Tecor Societário fan voar polos aires as fronteiras entre o punk e o folk

FUGAS

CEDIDA

O grupo compostelán acredita os seus postulados e o seu enérxico momento coa publicación do seu terceiro disco, «Ti que vas fazer?»

02 abr 2024 . Actualizado a las 17:01 h.

Alguén podería pensar que, aínda que o espírito da tradición asoma agora por canto recuncho musical se advirte, hai xéneros que ían quedar á marxe. Por aquilo de que supostamente se sitúan nas antípodas. Craso error.

Co seu terceiro disco, Ti que vas fazer?, Tecor Societário veñen de facer voar polos aires calquera fronteira posible entre o punk rock e o folk. E o máis grande é que son quen de facelo dun xeito natural, orgánico, sen que en ningún momento o resultado soe a impostura nin artificio.

Nos oito cortes de Ti que vas fazer?, o punk rock de corte clásico e as melodías tradicionais galegas non só conviven, senón que se retroalimentan, para crear un son único e perfectamente identificable. A presenza do acordeón e da gaita na instrumentación do quinteto compostelán apórtanlle unha singularidade que transcende con moito do estilístico.

Non é, dende logo, a primeira vez que vemos esa combinación, pero nunca acadara complicidade semellante nin nunca engarzara dun xeito tan preciso. O coidado na produción, cun rotundo ao tempo que depurado tratamento das voces e unha admirable pulcritude no empaste musical, eleva os oito temas deste disco a unha nova dimensión. Sen perder un ápice de intensidade nin de enerxía —ao contrario, pode que a banda soe máis contundente que nunca—, Tecor Societário depuraron atinadamente a súa sonoridade. A rabia segue presente, pero tínguese dunha luz diferente. Que lle senta ben.

O compromiso político tamén asoma neste disco, como non podía ser doutro xeito. A banda ergue a voz para lembrar a memoria dos esquecidos, dos represaliados, dos que loitaron —e dos que seguen a loitar— pola liberdade. E fano sen concesións nin medias tintas. «Sen consignas baleiras». Pero, ao tempo, dotando a estas cancións dunha compoñente festiva que resulta moi de agradecer e que de seguro que en directo vai propiciar unha aínda máis intensa conexión co público.

Tecor Societário veñen de publicar esta semana o videoclip do tema que lle da título ao seu novo disco, Ti que vas fazer?. Un videoclip gravado por Trece Amarillo (produtores dos vídeos de Tanxugueiras) no que amosan a dobre compoñente das súas presentacións en directo: a parte máis aguerrida e comprometida xunto coa máis festiva e bailable. Porque nesa feliz conxunción susténtase precisamente a esencia da banda.

En palabras de Xabi, cantante do grupo e autor da letra, Ti que vas fazer? «é unha reflexión dende o punto de vista dunha mentalidade de esquerdas acerca de como podemos actuar no mundo no que vivimos. De como podemos enfrontarnos a todos eses falabaratos que nos venden as bondades no neoliberalismo a través das redes sociais e de determinados medios de comunicación. De como defendernos fronte a toda a esta represión crecente contra a liberdade de expresión, que tamén se manifesta na música».

Tecor Societário actúan este sábado 23 no Brisa Fest, na praia de Cesantes, en Redondela, xunto a Pauliña, Trastienda Rc, Los 300 e Ash Leiras.