Un espello detido máis alá da luz

Diego Ameixeiras

FUGAS

Luisa Villalta
Luisa Villalta

17 may 2024 . Actualizado a las 11:20 h.

O falecemento dunha persoa nova enfróntanos a unha pregunta difícil de responder. Podemos facer conxecturas, pero nunca saberemos cara a onde se dirixirían os seus pasos nese futuro roubado pola morte. A vida sitúanos ante estrañas bifurcacións. Centrándonos nos homenaxeados polo Día das Letras, Lois Pereiro ou Xela Arias representan dúas desas traxectorias literarias truncadas por un pasamento prematuro. Luísa Villalta uniuse a ese destino fatal un 6 de marzo de 2004, con só 46 anos. Outra viaxe inxusta antes de tempo. Os amigos lémbrana amable e cordial, cun gran sentido do humor, divertida. Conversadora intelixente, algo reservada nos primeiros encontros. Expansiva a partir da súa actividade en diversas asociacións, implicada en plataformas como Nunca Máis. Diríamos que, na súa última época, convertida nunha escritora en tránsito: unha voz, por exemplo, capaz de reparar nas prostitutas do Papagaio, o desaparecido barrio coruñés ao que lle dedica uns poemas —con acompañamento fotográfico de Maribel Longueira— que xa non chega a ver nas librarías. Pertence ao ámbito dun xogo sen respostas pensar no que estaría collendo forma e deixou de ser. No que quedou tendido no ar como unha promesa cortada de raíz. Así a todo, permanecen a obra e o afecto das amizades para intuír as posibilidades dese camiño. O eco das palabras.

Nas páxinas de En concreto, o libro de poemas publicado meses despois do seu pasamento, gañador do Premio Espiral Maior de 2003, confirmábase unha Luísa Villalta mudando de pel. Advírteno os seus lectores máis atentos. Destacan a evolución dos vieiros percorridos en traballos anteriores e unha ollada expresionista dende un tratamento físico e emocional das cartografías coruñesas. Unha mostra: «Haber houbo e hai unha Cidade envolta / no vento perpetuo da anseiada destrución. / Pero entre nós algúns de nós / colunas, deuses, miraxes, lumes / mendicantes do tempo sobre as ondas que volven / vento do rosto sixiloso e contumaz / aniñamos sen temor nos muros derruídos / xa invencíbeis / da memoria». Coa perspectiva de hoxe, entendemos con maior profundidade o proceso no que estaba mergullada a autora: un suave movemento que vai dende unha perspectiva individual a outra, máis tensa, vencellada aos espazos da comunidade e á voz dos desautorizados. Aquilo que ela mesma quixera expresar coma un desexo de «traer a poesía ao chan», de levar o alento poético ás paisaxes ocultas da urbe e poñelo na boca dos vencidos. Era esa unha das conviccións, podemos adiviñar, coa que traballaba no momento en que lle sobreveu a morte. Días antes participara na presentación dun libro, Intifada: Ofrenda dos poetas galegos a Palestina, cuxo título rima coa barbarie do presente.

Lémbranos Ana Romaní nos apuntamentos biográficos da RAG que Villalta escribía diariamente no almanaque de Assirio & Alvim, e que a última nota da autora comeza con estes dous versos: «O exterior / baila nas sombras». A súa voz escoitouse en público por derradeira vez no Hotel Araguaney, en Compostela, durante o recital do libro solidario coa causa palestina. Conmoven hoxe, igual ca onte, os versos iniciais do poema «Debilidade»: «Porque non son soldado nen suicida, / confeso que son débil, / e que na miña debilidade vin os ollos da morte». Débil ou non, aquela escritora que se estreara en 1991 con Música reservada insistía nos primeiros meses de 2004 no seu compromiso cos desherdados. Ese baile nas sombras que a empurrou a camiñar dunha expresión mais íntima a outra que, nas páxinas de En concreto, coa Coruña como territorio de identificación, revela un pacto coa colectividade. Ou a esoutra máis sensitiva que ensaia nos poemas de Papagaio, onde sorprende con vibrantes metáforas e se lanza contra a dobre moral do patriarcado. A vida é fráxil, un voo efémero que sempre urxe celebrar alén das homenaxes que lles dedicamos aos que un día marcharon. Sabémolo por Luísa Villalta, que partiu como Xela Arias ou Lois Pereiro, demasiado nova. Cun futuro incompleto e preguntas no ar. Unha mañá viu partir un tren dende a estación da Cidade Alta. E escribiu: «Mais alá / máis alá somente o mar / e a incertidume da luz / o extremo / o abismo / o espello detido de nós».