Os entroidos de don Paco del Riego

FUGAS

Don Paco nunha festa de disfraces no Casino de Vigo en 1954 co cónsul Muñoz Moratorio, a súa dona Evelina, a pintora Xulia Minguillón e o xornalista Leal Insua. Á dereita, no Café Suevia en 1955 con máscara de esquelete.
Don Paco nunha festa de disfraces no Casino de Vigo en 1954 co cónsul Muñoz Moratorio, a súa dona Evelina, a pintora Xulia Minguillón e o xornalista Leal Insua. Á dereita, no Café Suevia en 1955 con máscara de esquelete. Arquivo Familia Fernández del Riego.

Disfrazado de velliña, don Paco amedrentou á súa noiva. Despois, viuse obrigado a vestir un uniforme que detestaba...

20 feb 2023 . Actualizado a las 23:22 h.

entroido foi sempre moi popular en Galicia, aínda que o longo período de ditadura franquista danou a celebración, pois prohibiuse de inmediato ao se tratar dunha festa pagá onde o irreverente, a sátira e a crítica eran os alicerces principais. Desta maneira moitas tradicións caeron no esquecemento e aínda hoxe se procura a súa recuperación. Certo é que alí onde o entroido estaba máis arraigado, conseguiron mantelo, especialmente a partir dos anos cincuenta coa atenta mirada das autoridades.

Moitas eran as anécdotas que lembraba Francisco Fernández del Riego sobre estas festas das que tanto gustaba. Dende logo, non dubidaba en disfrazarse e, baixo aquel anonimato, facer diferentes brincadeiras que cos anos recordaba cun sorriso. A comezos dos trinta, cando era estudante de Dereito na Universidade de Santiago, comezou o seu noivado con Evelina Hervella, que por entón cursaba Farmacia; chegado o entroido, Del Riego aproveitou para disfrazarse de vella e tan ben caracterizado estaba que, cando chamou á porta da súa namorada, non se decatou de quen era. Con voz finxida, explicoulle que un irmán dela lle facilitara o seu enderezo, pois sabía da súa xenerosidade e de que, se podía, a axudaría. Non escatimou detalles na súa conversa, polo que Evelina non dubidou en crer o relato daquela «velliña» e entregoulle os cartos que lle solicitaba, pero cando Del Riego estirou o brazo decatouse de que era o dun home e comezou a berrar ante aquel impostor. A reacción de Evelina obrigou a Paco a descubrirse e, xa sosegada, puideron rir daquela falcatruada. O certo é que Evelina nunca escarmentou e non había entroido en que o seu namorado non tramase algo.

Aqueles anos de feliz noivado interrompéronse no momento en que Del Riego se viu obrigado a vestir un uniforme que detestaba; por desgraza non era un disfrace, nada tiña de divertimento, era unha condena que cumpriu como puido. O 12 de febreiro de 1939 escribe no seu Diario da guerra, que publicará proximamente a Editorial Galaxia: «Dinnos que é domingo de entroido. En nada se nota, naturalmente. O pobo está morto. Non ollamos alma vivinte». Aqueles días de máscaras, cantares e troula deran paso ao terror e á tristeza. Certo é que estaban prohibidas as celebracións, pero tampouco había humor na poboación para festexos.

FESTAS PRIVADAS NOS CASINOS

Cando puido despoxarse daquel uniforme e regresar á casa, Compostela era unha cidade hostil para el. Os fascistas queimaran a imprenta Nós e asasinaran o seu amigo Ánxel Casal, espoliaran o Seminario de Estudos Galegos, prohibiran calquera disidencia política, apartárano do seu posto de profesor na Facultade de Dereito e inhabilitárano para impartir docencia. Entón decide coller un tren a Vigo cunha pequena maleta, uns libros e mil pesetas no peto. Non foi doado reconstruír a súa vida, axudouno Valentín Paz Andrade, que o acolleu no seu bufete e púxoo á fronte da publicación Industrias Pesqueras. Acompañaba eses cativos ingresos coas colaboracións noutras revistas como unha de reloxos, outra de deportes e cinema e aínda unha de farmacia. Co paso dos meses, comezou a artellar como volver ao ensino privado de maneira clandestina e no colexio Mezquita déronlle a posibilidade. O director, un vello militar retirado, decidiu que ían ocultar o seu segundo apelido e poñer no cadro de profesorado que Francisco Fernández era coronel; así ninguén preguntaría.

Co paso dos anos recuperara a ilusión polo entroido, aínda que para entón fosen festas privadas e bailes en casinos e sociedades, pois eran doadas de controlar pola ditadura. Xa na década dos cincuenta, atopamos no seu arquivo, que xenerosamente doou á cidade de Vigo, varias fotografías daqueles días de bailes onde o casal coincidía con Celso Emilio Ferreiro e Moraima, o xornalista Leal Insua e a pintora Xulia Minguillón, ou co cónsul de Uruguai Muñoz Moratorio e a súa familia. Nada tiña que ver con aqueloutro entroido tradicional do que tanto gozaba na xuventude, pero era o primeiro paso para comezar a reconstruír algúns espazos de alegría nunha época tan escura. E aínda que a prohibición de non levar a cara tapada mantíñase, non se podía resistir a poñer algunha máscara. Noutras ocasións atopámolo disfrazado de muller, coa súa saia, cos beizos pintados, con xoias... volvendo o mundo do revés por unhas horas e, seguramente, soñando con outras circunstancias que permitisen volver a aquel entroido e a aquel país libre de outrora.