Escritores ricos, escritores pobres

Diego Ameixeiras

FUGAS

Pilar Canicoba

21 oct 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Escoitei unha longa entrevista pola radio a un «fenómeno de vendas» que reducía o trámite para conseguir editor da súa primeira novela cun «mandeilla a un par de axentes que coñecía e así comezou todo». Pola resposta non me foi difícil intuír un camiño de rosas para entrar pola porta grande no mundo editorial español, cando calquera escritor novel cun manuscrito baixo o brazo sabe o complexo que resulta acceder a determinadas canles onde a norma adoita ser un silencio administrativo por resposta. Botei de menos que o entrevistador, aínda que sen facer da cuestión o centro do diálogo, non destacase eses obstáculos que teñen tantos autores con ilusión de publicar. E sorprendeume (ou quizais non) que reiterase en varias ocasións que o entrevistado xa estaba sendo posto á altura dun famoso mestre norteamericano da literatura de suspense. Unha visita á web da editora demostroume que a equiparación non proviña da valoración dun crítico, senón dunha frase publicitaria. Está claro que todos temos dereito a un mal día.

Aos escritores adoitan preguntarnos máis polos misterios da creación que polas condicións materiais nas que escribimos. En parte, por unha sacralización do oficio á que moitos lle sacan partido con obviedades de manual de autoaxuda, e en parte porque a ninguén lle gusta airear as súas penurias. Preferimos subir instantáneas de felicidade a instagram (esa presentación na que apenas xuntamos cinco persoas, pero iso non sae na foto) e non confesar que coa vindeira liquidación anual de dereitos, con sorte, quizais nos alcance para mercar un ordenador novo. Por iso teño para min que no mundo literario, por desgraza, estamos interiorizando ese mandato da patronal que pide non falar de «ricos e pobres» porque seica «radicaliza a sociedade». Vendo algunha galería de fotos da última cerimonia do Premio Planeta, un despistado podería pensar que isto da literatura é unha xuntanza de creativos sorrintes sen problemas para chegar a fin de mes. Pero a realidade de moitos colegas que fan libros, alén desas purpurinas, é ben diferente. O editor Rodrigo Córdoba faleceu estes días mentres facía traballos verticais nun edificio de vivendas, en Madrid. Ter publicado poesía durante décadas, malia o seu empeño por dar voz a autores novos, non lle daba para pagar as facturas. Este inverno non sempre poderán prender a calefacción alí onde se tensan mellor as palabras.