Revolución na pista de baile co novo disco de Brais Morán

FUGAS

Non deixa de sorprender o son puramente disco que escolleu para «Revolución Chic», o seu último traballo que viu a luz esta mesma semana

19 ene 2024 . Actualizado a las 21:54 h.

A Brais Morán vaille o tema do baile. Diso non cabe dúbida algunha, cousa que vén demostrando dende os tempos de Loretta Martin, banda á que moitos botamos aínda de menos. Pero tendo en conta os seus dous anteriores discos —Cruzando o eclipse, un álbum de rock cargado de guitarras, e No mato do desespero, que case podería meterse no caixón de músicas do mundo— non deixa de sorprender o son puramente disco que escolleu para Revolución Chic, o seu último traballo que viu a luz esta mesma semana tanto nas plataformas como en formato físico. O título dío todo: música para incendiar as pistas de baile, deixarse cegar polas bólas de espellos e, por que non, engadir un pouco de glamur ás nosas grises existencias. Cunha carpeta que fai que suba a febre nun sábado noite e unha produción brillante que parece que estivera o mesmiño Nile Rodgers aos mandos, Morán presenta dez cancións (e un remix) con títulos que non deixan lugar a dúbidas —Chocolate sexy, Funk salvaxe, Disque ao soul, Jump like a Monkey...—, ritmos irresistibles e letras en galego. Como se fose una pequena volta atrás aos tempos de Loretta Martin que o propio músico nega: «Entendo que poida lembrar, pero eu véxoo como un paso adiante, porque é un disco que levaba moitos anos querendo facer. De feito, é o disco que realmente quería facer. Eu nunca perdín o funky!», asegura convencido de que «a música de baile estivo sempre de moda. Ou, mellor dito, o ritmo non entende de modas. Mira senón Bruno Mars ou Dua Lipa». Precisamente eses son os exemplos aos que acode para definir a produción do disco, porque si, soan os ecos de Kool & the Gang «ou de Jamiroquai ou Prince», engade Morán. Pero soa totalmente actual. Moderno. Non hai nostalxia nin reivindicacións pendentes nestes temas, só ganas de deixarse levar e pasalo ben.

Para esta aventura discotequeira acompañouse da súa banda, Nasaufunk, cos que fará unha presentación en formato acústico, «como as Tiny Rooms», o 3 de febreiro na librería Moito Conto da Coruña. E o día 1 de marzo arrinca na sala Garufa Club unha xira que os levará por toda Galicia ata o verán.