Unha voz novísima

Ramón Nicolás

FUGAS

02 dic 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Intento, na medida do posible, estar atento a aquelas publicacións narrativas que significan recentes incorporacións ao sistema literario galego. É evidente que nesas propostas repousarán boa parte das liñas de sentido e das orientacións que han alimentar as letras galegas do noso futuro máis próximo. Unha canteira que, indubidablemente, vai abrindo as portas para dar a coñecer algunhas voces novas é o denominado Premio Xuventude Crea de Novela Curta sostido con fondos públicos e que, na última edición, galardoou unha máis que suxestiva novela de Alba Guzmán Falcón (Ourense, 2003): autora que xa conseguira un bo número de premios entre os que cito aquí tan só o de microrrelatos organizado pola Real Academia Galega, o histórico Minerva compostelán ou o igualmente relevante concurso de narrativa organizado anualmente polo Concello de Ames.

Dun ou doutro xeito esta Xoaniña de Deus vai funcionar como a súa carta de presentación para un público lector máis masivo. Nela articula unha historia que xira por volta dunha muller que padece alzhéimer e, teño para min, que talvez unha das intencións destas páxinas poida ser poder moi conscientemente o foco nas consecuencias desta doenza e no que, en liñas xerais, implica tanto a perda da memoria como a vivencia da soidade, sexa esta á idade que for. A operativa estrutura bimembre que organiza esta proposta posibilita achegarnos tanto aos acontecementos que discorren, con axilidade, no tempo presente —polo xeral marcados pola brevidade e a contención— como ás evocacións que se reflicten nos diarios que escribe a protagonista, perfectamente consciente de que o tempo se esgota pois a memoria vai esvaéndose con rapidez e en todo momento hai unha vontade explícita de deixar constancia das vivencias e das experiencias persoais aínda que sexa grazas a unhas tatuaxes un tanto misteriosas. É nestes últimos fragmentos onde se evidencia unha maior atención a todos aqueles elementos que deseñan ou perfilan a súa personalidade e que tamén desvelan as razóns últimas da súa realidade. É de regra, por último, saudar con agrado esta proposta dunha voz respecto da que non é difícil albiscar outros e maiores éxitos nun futuro próximo.