A rudraksha de Sánchez Iglesias

Ramón Nicolás

FUGAS

Sandra Alonso

05 ago 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Cesáreo Sánchez Iglesias vén dando a coñecer vagarosamente un proxecto inusual e, ata onde eu sei, nunca antes transitado. A súa voz poética, das máis salientables e profundas desde que se estreou con Silencios e conversas de Inverno (1978), instálase na experiencia e nas vivencias que resultan operativas para revelar unha ollada singular que suscita a percepción e o tránsito. Viaxe revelada, así, que trae canda si o devezo polo coñecemento. Desde esas instancias ás veces xorden epifanías transmitidas co asombro da descuberta sen nunca perder a ocasión para reeescribir o abatemento que, en ocasións, o pensamento ou a reflexión do vivido suxire.

Así ocorreu, xa que logo, co Caderno do Nilo (2013) e mais con As bolboretas do Mekong (2018) ao que agora se vén engadir o presente A árbore que dá as lágrimas a Shiva. Nel, paréceme, revélase unha atalaia se se quere máis espiritualizada e atemporal desde os territorios da India cunha visión globalizadora que repara nas súas xentes, nas súas linguas e nas súas culturas e que entrelaza, ao meu ver con acerto, ao aplicar unha estratexia na que ofrece unha visión desposuída de prexuízos e enriquecedora. Visión marcada por abrazar unha dialéctica entre o que ve e o que sente desde o interior para asomarse a espazos que posibilitan volver aprender: unha forma de revelación para afondar nas estremas dun mesmo e tamén no seu coñecemento.

Cunha ollada limpa e paréceme que sincera, afastada de clixés e estereotipos, lonxe dunha visión eurocéntrica, é este un libro para aprendermos grazas a todo o que desprende, en especial a través dunha ollada dirixida a todo aquilo que continúa a considerarse como irremediable nas persoas máis vulnerables, sobre todo nas mulleres. Mais tamén é unha procura continua e, por veces dolorosa, do que se agocha na beleza contida das imaxes, por exemplo, do propio deus Shiva que, tras espertar logo de mil anos e ver os sufrimentos dos seres humanos, rompe a chorar. Algunhas desas bágoas caen á terra para logo xermolar a árbore chamada rudraksha: a que dá sementes azuis con propiedades curativas que son, ao tempo, iconas de protección e acobillo. Símbolo tamén, dalgún xeito, do que agocha este libro e do que se pode atopar nel.