Alba e Xabier: esta parella publicou once libros infantís e escribe catro ao ano

FUGAS

LUIS ALBERTO PRIETO

Son mestres, residen en Ourense e acaban de lanzar o seu último título, «Maxia de pedra»

25 jun 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Son novos, profesores, parella... e publicaron xa once libros infantís. Tres ou catro ao ano é nada máis e nada menos que a media que rexistran. Así é a prolífica traxectoria de Alba de Evan e Xabier Domínguez, que acaban de lanzar ao mercado o seu derradeiro título, Maxia de pedra, unha novela xuvenil a partir de 12 anos. Son verdadeiros especialistas no xénero. «Eu son profesora de Historia, e a Xabier gústalle moito. Nós facemos moitas visitas por aquí por Galicia, onde temos moitísima riqueza arqueolóxica da etapa castrense, que é precisamente o que se recolle no libro. E nunha desas visitas, que foi ao parque arqueolóxico de Campo Lameiro, en Pontevedra, vendo alí os petróglifos, ocorréusenos que podía ser interesante achegar iso. Porque, tristemente, en Galicia é bastante descoñecido este mundo, e temos unha historia moi rica», asegura Alba.

Así xurdiu esta trama ambientada na terra de San Mamede, na que uns restos arqueolóxicos de orixe galega que se descobren en Roma son roubados cando viaxan de volta a Galicia. Anxela, unha nena de 12 anos, atopará un gato de tres colas con poderes máxicos que é exacto ao que estaba gravado no petróglifo roubado.

Con once libros ás súas costas, e aínda que pareza mentira, Alba e Xabier aseguran que a eles non lles custa moito atopar tempo para escribir tanto: «Agora traballamos cada un nun cole distinto, pero na nosa vida privada somos parella. Ao ser profes -Xabier de primaria e Alba de secundaria- temos a sorte de contar con algunhas tardes libres para dedicarllas a isto».

Tampouco lles pesa pasar o día rodeados de nenos e seguir pensando en libros para eles ao chegar a casa. «Ao traballar con eles coñécelos, sabes o que lles pode gustar, e de feito tes a facilidade de que che lean un primeiro borrador, e xa che din 'isto gústame, isto non'. Os nenos son os lectores máis esixentes, e dan a súa opinión sen filtros. Se non lles gusta, non teñen ningún tipo de problema en dicilo claramente», sinalan entre risas. A acción e a fantasía, sinalan, sempre adoitan interesarlles aos máis pequenos, por aquilo de deixar voar a imaxinación.

Nos centros nos que dan clase, os seus títulos teñen o éxito asegurado. E o maior pago para estes dous mestres chega en momentos como os da firma de libros, cando algún alumno ou compañeiro se achega. «Eu este ano comecei no cole, era novo, así que cando se decataron de que escribía, a encargada da biblioteca comentoume que había lista de espera e que nunca pasara», apunta el. E iso a pesar de que, recoñecen, «non é fácil enganchalos á lectura con tantas distraccións, porque teñen ordenador, consolas, televisión... A verdade e que é un orgullo ver que algo que ti fas lles gusta». Os que non se distraen son eles, que con 33 e 37 anos compaxinan a súa profesión cun currículo de once libros infantís publicados.

Como se leva o de escribir en parella, sobre todo séndoo tamén no terreo sentimental? Eles quítanlle todo o ferro ao asunto. «Nós agora estamos en centros diferentes, pero antes traballábamos xuntos nun cole, e xa escribíamos. Creamos un proxecto para o colexio, ocorréusenos o personaxe de Naturizo, que foi o primeiro que creamos para as nosas primeiras obras, e para presentarllo aos nenos pensamos que ao mellor conectaban máis a través del se escribíamos un conto, para podelo coñecer e contactar coa natureza», contan. Funcionou tan ben que decidiron presentalo a varias editoriais, e xa pariron un total de oito libros desta serie. «Despois xa lle collemos o gustillo e sacamos outro que saíu case á vez que Naturizo, A superavoa de Antón», narra Xabier. Máis tarde chegou Fronteiras de papel, dispoñible desde o ano pasado, e agora Maxia de pedra.

«Como todo traballo colaborativo, escribir xuntos ten a súa parte boa e a súa parte mala. Hai que chegar a moito consenso. Poñemos en común o argumento cando un dos dous ten unha idea, e escribimos por quendas. Despois imos unificando todo o que vai quedando atrás, e facemos unhas revisións finais de estilo, ortografía, etcétera. Esa é outra parte do traballo, pero tamén é bastante áxil unha vez que lle tes collido o mecanismo, que a estas alturas xa podemos dicir que si», chancea Alba. Xabier recorda con agarimo aquel primeiro proxecto medioambiental con Naturizo, «unha mascota que lles presentamos aos nenos para fomentar a reciclaxe e os valores de respecto polo medio ambiente. Traballar con nenos ten a súa complexidade, porque tes que adaptar a linguaxe para facerlles chegar a mensaxe que pretendes», recoñece.

Unha das súas obras, Fronteira de papel, publicárona con Antela Editorial, da que eles mesmos son parte fundadora. Porque se non tiñan xa traballo dabondo, a parella deu o paso de crear este selo xunto con outras persoas hai un ano. «Arrancou en xuño, e xusto eliximos a pandemia. Levábamos tempo agardando para facelo, pero nunca nos parecía un bo momento», din os autores, que xa teñen a vista posta na súa próxima publicación, a novela infantil A Bruxa Selana: «Témola prevista para setembro con Triqueta Verde, de Vigo». A este paso, as librerías galegas terán que estrear unha sección exclusiva para eles.