Un verán invencible contra o frío

Diego Ameixeiras

FUGAS

08 oct 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Confiamos demasiado no tempo e na súa potencia para avanzar. Pero non. O tempo, ás veces, tamén se dá por vencido. Segue o seu curso, pero dentro de nós fica en punto morto. Nunha abrasadora pasaxe de El invencible verano de Liliana (Literatura Random House), da mexicana Cristina Rivera Garza, a autora visita o cemiterio onde repousa a súa irmá, vítima dun feminicidio, e escribe: «Es mentira que el tiempo pasa. El tiempo se atora. Hay un cuerpo inerte aquí, arrancado entre los goznes y pernos del tiempo, que suspende el ritmo y la secuencia». Ocorre sempre así: un escuro pantano detén as augas do tempo despois da morte. A Liliana Rivera matouna o seu mozo en 1990, cando ninguén falaba de violencia machista. Pasaba en México, pero tamén aquí, claro. Estabamos convencidos de vivir nun país que marcaba distancias coas sombras doutra época. Pero a liberdade das mulleres seguía metida nun gran atasco.

Tres décadas máis tarde, os avances están aí. Os dereitos circulan mellor, malia algunhas resistencias. Pero o tempo insiste en viaxar á escuridade, trazando unha liña que nos devolve ao punto de partida: un estudo recente sostén que un de cada cinco varóns de entre 15 e 29 anos pensa que a violencia de xénero non existe, e que se trata dun «invento ideolóxico». En porcentaxe, o dobre que no 2017. Vivimos no 2021, pero o dato obriga a pensar que estamos pisando o acelerador cara a 1990. Que xesto antipático se lle pon ao tempo cando se bota a correr así, en dirección contraria, axitado por almanaques cavernícolas. Non só deixa de pasar dentro de nós, como escribe Cristina Rivera, senón que se converte nun condutor kamikaze contra a intelixencia. El invencible verano de Liliana invoca a luminosa frase de Albert Camus: «No máis profundo do inverno aprendín por fin que habitaba en min un invencible verán». Hai que coidar esa calor, que un frío maligno anda crecido.