Como se gañan falantes en galego?

FUGAS

Verónica Boquete, Ángel Carracedo, Iria Veiga e Baiuca participan no proxecto «Novas voces para a lingua», para conectar o galego coa mocidade
Verónica Boquete, Ángel Carracedo, Iria Veiga e Baiuca participan no proxecto «Novas voces para a lingua», para conectar o galego coa mocidade FUGAS

Vero Boquete, Ángel Carracedo, Iria Veiga, Baiuca e Laura Lamontagne son algúns dos referentes que amplían o campo de xogo da lingua ao fío dun proxecto pioneiro de tres estudantes no que contan a súa relación coa lingua

11 may 2023 . Actualizado a las 16:47 h.

«Hai que manter viva a lingua». Seguro que escoitaches a frase máis dunha vez. «É unha frase que me incomoda. Á lingua non hai que mantela viva coma se fose un moribundo enchufado a unha máquina. O galego non é unha lingua que hai que manter viva, é unha lingua na que hai que vivir», afirma Lois Alcayde, guionista do proxecto Novas voces para a lingua, resultado da preocupación de tres estudantes de Comunicación de Santiago polo futuro do galego. «Preguntamos a xente da nosa xeración quen son os seus modelos e gravamos as conversas deses mozos e mozas cos seus referentes, fuxindo de campañas publicitarias, porque o galego está aí. Eses referentes falan de como o galego está na vida, no seu traballo, no seu día a día. E nestas pezas non é só da lingua do que falamos; tamén da infancia, de inquedanzas, de preocupacións. A lingua é algo que se dá por feito, está aí de xeito natural», subliña Paula Quiroga, directora desta serie elaborada en colaboración coa Real Academia Galega para sacar o idioma da súa zona de confort cultural, para ampliar o campo de xogo da lingua.

A reflexión xorde mesmo tomando chocolate con churros, e vese en cinco vídeos protagonizados por referentes da ciencia, o deporte, a música, o cine e o teatro que usan o galego no cotián: Alejandro Guillán, Baiuca, e Laura Lamontagne, os directores Andrés Goteira e Sara Hermo, as actrices de Panadaría Teatro, a psiquiatra Iria Veiga e o xenetista Ángel Carracedo son, con Verónica Boquete, eses referentes elixidos que nos invitan a asomarnos á relación coa lingua. En galego vívese, créase, innóvase, trabállase ben? Que relación teñen eles coa lingua?

«Para min escoitar o galego é estar na casa -comeza a futbolista-. Cando contactaron comigo por este proxecto, estiven encantada de participar. Levo anos fóra, e cando estás fóra parece que tes máis morriña, máis agarimo pola cultura e a lingua. Sinto que nos últimos anos hai un esforzo por parte de todos para valorar o galego, parece que estamos máis orgullosos do noso», considera a xogadora do AC Milán, que recorda hai tempo á súa nai contando na casa como na escola hai décadas había que falar sempre castelán. «Eles viñan da aldea e cando falaban galego era: 'Mira, aí veñen os da aldea...'. Durante anos iso fixo moito dano. Pero agora hai outra corrente. A xente nova ve o galego doutra maneira, está máis orgullosa da lingua, e ten moito que facer por conservar e dar prestixio á lingua con naturalidade. E niso se está», asegura a excapitá da selección feminina española de fútbol. En Novas voces para a lingua, entrevístaa Víctor Pérez Currás. «Admiro a Vero Boquete porque, movéndose co fútbol por todo o mundo, mantén viva a lingua», di na peza o xornalista, que nesta serie (podes vela na web da RAG) fala coa deportista no estadio ao que lle dá nome.

«Nós partimos dunha concepción popular da cultura. A cultura, canto máis afastada do popular, máis distante é. Polo que vimos en campañas previas do galego, sempre houbo unha intención sociolingüística no sentido racionalista da palabra e con iso só non se constrúe unha nova xeración de falantes. Sempre que se dan argumentos para empregar o galego son de tipo racional, é un 'Hai unha perda estatística de falantes, que mágoa...!'. Sempre que falamos do galego partimos dunha derrota previa. Nós queriamos apelar ao desexo indo ao máis íntimo: as sensacións, o que nos conecta coa infancia, co país», achega Alcayde.

«Agora estamos sacando peito pola lingua», di Vero Boquete.

