Un século de deseño surrealista

FUGAS

PACO RODRÍGUEZ

O Museo Gaiás acolle a mostra «Obxectos de desexo», que reúne 280 obras de Man Ray, Dalí, Gaudí e De Chirico, entre outros, que permiten ver como se desenvolveu o surrealismo.

22 jul 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Unha frase de benvida ao cruzar a porta para visitar Obxectos de desexo. Surrealismo e deseño, 1924-2020 no segundo andar do Museo Gaiás: «Ceci n'est pas une exposition ('Isto non é unha exposición')». Estas verbas que evocan as do pintor belga Magritte serven para mergullarse nese abano de ideas contrastantes que están detrás de moitas das máis de 280 pezas que pretenden reflectir o impacto do surrealismo ao longo do último século e o estreito vínculo que hai co deseño. No percorrido pódense atopar desde o ferro de pasar cuns cravos a un cepillo cheo de pelos, cadeiras derretidas nas que é imposible sentar ou un anel cunha pedra de azucre a modo de diamante. Unha proposta, ademais, que inclúe icónicas obras asinadas por grandes referentes no eido creativo a nivel mundial, como Salvador Dalí, Man Ray, Giorgio De Chirico, Antoni Gaudí, Ray Eames, Age Aulenti, Ingo Maureer, Le Corbusier, Meret Oppenheim, Achille Castiglioni e Isamu Noguchi, entre outros.

PACO RODRÍGUEZ

A mostra chega a Santiago froito da colaboración entre a Xunta de Galicia, a Fundación La Caixa e o Vitra Design Museum de Alemaña, un dos museos máis importantes do mundo no eido do deseño. Nela inclúense moitas pezas que antes nunca se puideron ver en Galicia e que son difíciles de atopar noutras propostas expositivas. Un deses exemplos é un óleo de Giorgio de Chirico, un autor do que é difícil gozar fóra de Italia. «A exposición é unha oportunidade única en Galicia para ver como se desenvolveu o surrealismo, que é un dos movementos máis importantes e influíntes dos últimos cen anos na historia da arte, así como no deseño, na arquitectura e no pensamento en xeral», lembraba o historia de arte e divulgador cultural Miguel Ángel Cajigal na xornada inaugural. As pezas proceden na súa maioría do Vitra Design Museum, pero tamén de coleccións, fundacións e museos de todo o mundo, como a Fondazione Giorgio e Isa de Chirico, a Fundación Gala-Salvador Dalí, o San Diego Museum of Art, o West Dean College ou o Museo Casa Mollino, entre outros. A exposición constitúe, ademais, unha reivindicación da presenza feminina no surrealismo, con algunhas das súas grandes creadoras, como Oppenheim, Rey Eames e Claude Cahum.

Un gran variedade de obxectos, pinturas, esculturas, carteis, revistas, libros, fotografías, así como películas históricas e vídeos serven para explorar ese idilio entre surrealismo e deseño desde o ano 1924 —momento no que se presentou oficialmente o movemento co Manifesto do surrealismo de André Breton— ata a actualidade, xa que as últimas obras incluídas datan do 2020. Desde os seus inicios, este movemento cultural inspirouse no deseño e nos obxectos cotiáns e alterounos para facelos máis fantasiosos, oníricos, irónicos, terroríficos ou emocionais. A súa influencia, tal e como se pode apreciar na mostra, estendeuse por todos os ámbitos do deseño, desde o mobiliario ata a moda ou a fotografía.

PACO RODRÍGUEZ

 A mostra —que pode visitarse na Cidade da Cultura ata o 28 de agosto— está artellada en catro bloques temáticos. O primeiro, Soños de modernidade, profunda nos inicios do surrealismo a partir dos anos 20 e a súa influencia no deseño de interiores e o cine. Para recibir ao visitante está a cadeira para Casa Calvet, de Antoni Gaudí, «Non era un surrealista, pero a súa maneira de traballar si anticipa o movemento», resalta Cajigal. Moi preto desta icónica peza está outra das destacadas da exposición: ese ferro de pasar con cravos, de Man Ray. Un exemplo desas ideas contrastantes. Tamén se inclúen obras de Le Corbusier ou traballos para Disney de Salvador Dalí, así como unha mesa de xadrez de Noguchi ou pezas dunha das mellores deseñadoras da historia, como é Ray Eames.

A mostra conta con catro ámbitos onde se poden ver as orixes (ferro de pasar con cravos), o xeito de pensar dos surrealistas (ideas contrastantes como a mesa «Tour»), o peso do erotismo e a creación a partir da natureza.
A mostra conta con catro ámbitos onde se poden ver as orixes (ferro de pasar con cravos), o xeito de pensar dos surrealistas (ideas contrastantes como a mesa «Tour»), o peso do erotismo e a creación a partir da natureza. PACO RODRÍGUEZ

 Imaxe e arquetipo constitúe o segundo ámbito temático para abordar a idea do absurdo, de como combinando ideas contrastantes se pode chegar á creatividade. Neste apartado aparecen o cabalo a tamaño natural transformado en lámpada de Front Studio, a famosa pipa de Magritte convertida en moble bar ou os moldes para elaborar biscoitos como sombreiros. Tamén se atopa a mesa Tour, asentada sobre catro rodas de bicicleta, así como a peza A testemuña, de Man Ray.

 Surrealismo e erotismo, a terceira parte desta mostra, céntrase en aspectos como roles de xénero e a súa reversión. «Hai poucas vangardas artísticas nas que o erotismo teña un peso tan forte», incidiu Cajigal. Deste xeito, queda patente como o corpo feminino foi inspiración. Tamén figuran fotografías de mulleres artistas como Claude Cahum, que nos anos 20 se retrataba a si mesma como home. Tamén hai a crítica ao amor romántico por parte de Meret Oppenheim con ese anel cun azucre, ademais dunha reprodución do retrato de Mae West que fixo Salvador Dalí e unha reinterpretación do sillón de beizos. O percorrido péchase con O pensamento salvaxe, que profunda na relación entre etnografía e surrealismo. Algúns exemplos son a estantería-cabaa.

Este proxecto expositivo, un dos máis destacados este ano da Xunta na Cidade da Cultura, conta tamén con visitas guiadas de xeito regular. Son gratis, pero hai que reservar praza.