Hydn: «Gústame moito xogar cos límites da moralidade»

FUGAS

NURIA REY

Unha estética arrebatadora, unha intensidade desbordante e un disco cantado en «galenglish» son os sinais de identidade da artista coruñesa

31 oct 2023 . Actualizado a las 16:25 h.

Ocupa hydn (A Coruña, 1994), así, con minúsculas, a pole position da grella de saída de artistas galegas emerxentes. Este ano quedou ás portas do Benidorm Fest e volverá intentalo de novo no 2024. «Dende pequena sempre quixen ser cantante e sempre lle pedía a miña nai que me apuntase a Eurojunior». Agora, con 29 anos, volve loitar por aquel soño e por vencer os traumas e conflitos emocionais que arrastra dende nena. Dos que deixa ferinte, intensa e forte testemuña en BaddeR, wicKed, o seu primeiro e revelador disco. Sete temas, por momentos escuros, pero escintilantes e incluso bailables noutros, cantados en galenglish, e nos que dialogan —e ao tempo se confrontan— o pop, o R&B, o metal e a electrónica.

—Por que hydn?

—Estiven meses buscando nomes pero ningún me acababa de representar. De súpeto acordeime dun listado de posibles nomes que fixera para un grupo que tivera antes e atopei o de hydn. Foi velo e dixen «isto». Para empezar, o nome está oculto, conecta con que eu falo moito sobre sentimentos e desexos ocultos, gústame xogar cos límites da moralidade, e, ao tempo, por desgraza, o galego tamén está demasiado oculto. Xuntando todo, o nome ten mil significados e todos encaixan en min.

—Cantar en «galenglish» é un dos elementos identitarios do teu proxecto.

—Eu toda a miña vida escoitei música en inglés, pero por falta doutra oferta. Como ía escoitar música en galego se non había o que eu precisaba? A día de hoxe, xa temos moitísimas cousas, pero seguen a faltar moitas outras. Tamén canto en galenglish para que a xente que non sabe que o galego existe escoite música no nosa lingua. E é que ademais os dous idiomas encaixan moi ben á hora de cantalos. Tamén foi importante para tomar esa decisión a influencia de artistas como Paloma Mami o Kali Uchis, que fan música en spanglish, pero que literalmente fan tamén poesía.

—Este primeiro disco é un punto de partida, cara onde?

—Para min ir publicando cancións foi como un proceso de deixar de autoboicotearme, de dicirme: «Tía, non serves para isto, non sabes compoñer, es un desastre».

E de repente aparece BaddeR, wicKed, que non ía estar no disco, e doume conta de que eu con esa canción pecho un montón de traumas e de feridas que arrastraba dende a nenez e a adolescencia. Para min supón un punto de inflexión: hydn está aquí e, por riba, máis mala ca nunca.

—A cuestión da saúde mental é un elemento presente en moitas das túas cancións.

—É moi importante que se fale diso. Eu levo arrastrando moitas cousas que pensaba que eran normais e agora doume conta de que para nada. Ao mellor se tivese escoitado a alguén falando disto, teríao sabido antes e non tería pasado media vida desleixándome, pensando por que era rara ou unha egoísta. Agora, despois de 27 anos, diagnosticáronme TDH e, por fin, todo ten unha xustificación. Unha xustificación química! Saber iso permíteme traballalo e buscar ferramentas sen ter que estar castigándome todo o día.

—Chegaches a pensar en cambiar a letra de «I'm Only Happy» porque non che doía suficiente. As cancións teñen que doer?

—Eu escribín esa canción porque era feliz só dúas horas á semana... Agora creo que non son feliz nunca, pero estou en proceso de cambialo [ri]. E si, de pronto deume a volta a cabeza e dixen: «Esta canción non me doe o suficiente, ten que doer máis» e pensei en cambiarlle a letra. Pero non o fixen. Menos mal, porque é unha das miñas cancións favoritas.

—Tamén dis que nesta etapa, a metade das cousas que che pasaron non as desfrutaches. Que che gustaría desfrutar?

—As pequenas cousas. Veño de pasar o peor ano da miña vida. O último do que son consciente que desfrutei foi cando o ano pasado a miña canción entrou entre as 12 favoritas para a selección do Benidorm Fest. Pero, por exemplo, este ano na presentación de Bella Hadid estaba todo o mundo felicitándome e eu estaba alí, disociada, coa sensación de que estaba finxindo. Non sentía nada. De feito, os dous días seguintes non saín da cama sen saber por que. A partir de aí foi cando retomei a terapia e xa nos puxemos a tope con todo. Por iso o único que pido é ser capaz de estar presente, de saír dese lugar seguro no que ás veces se pecha a miña mente, para pode desfrutar das cousas, por pequenas que sexan.

—Volverás intentar ir ao Benidorm Fest?

—Si, de feito xa estamos traballando na canción que presentaremos para o 2024. É un tema que mestura R&B con metal e pop.

—Veste en Eurovisión?

—Levo véndome dende pequena [ri]. Na miña fantasía, claro que me vexo. Faríame moitísima ilusión. E máis levando o galego. Sería incrible.