Xela segue viva na rúa

FUGAS

A súa pegada é profunda nos lugares que a viron medrar, pero tamén no resto de Galicia, no plano artístico e nas novas xeracións, que recollen a súa mirada feminista en temas como a maternidade

17 may 2021 . Actualizado a las 11:28 h.

En Galicia respírase  Xela polos catros costados nos preparativos do seu día grande, o das Letras. As letras coas que inspirou, sempre adiantándose, á súa xeración e ás seguintes. As novas seguen a beber do seu legado desde os pupitres nos que ela medrou. Ainhoa e Paula, alumnas de 4.º de ESO do IES Castelao de Vigo, están descubrindo a unha das súas alumnas máis ilustres. «En plástica estamos cuns traballos sobre distintos poemas dela que temos que representar. E en Lingua, no departamento de Dinamización, facemos actividades con outros centros», di a primeira.

Precisamente atopamos á súa clase cos seus traballos nunha das imaxes que ilustra esta reportaxe, e que forma parte dunha ampla programación que arrancou o pasado 16 de abril coincidindo coas decenas de iniciativas expositivas, editoriais e sociais en toda a comunidade. Ainhoa, como a súa compañeira Paula, acaba de estrearse coa obra de Xela. «Sempre aprendemos a historia de xente importante, pero nunca as relacionáramos co noso propio instituto», comentan. Os temas dos seus poemas -«que non son como os demais», sinalan- e a súa forma de tratalos é o que máis chama a atención destas estudantes. Paula engádelle á vertente literaria un compoñente social: «Eu quedo con que sempre defendeu os dereitos das mulleres, a igualdade, e paréceme algo a destacar».

IES Castelao. Estudantes de 4.º de ESO no centro cos seus traballos sobre a escritora
IES Castelao. Estudantes de 4.º de ESO no centro cos seus traballos sobre a escritora M.MORALEJO

Neste eido feminista, a da maternidade é outra das liñas máis vixentes da escritora. Así o confirma Berta Dávila, que acaba de prologar a reedición de Darío a diario, a nova adaptación da célebre obra na que Xela fala do nacemento e a crianza do seu fillo. «O libro ten plena vixencia, é entrañable e está cheo de tenrura. Desde a intelixencia lingüística e poética, cuestiona determinados tópicos xa non da maternidade, senón tamén da crianza», indica sobre unha obra que promulga a autonomía e a independencia do vástago nun tempo no que non se enfocaba desde esa ollada.

Dávila, que chamou ao seu propio fillo Darío, di que atopou neste libro unha visión sobre a crianza en liberdade «que segue moi vixente, como o feito de que as nais poidan facerse preguntas e de que sexamos nós as que nos contemos a nós mesmas, e non outros». Xela segue presente, apunta, por ser «unha autora moi xenuína que deixou unha pegada auténtica, capaz de resistir ao paso do tempo».

Colexio Fingoi. Nenos de 6.º de primaria preparando un proxecto sobre Xela en clase de Lingua
Colexio Fingoi. Nenos de 6.º de primaria preparando un proxecto sobre Xela en clase de Lingua OSCAR CELA

Proba diso é que todas as etapas do primeiro colexio da homenaxeada, o Fingoi de Lugo, están envorcadas en lembrar a Xela, que medrou entre o centro e a granxa-escola de Barreiros, antes de mudarse a Vigo. «Aquí estudou dous cursos cando era moi pequena. Cada ciclo está traballando unha etapa diferente con materiais distintos. Os pequeniños atenden aos contos e á plástica, os de primaria están coas traducións do conto da fraga leopardicia que Xela presentara con 11 anos ao premio do Facho, ou co texto que escribiu o seu pai de Xeliña fala galego. Na ESO e bacharelato acceden máis á súa poesía, con obras como Denuncia do equilibrio e Intempériome, e fan actividades de solidariedade ás que estaba vinculada Xela, con diferentes colectivos, e relacionadas co ecoloxismo», explica María Casar, xestora cultural do centro, que engade: «A música vai ser o fío condutor da festa das Letras Galegas, que celebramos a próxima semana e na que facemos unha ponte entre Carvalho Calero e Xela. Iremos desde a música tradicional á dos anos 80 e 90, co rock e as letras que ela escribía para o grupo Desertores. Ademais, o día da festa os alumnos farán un graffiti».

O rostro de Sarria. Unha rúa leva agora o seu nome, preto desta fachada que a loce a gran tamaño
O rostro de Sarria. Unha rúa leva agora o seu nome, preto desta fachada que a loce a gran tamaño Alberto López

Galicia enteira amosa estes días a arte de Xela nas súas rúas, partindo desde Sarria, que rebautizou unha co seu nome en substitución do de Primo de Rivera, moi preto da fachada que loce o seu rostro. O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, celebra a súa elección este ano. «É unha figura que achega moitísima novidade e frescura, na súa época e hoxe. Xela é modernidade e magnetismo poético, ética e estética literaria, unha rapaza libre das ataduras e dos clixés propios da súa formación literaria clásica. Homenaxeamos a unha poetisa moi feminista, a unha tradutora moi importante, a unha mestra... Ten moitas facetas», indica González, que afirma que herdamos dela moito máis que textos: «A vida é máis curta do que parece, a ela mesma tocoulle ter pouca, e esa é outra lección que nos deixa. Hoxe fan falta moitas ganas de vivir, e Xela era un vendaval de aire fresco». Hoxe ese vendaval percorre Galicia na súa memoria.