O MUMI, a necesaria ponte que une as músicas de Galicia e Portugal

FUGAS

Concerto inaugural da cuarta edición do MUMI, celebrado o xoves en Tui.
Concerto inaugural da cuarta edición do MUMI, celebrado o xoves en Tui. CEDIDA

Unha ducia de concertos, encontros profesiones e diversos espazos de reflexión e debate é o que propón o MUMI esta fin de semana na eurocidade Tui-Valença para tratar de achegar os mercados musicais das dúas beiras do Miño

22 sep 2023 . Actualizado a las 13:11 h.

BASILIO BELLO

Portugal é a gran materia pendente da música galega. E viceversa. É a todas luces incomprensible como dúas culturas que se asemellan tanto poden vivir tan de costas unha doutra. Pero, por desgraza, é a realidade. O fluxo de propostas musicais que cruzan o Miño en calquera das dúas direccións apenas pasa da condición de anécdota.

Fronte a esa teimuda realidade enfróntase o MUMI, un encontro anual que convoca a profesionais do sector musical e cultural galego e portugués co obxectivo de «crear unha ponte de ida e volta real e estable para as nosas músicas».

A cuarta edición do MUMI, que se desenvolverá na eurocidade Tui-Valença ata o domingo 24, reunirá a máis de 200 profesionais, entre artistas, promotoras, empresas de management, festivais, discográficas e empresas de servizos e produción das dúas beiras do Miño. «Para compartir ideas, sinerxias, establecer novas redes de contacto e coñecer novas propostas en primeira persoa», expoñen voluntariosamente dende a organización do encontro.

Vinte serán as bandas e artistas que se presenten no encontro. Vinte propostas que abrazan a diversidade estilística e que en moitos casos comparten un substrato «onde as músicas de raíz son a fonte da que beber». No MUMI están representadas as músicas tradicionais, o rock, a electrónica, o jazz, as músicas urbanas, o indie-pop ou a canción de autor, testemuñando o extraordinario momento creativo que viven os dous territorios.

Entre as actividades máis relevantes do MUMI, polo que supón de identificación cos seus propósitos, está a programación de showcases. Presentáronse 244 propostas artísticas das que foron seleccionadas catorce. Pola parte galega hoxe presentarán os seus directos Mondra, Anxo Araújo, Diego Alonso 5tet e Xurxo Fernandes. O sábado será a quenda de Antía Muíño, Lontreira e Moura. Portugal achegará as propostas de Aníbal Zola, Expresso Transatla?ntico, María Monda, Maze, Retimbrar e Virgem Suta.

Desde a organización do encontro destacan que «a diversidade a ser a palabra clave na música ao vivo que vai ofrecer o MUMI 2023, cun mosaico de bandas e artistas que responden á riqueza das escenas galega e portuguesa». Dende as novas abordaxes da música tradicional á electrónica, pasando polo jazz, o pop, as músicas urbanas ou a canción de autoría, os showcases programados recollen a efervescencia musical que bule a ambas beiras do Min?o cunha presencia moi destacada das músicas que experimentan a partir da raíz, «e que felizmente non deixan agromar».

Ao programa de showcases sumaranse as propostas de DJ Gaiteirinho e DJ Ábrete de Orellas no espazo OFF nas noites do venres e o sábado, respectivamente.

Ademais das propostas artísticas, o MUMI presenta tamén un programa de encontros nos que as empresas e profesionais da industria da mu?sica de Galicia e Portugal terán a oportunidade de programar reunións de negocios dentro da axenda de speedmeetings e de asistir a sesións de traballo onde se tratarán asuntos que ocupan e preocupan ao sector.

Participarán entidades programadoras como os festivais Arteficial, Revenidas, 17° Ribeira Sacra, SonRías Baixas, Minho Reggae, Elas Son Artistas, Gaia World Music e Palheta Bendita-Santo Tirso. Está confirmada tamén a participación de representantes das axencias Charlatana, La Yogurtera, Esmerarte, Correveydile, Indieror, Sounds Good e D’Orfeu Águeda, así como de diversas salas de concertos.

Entre as novidades do MUMI 2023, destaca a colaboración coa prestixiosa Fira Mediterrània de Manresa, que abre as músicas galegas e portuguesas ao mercado internacional, ou a creación do Espazo Loja, destinado á promoción dos traballos publicados polas editoras musicais.