«Por pracer, non por obriga»

«O galego hai que axitalo, empapalo e baixalo xa á rúa. A lingua e o valor que ten de poñer en contacto á xente é un dos maiores pegamentos para a construción popular que existen», subliñan os autores de Novas voces para a lingua. Pensan que a chave mestra está en exercer a liberdade de vivir sen conflito na nosa lingua, «e facelo por pracer, non por obriga». «Moitas veces, parece que hai ata un deber moral de falar galego, hai un enfoque punitivista. Parece que che din: 'Se non o falas é porque es un mal galego ou unha mala galega', 'se morre o idioma é culpa túa'. Pero ti non falas galego porque che dea pena o país, senón porque te identificas cunha idea de sociedade. Non falas galego porque teñas un carné, senón porque queres. A lingua é finalmente unha ferramenta que nos pon en contacto co amor e co desexo», di Alcayde.

Laura Lamontagne, Víctor Pérez Currás e Sara Hermo cos tres creadores de «Novas voces para a lingua»
Laura Lamontagne, Víctor Pérez Currás e Sara Hermo cos tres creadores de «Novas voces para a lingua»

Como se quere falar en galego, que nos alenta a iso? Semella algo máis doado se o imos vendo na música, nas aulas, nos amigos, no TikTok, como apunta Ángel Carracedo. #DígochoEu, por exemplo, é un dos programas que máis folgos lle dan. «É importante que o galego estea no TikTok ou no Twitch», considera o catedrático de Medicina Legal, que conversa nunha das pezas (accesible en breve na web da RAG) coa psiquiatra Iria Veiga.

«A nosa conversa foi moi divertida, falamos das nosas vivencias en torno a todo, en torno á lingua tamén», avanza Carracedo. «Eu, sendo como son de Santa Comba, sempre tiven unha relación natural co galego. Na miña casa sempre se mesturaron as dúas linguas. Como é a vida de moita xente de aquí, bilingüe de xeito natural», conta. No ensino e no ámbito da ciencia úsase pouco a lingua? «Cando era neno, o galego non tiña prestixio ningún. Os pais e avós insistíannos en que falásemos castelán. Niso houbo un cambio positivo. Outra cousa é que se fale máis ou menos... O galego gañou prestixio, pero seguramente perdeu falantes», di Carracedo, que no día a día do laboratorio emprega galego e castelán e ten boa parte da actividade clínica en galego. As charlas de divulgación sempre as dá en galego (en Galicia), e no ensino o investigador mudou, cos anos, do castelán ao galego.

Ter competencia para poder escoller

«Que podo facer eu como profesional?, unha persoa nova cun traballo relacionado coa ciencia que pode achegar? O traballo da ciencia pode abordarse en galego con naturalidade», asegura Iria Veiga. «O galego intentou sempre vincularse á actividade cultural e embalsamarse nese eido. Como apunta en Galiza, um povo sentimental? Helena Miguélez-Carballeira, fíxose do galego unha lingua lírico-folclórica, ancorada na tradición pero pouco útil, na que non se pode mirar para o futuro, na que parece que non se pode innovar», e iso é o que desbota Veiga no día a día e na imaxe que proxecta. Ferrolá, medrou na lingua, escoitou e falou galego desde nena, pero recibiu no instituto unha educación case íntegra en español. Cal é maior obstáculo para o galego? «Para min o principal problema é que para que as persoas poidan escoller libremente en que lingua expresarse o primeiro é ter certa competencia na lingua. O principal problema é que o ensino agora non promove acadar un nivel esixente do galego como para que os rapaces poidan escoller libremente expresarse nesta lingua. Os rapaces teñen moita dificultade para expresarse en galego. Non teñen a posibilidade de escoller expresarse en galego, porque non o dominan», expón Veiga.

«O sistema educativo debería garantir que tes unha competencia en galego, e non o fai. Non podemos fiar só ás familias que haxa unha transmisión da lingua, a da lingua non pode ser unha escolla só emocional», asevera a médica. «Pódense deseñar políticas públicas para a xente teña unha achega emocional a unha lingua? O emocional é importante, pero se estás continuamente apelando a que a xente faga un sobreesforzo para expresarse nunha lingua que non domina, que non controla, vai ser difícil», considera.

«Saber galego ves que te axuda a aprender outras linguas», afirma, sobre a súa experiencia, Vero Boquete, que tamén considera «que o galego normativo fixo moito dano. O galego da xente, da rúa, non é o normativo. Hai quen che di que non fala ben galego. Se falas galego, fálalo ben, porque cada zona ten unha fala diferente. Hai anos a xente tiña medo a falar galego por non falalo ben».

