A dimensión política de Celso Emilio Ferreiro

Ramón Nicolás

FUGAS

Celso Emilio Ferreiro.
Celso Emilio Ferreiro.

05 may 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Teño para min que a iniciativa de ofrecer unha monografía que revele as claves do pensamento político de Celso Emilio Ferreiro constitúe unha achega relevante que non debería pasar desapercibida. Talvez ninguén mellor para levala a cabo con acerto que o profesor e investigador Luís Gonçales Blasco, por ser co-protagonista de moitos dos capítulos que aquí se desenvolven con pulso propio e por exhibir abondosa documentación, sobre estes e outros temas, relacionados co poeta de Celanova.

Velaquí, así pois, en Celso Emilio Ferreiro, nacionalista galego, unha biografía política que, guiada por un criterio cronolóxico, nos debruza con abondosos datos e información veraz, no percorrido militante dun novísimo Celso Emilio que vai desde a súa incorporación ás Mocedades Galeguistas, e á Federación destas, á súa participación na creación da Unión do Pobo Galego pasando pola posterior expulsión desta plataforma; sen esquecer a súa militancia no PSG, a súa participación na Candidatura Democrática Galega ao Senado en 1977 pola provincia de Ourense ou a creación da Irmandade Galega de Madrid, sen obviar igualmente o ingreso, revestido de carácter anecdótico e feito por man allea, no PSOE poucos días antes de falecer co obxectivo de galeguizar o partido. Alén disto, o libro repara no contexto histórico, literario e social que rodea a biografía ferreiriana e naqueles elementos de perfil ideolóxico que transparenta a súa obra literaria.

En definitiva, un ensaio que subliña a fidelidade de Celso Emilio á ideoloxía nacionalista que se presenta como inalterable e fóra de toda dúbida, como tamén ocorre noutros persoeiros da cultura galega do século XX que, obrigados polas circunstancias, deberon ocultar esta fe en determinados períodos da súa vida. Para este obxectivo, manexa documentación de primeira man e recorre, sobre todo, a un extenso corpus epistolar de maneira que exhibe extremos novidosos, creo que ata o de agora non tratados, como poden ser tanto as cartas conservadas de Xermán Muñiz como a homenaxe tributada a León Felipe, alén de incluír un poema inédito.

Pór o foco de atención, neste caso ensaístico, nunha figura clave das nosas letras, é de agradecer. Este libro contribúe a alimentar máis ese lume, o de Celso Emilio, que tras moitos anos segue a alampar.