The Rapants: «O noso obxectivo é rebentar o escenario nos nosos directos»

FUGAS

cedida

O grupo actúa este sábado na Coruña dentro do ciclo Vibra Mahou

17 mar 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Chámanlle ao seu novo disco O corasón como un after, tentando reflectir todas as enerxías que garda o traballo. «Tamén é que o noso vocalista ten un problema cardíaco —ri— e resume a noite, a festa, os amores e todo o que pasa aí», comenta Xanma. O sábado están na Coruña (Inn Club, 21.30 horas, 10 euros ) dentro do ciclo Vibra Mahou.

 ­—Cre recomendable escoitar este disco con lentes de sol?

—Si [ri]. Este é un traballo bastante máis electrónico e discotequeiro que o anterior. Ten moita enerxía para o baile. Pódese escoitar indo no coche ou xa na pista.

­—Sería un triunfo acabar soando no coche dunha persoa que sae de festa?

—Por suposto, con enerxía ravera. Tanto no coche como en bares e discotecas que frecuentamos. Se saímos por ai e nos pinchan, emociona moito.

­—Nunha canción falan duns «flipados que se cren Casablancas». Son vostedes?

—Iso é un pouco ambiguo porque a canción está influenciada polos Strokes e imitamos as voces. E nós adiantamos a que nos poidan chamar iso. Xa o tiramos nós antes de que alguén nos diga algo.

­—O álbum mira moito á música disco?

—Si, e a outras etapas da historia do rock. Temos influencias variadas que conflúen. Hai un toque mais funky e disco esta vez, pero tamén hai un solo parecido ao de All Along the Watchtower de Jimi Hendrix. Ou uns pianos que lembran o November Rain dos Guns n' Roses.

­—Un ton tan festivo como o do disco ten que explotar en directo. É así?

—Si, de feito está pasando. O último que tivemos foi un espectáculo. Pasámolo brutal e a xente tamén. Están a tope e para nós é complicado manter a compostura cando temos a xente enriba. Non sacrificamos o carácter punk da orixe do grupo.

—Para o público xeral preséntase a The Rapants como un «grupo indie». Moita xente asocia iso a raro e aburrido. Rachan vostedes con ese estereotipo?

—É que o indie a nivel musical non é algo moi definido, xa que bebe de moitos lugares. Nós interpretamos grupos de indie aos Arctic Monkeys, The Strokes ou Two Door Cinema Club. Esas son bandas que rebentan o escenario. E o noso obxectivo é ese. Facer uns directos que non sexan aburridos, senón enerxéticos e dinámicos. Ao mellor, ás veces hai que sacrificar un pouco a execución para logralo. Perfecto que soe o disco e que logo o directo sexa animado.