80 anos de «Sempre en Galiza»

FUGAS

Pinto y Chinto

Castelao publicou a «biblia» do nacionalismo galego en Buenos Aires, «en memoria de Alexandro Bóveda», a quen consideraba seu irmán. A primeira edición consérvase en Pontevedra

07 jun 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Pasaron oitenta anos dende que Castelao publicou o Sempre en Galiza, fíxoo en Buenos Aires e saíu baixo o selo As Burgas, que dependía do Centro Ourensán. Naquel momento era impensable a súa publicación a esta beira do Atlántico, onde a ditadura fascista se instalara definitivamente. A imprenta Nós, onde dera ao prelo a súa obra literaria, quedara reducida a cinzas nos primeiros días da sublevación e asasinaran o seu impulsor, Ánxel Casal, nas mesmas datas que en Pontevedra fusilaban a Alexandre Bóveda.

Castelao correu mellor sorte e puido exiliarse a Buenos Aires, onde pasaría a última década da súa vida rodeado de emigrantes e exiliados cos que compartir as angueiras propias dun desterrado. Para entón a vista xa lle fallaba, non a súa lucidez para analizar a situación política e social de Galicia. Con todo, aínda realizou unha exposición en Montevideo e pintou o gran óleo A derradeira lección do mestre, que custodian con mimo no Centro Galicia de Buenos Aires. Como autor literario, a súa carreira finalizou practicamente coa posta en escena da peza teatral Os vellos non deben de namorarse. Ben coñecida é a fotografía de Castelao pintando unha das carautas para a estrea na capital porteña.

A visión apagábase, pero non así a súa voz que emerxía con forza e claridade alí onde requirían a súa presenza como orador. Naqueles anos impartiu conferencias, participou en numerosas alocucións radiofónicas ou en mitins. Como esquecer a soberbia peza oratoria pronunciada en Montevideo, en abril de 1943, que se recolle no Sempre en Galiza, ou aquela ditada na homenaxe que lle renderon con motivo da presentación deste ensaio que axiña se definiu como a «biblia» do nacionalismo galego.

«En memoria de Alexandro Bóveda», con esta dedicatoria sinxela ao seu amigo, ao seu irmán, ábrese un libro complexo que Castelao construíu fundamentalmente na adversidade política e vital. Dende o seu desterro en Badajoz, imposto polo goberno lerrouxista en 1935, envía artigos á cabeceira A Nosa Terra, que insire en Adro, o limiar do Sempre en Galiza. Durante a Guerra civil publicou en Nueva Galicia, logo os seus ensaios están asinados en Nova York e no exilio porteño. Esta compilación reflicte a evolución do autor e os seus obxectivos estratéxicos: a liberación nacional de Galicia e a súa emancipación socioeconómica.

Unha das ideas claves é: somos unha nación dentro dun estado plurinacional que temos dereito á autodeterminación, para decidir de forma libre e soberana o noso futuro. Agora ben, o seu non é un nacionalismo excluínte, pois «para no?s, os galegos, afeitos a percorrermos o mundo e a convivir con todal-as razas, o nacionalismo racista é un delito e tamén un pecado». Nesta viaxe política que nos brinda o Sempre en Galiza non escapa a ningún tema de interese e destaca a súa defensa lingüística, principal bandeira da nosa identidade.

Baixo o nome dunha perfumería

O escritor Xosé Neira Vilas narrou en diversas ocasións como, dende as Mocidades Galeguistas en Buenos Aires, axudaron a que centos de exemplares chegasen a Galicia a través dunha distribuidora mexicana. O perigo que corrían non era pouco, polo que chegaron a facer un papel co nome dunha perfumería, con el envolvían os libros para que pasasen desapercibidos. Xa na terceira edición, que veu á luz en 1974, procuraron un formato máis pequeno para que resultase máis doado de espallar. Para entón, xa se incluíra o Libro IV que aparece na segunda edición de 1961, nel recóllense sete capítulos que deixou escritos para un segundo tomo que nos furtou a súa prematura morte. Entre eles está o tan coñecido Alba de Groria, pronunciado o 25 de xullo de 1948, onde nos debuxa unha longa procesión da «Santa Compaña de inmortais galegos», un conxunto de ánimas sen nome que nos legaron un idioma, unha cultura, unha maneira de estar no mundo. Esa oración profana finaliza cunha dedicatoria aos «últimos mártires» que dormen nos cemiterios do país, cun recordo especial a Bóveda «estrela e bandeira do noso porvir».

No Museo de Pontevedra atópase o manuscrito orixinal do Sempre en Galiza, que nun primeiro momento titulou Co pensamento en Galiza, así viviu sempre Castelao porque como algunha vez afirmou: «Ideoloxicamente eu non son máis que un patriota galego».