Iria Veiga opón que «toda lingua ten un estándar» do que se afasta a fala. «Todas as linguas do mundo teñen un estándar e teñen unha fala popular. Un inglés de Bristol non fala un inglés estándar. Entón, a normativa dunha lingua e como se fala e se escribe esa lingua sempre é diferente, e ten que ser así. Pero o estándar non pode ser un corsé», opina a médica. Podemos discutilo e quizás concluír coa frase de Esther Estévez, do #DígochoEu: «O peor galego é o que non se fala».

A paisaxe ten un forte protagonismo en Novas voces para a lingua. As localizacións tamén falan, como a música, a carón destes referentes, entre os que se contan amais as actrices Areta Bolado, Ailén Kendelman e Noelia Castro, da Panadaría Teatro, e o actor Daniel Celester. Tamén Sara Hermo e Andrés Goteira e os músicos Alejandro Guillán, Baiuca, e Laura Lamontagne. «O que un pode aportar da súa cultura ao resto do universo ten un valor. Temos que saber mirar un novo mundo no que o idioma non é algo pechado. Igual un tema galego non o entenden en París, pero si o aprecian», di Baiuca na conversa con Laura Lamontagne en Novas voces para a lingua.

«Os referentes que escollemos neste proxecto son tamén referentes para nós», destaca a directora, Paula Quiroga, sobre este traballo de fin de carreira que invita a abrazar desde a arte, a ciencia, o deporte e o cotián a diversidade dende o noso, a romper barreiras e amosar que hai unha nova xeración que vive en galego. Porque quere.

Dende Málaga responde a Fugas Guillán, creador de Baiuca: «Cremos que estamos limitados, pero está demostrado que se pode facer música, neste caso, cantando en galego para o resto do mundo, como con calquera outra lingua. Recordo hai quince anos, cando empezaba a facer música, o que che dicía a xente era isto: que era complicado facer música en galego fóra de Galicia. Pero o mesmo escoitabas en España, que era moi complicado facer música fóra de España en castelán, que tiñas que facela en inglés. E así entras nunha roda que non serve para nada. Eu vexo que é un momento estupendo para cantar en calquera lingua».  Baiuca non tivo dúbida no idioma para o seu proxecto, moi ligado á tradición da música popular galega. «Aínda así, fixen cancións en portugués, en castelán... Non hai ataduras de nada no idioma. Non hai que buscar unha ditadura lingüística», di o músico de Catoira. Falar unha lingua desbota as outras? «Non -responde-. Cantas más linguas fales e domines, está demostrado que máis competencia lingüística tes para comunicarte con máis xente».

Baiuca pertence a unha xeración (a dos 90) que en moitos casos se comunicou cos pais en castelán. «O outro día falaba disto cun amigo, que me dicía que pensaba que eu era galegofalante de sempre. Eu, criándome en Catoira, tiven moitos amigos que me falaban galego. Eu faláballes en castelán, porque era o que falaba na casa. Ás veces só de maior entendes por que houbo esa ruptura, por que unha xeración de galegos decidiron falarlles aos seus fillos en castelán en vez de en galego. Eu algún día pregunteilles aos meus pais y dixéronme que pensaron que era o mellor para nós», recorda quen, co tempo, escolleu o galego do que, en realidade, viña. «É importante é -segundo el- que haxa referentes actuais que conecten coa xuventude. Eu hai anos sentía que había artistas en Galicia que non conectaban comigo, porque a música que facían non estaba á vangarda do que a min me gustaba. Falo de cando tiña 14 ou 15 anos. E despois hai moitos grupos galegos que me gustan moito e cantan en castelán, que non teñen esa parte do idioma. Se fixesen iso en galego... sería moito mellor, non? Pero cada vez vense máis grupos que levan anos cantando en castelán e que cada vez máis se animan a facer cousas en galego. Entras nas súas plataformas dixitais e parece que as cancións que teñen en galego son as que máis lle gustan á xente. E iso é por algo...». 

Por onde pasa o futuro da lingua? Hai que escoitar os referentes, e amplialos. É claro que a lingua non é algo recluído no cultural, no académico, no doméstico ou neste curruncho do mundo, que tamén avanza, como estamos a ver, en galego.