Merche Delgado, familiar de Florencio Delgado Gurriarán: «Cando viña a casa había unha troula tremenda»

FUGAS

A profesora do CEIP Condesa de Fenosa organiza xunto á familia unha comida para este domingo na que lembrarán a un home «con moita retranca galega e moi afable»

13 may 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

O seu avó materno, Antonio Delgado Delgado, era primo carnal de Florencio. Merche (Ourense, 1973) lembra perfectamente a última visita do escritor. Aténdenos desde o CEIP Condesa de Fenosa, onde é profesora de inglés en primaria.

­—Lembras a Florencio?

—Si. Eu coñecino en 1981 con tan só 8 anos, cando veu a Galicia por última vez desde México, e compartimos uns días. Tiven esa sorte. Nós soubemos sempre da súa existencia, pero o que non entendiamos era por que tivera que marchar. Ata que fomos crecendo.

­—E como era?

—Recordábame ao meu avó. Era moi familiar, con moita retranca galega e moi afable. Tiña ganas de compartir experiencias, independentemente das ideas políticas que tiveras. Podía sentar contigo durante horas. E era moi trouleiro.

­—Era un trazo característico seu.

—Aos nenos chamábanos a atención ese balbordo que se formaba cando viña o tío Florencio (chamábamoslle así). E lembro unha cea na que formou una troula tremenda, e na que acabaron todos bébedos de tanta queimada. Para recordar todo iso e xuntarnos, os Delgado estamos organizando unha comida o domingo á que virán as súas fillas e creo que algún neto que vén de Sacramento.

­—Custou a homenaxe, non?

—Nesta familia estes días non paramos de dicir: «Moitísimas grazas». Isto leva moito traballo, desde xaneiro non teño unha fin de semana libre. Todo o mundo ten a ilusión de que por fin lle dedicasen as Letras Galegas a Florencio. O que pouca xente sabe é que levamos 20 anos pedíndoo.