Ouh, capitán! O porto está cabo de nós

Diego Ameixeiras FUGAS

FUGAS

Unha foto do poeta Walt Whitman, a quen traduciu ao galego Delgado Gurriarán (na imaxe da dereita, cedida polos herdeiros do autor).
Unha foto do poeta Walt Whitman, a quen traduciu ao galego Delgado Gurriarán (na imaxe da dereita, cedida polos herdeiros do autor).

13 may 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

«Ouh capitán! Meu capitán! Xa findou a nosa témera viaxe», escribiu Walt Whitman nun dos poemas máis recitados da literatura universal, traducido así ao galego por Florencio Delgado Gurriarán con motivo do primeiro cabodano da morte de Castelao. Moitos emigrantes coñeceron eses versos por primeira vez nas páxinas de A Nosa Terra, editado daquela pola Irmandade Galega de Buenos Aires. Outros, corenta anos máis tarde, tivemos que agardar a que Robin Williams ?inesquecible profesor Keating?nolos descubrise en O club dos poetas mortos, un deses filmes que fixo revirar algunhas cabezas adolescentes a principio dos 90. A Delgado Gurriarán non lle deu tempo a ver como os rapaces de Welton se empoleiraban nos pupitres para homenaxear o seu mestre no día da súa despedida. Pero en 1968, durante unha primeira viaxe a Galicia, din que se emocionou ao escoitar unha misa en galego do padre Seixas, á que asistiu acompañado por Francisco Fernández del Riego. Estou seguro de que tamén se lle humedecerían os ollos vendo os alumnos do señor Keating nese intre en que Whitman ?e a poesía toda? lles asalta o espírito para sempre.

Delgado Gurriarán viaxou a Galicia de novo en 1976, amosándose gratamente sorprendido polo impulso que empurraba a algúns universitarios a adoptaren o galego como primeira lingua. Ou, en caso de seren galegofalantes, a non renunciar ao seu emprego nos ámbitos urbanos, onde o máis habitual era ?as análises do presente, mellor outro día? incorporarse ao castelán. Contrasta ese optimismo lingüístico do escritor, pouco despois da morte de Franco, co desasosego que hoxe sobrevoa o mundo das letras, alimentado pola escasa facturación e o retroceso continuo do número de falantes. “O noso sistema literario ten unha fráxil saúde”, lamentaba Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da AELG, durante a entrega dos recentes Premios Follas Novas. Aínda que os derradeiros días de Robin Williams foron terribles, non renuncio a pensar que nalgún recanto da súa memoria brillaba aínda o carismático profesor Keating disposto a conmovernos co célebre poema de Whitman: “O porto está cabo de nós, ouzo os sinos, todo o pobo rebulda cheo de ledicia”. Así debeu vibrar tamén a voz de Delgado Gurriarán, en 1951, lamentando o pasamento do capitán Castelao. Sete décadas despois, está por ver se outros tripulantes chegan con aire a un destino cada vez máis incerto.