Non se deixou guiar por estereotipos, por modelos previos e alleos. A súa proposta discordaba dos canons que a crítica canonizou co tempo. Pasou pasaxes á intemperie para ter autonomía.

-Licenciouse en Filoloxía Hispánica con 34 anos. Sentiuse algunha vez unha intrusa?

-Para acadar a independencia radical, a económica, tivo que buscarse a vida. O ambiente que a circundaba era o de finais dos 70. As altas expectativas que traía a democracia chocaron contra a realidade, a reconversión naval e os altos índices de paro xuvenil. Houbo bastante frustración. Cando lle xurdiu un traballo, abandonou a secundaria. Entrou con toda a ilusión nun proxecto emerxente que subía como a escuma, a editorial Xerais. Co tempo, véndose tan relacionada cos libros, a lingua, a tradución, era correctora de estilo, pensouno mellor e considerou que sería interesante ter a carreira. Tamén para acadar o seu outro soño: ser profesora.

­-Como era ese canon que evitou?

-Predominaban os textos bucólicos, a natureza máis idealizada, estética. Ela procura escenarios urbanos moi reais. É moi honesta, mesmo sucia, underground, da cidade nocturna, dos barrios menos favorecidos. É moi importante rachar cos estereotipos que vinculan o galego a certas actitudes ou obras conservadoras, ruralistas. Existen voces poéticas novas, xente que anda nos 20 anos con libros publicados xa, penso en Antón Blanco Casás, cuxo revulsivo foi a dedicatoria das Letras Galegas a Lois Pereiro. Ver que Pereiro tamén era poesía galega foi unha idea rachadora. Por iso penso que este tipo de eleccións son moi efectivas.

Pereiro é máis punk, ela é máis rock, conectou co público

yolanda
ANGEL MANSO

-Hai un fenómeno Xela Arias?

un dos maiores éxitos editoriais dos últimos tempos como homenaxeada. Recórdame un pouco a Pereiro. El era máis punk, ela máis rock. Non creo que a súa elección fose estritamente por catro poemarios, senón pola figura que representa. A obra de Xela non é tan doada, é unha poesía contemporánea complicada. O máis interesante son os valores que transmite, todo o paquete: a súa biografía, mesmo a súa personalidade. Unha muller nova, transgresora, a contracorrente. Ao público estalle resultando máis doado conectar con esta figura.

-No libro, aclaras: «Xela falaba galego».

-A chave para que consiga un dos seus maiores soños é o galego. Fórona un pouco a buscar á casa da editorial polas súas altas competencias no galego falado e escrito. Ela naceu nun entorno rural, na Granxa de Barreiros. Vén dunha familia de orixes rurais, tanto por parte de nai como de pai, moi concienciada coa intelectualidade galeguista. Desde neniña, dentro e fóra da casa, fala galego. Na vila, en Sarria, ás veces escoita iso de: «Qué pena, una niña tan mona hablando gallego...». Sempre o mantivo. De xira con Carlos Oroza, o referente da poesía beat, el non se apeou nunca do castelán nin ela do galego.

-Viaxamos a dúas épocas apaixonantes: o Vigo da movida dos 80 e o Lugo de Antonio Fernández, creador de Zeltia e Pescanova, do Colexio Fingoi ou da granxa escola de Barreiros, en Sarria.

-Detívenme máis aquí polo público ao que está dirixido o libro e porque me interesaban eses primeiros anos de Xela. En Lugo, Antonio Fernández é unha institución, como empresario e como filántropo que introduciu o ensino agropecuario ademais de crear o Colexio Fingoi, un proxecto pedagóxico ilusionarte do que foi director Carvalho Calero. Un ano despois de deixar el Fingoi, Xela comezou a estudar alí. Quen lle diría a Calero que sería a súa sucesora nas Letras Galegas.

-Hai outra figura clave, Valentín Arias.

-O ámbito familiar foi moi importante para a construción da conciencia de Xela. Seu pai, Valentín Arias, foi unha figura con moita personalidade, un intelectual galeguista. Esa actitude tivo que cravarse nos ollos de Xela, que mesmo nalgúns momentos quixo opoñerse a ese modelo para crear o seu propio.

-«Foi libre porque non foi máis ca quen ela desexaba». A autodeterminación marcouna no laboral e persoal, como cando quixo ser nai.

-É moi doado deixarse levar polas inercias do que a sociedade nos impón, do que se espera de nós. Esixe un esforzo tomar cada un deses tópicos e cuestionalos un a un. É moi difícil peneirar no bosque de identidades ata atoparte. Ela fíxoo. Por iso tivo éxito.

-Gustaríalle este recoñecemento?

-Iso é o único que me dá un pouquiño de problemas de conciencia. Era suspicaz. Sospeitou da consagración, non se sentía cómoda co acomodado e esta homenaxe é a entrada directa no canon da literatura galega. Pero creo que tamén estaría feliz.