Os 20 clásicos recentes da literatura galega

MARTA REY / S. F.

FUGAS

Algúns dos títulos imprescindibles das letras galegas contemporáneas.
Algúns dos títulos imprescindibles das letras galegas contemporáneas. FUGAS

Os premios nacionais Marilar Aleixandre e Ismael Ramos, o autor e bookstagramer Xacobe Pato, a sociolingüista Pilar García Negro e a libreira Ana Regueiro, de Follas Novas, revelan vinte libros que consideran imprescindibles desde os anos 70 ata hoxe

05 jul 2024 . Actualizado a las 10:21 h.

 

«Que me queres, amor?»

Manuel Rivas

Este libro de relatos, que gañou o Premio Torrente Ballester e o Nacional de Narrativa, é unha das escollas nas que coinciden a maioría dos consultados. Segue vendéndose como o primeiro día. Rivas é «imprescindible», di Marilar Aleixandre, premio nacional de narrativa. Aquí somerxe ao lector nese territorio no que a realidade linda cos soños.

EDITORIAL Galaxia | PÁXINAS 188 | PREZO 18,20

«Virtudes (e misterios)»

Xesús Fraga

Esta novela da emigración recibiu o Premio Nacional de Narrativa 2020 e é destacada por varios membros do noso «xurado». «Virtudes é a avoa de Xesús. Rematas por namorar da protagonista, cunha vida moi dura», asegura Marilar. A libreira Ana Regueiro di amais que é «un éxito en vendas».

EDITORIAL Galaxia | PÁXINAS 368 | PREZO 21,90

«Arraianos»

X.L. Méndez Ferrín

Un dos autores de referencia en Galicia é Méndez Ferrín, e Arraianos segue sendo un gran fito da literatura. Esta breve obra mestra contén relatos que transcorren entre as concas do Limia e Arnoia, onde a vida fala de fronte coa morte. «Esta obra vai máis alá da narrativa breve. Ferrín conxuga á perfección todas as súas facetas literarias», di Ismael Ramos, premio nacional de poesía.

EDITORIAL Xerais | PÁXINAS 200 | PREZO 20,50

«A praia dos afogados»

Domingo Villar

Novela ambientada na ría de Vigo, é a segunda historia do gran Leo Caldas, que será o encargado de investigar a morte do mariñeiro Xusto Castelo. «O que máis me gusta de Domingo Villar é que, mentres o lector vai preguntándose como se resolve o crime, el afonda en temas como a soidade e os afectos», explica o autor e bookstagramer Xacobe Pato.  

EDITORIAL Galaxia | PÁXINAS 512 | PREZO 23,00

«O derradeiro libro de Emma Olsen»

Berta Dávila

Varios consultados elixen esta autobiografía ficticia dunha autora americana que sofre unha dolencia terminal. Dávila fala da adolescencia e a sexualidade, e das relacións tóxicas. «Imprescindible», concordan Marilar Aleixandre e Xacobe Pato. «A Dávila hai que lela sempre», di Xacobe.

EDITORIAL Galaxia | PÁXINAS 88 | PREZO 20,20

«Agosto do 36»

Xosé Fernández Ferreiro

Esta obra que aborda a Guerra Civil en Galicia é un libro de «longo percorrido», segundo Ana Regueiro. Con dramatismo, o autor relata a partir dun feito real o inferno que unha parella de mestres rurais nunha aldea de Ourense nos primeiros días do alzamento militar. O libro mergúllanos nunha atmosfera de tensión que segue mantendo o pulso.

EDITORIAL Xerais | PÁXINAS 160 | PREZO 19,50

«Ambulancia»

Suso de Toro

Rompedora nos 90, esta obra está ambientada en Compostela e protagonizada por Petete e Pequeno, dous delincuentes atrapados nunha situación precaria. «É unha novela negra moi entretida, pero que ten un transfundo duro. O estilo de Suso de Toro aquí é extraordinariamente directo», afirma Xacobe Pato. Se che gusta a novela negra americana, este é, sen dúbida, o teu libro.

EDITORIAL Xerais | PÁXINAS 120 | PREZO 13,95

«O sol do verán»

Carlos Casares

Nesta historia de amor e morte, Casares narra as lembranzas da nenez de Helena tras o suicidio de Carlos. A recreación da infancia e a gran construción dos personaxes fan que para os consultados sexa un libro que hai que ler polo menos «unha vez na vida». «Un dos narradores máis sólidos do XX. A estrutura das súas novelas é perfecta», di Marilar.

EDITORIAL Galaxia | PÁXINAS 248 | PREZO 18,75

«O libro negro da lingua galega»

Carlos Callón

Callón recolle testemuños da represión lingüística en Galicia ao longo dos séculos e aborda a crueldade dos castigos nas escolas por falar galego —a lingua prohibida daqueles tempos— e a castelanización dos nomes. Para a sociolingüista Pilar García Negro, é unha das obras que todo galego e galega debería ler.

EDITORIAL Xerais | PÁXINAS 768 | PREZO 26,95

«Tempo fósil»

Pilar Pallarés

Pallarés, unha das voces fundamentais da poesía en Galicia, escribiu este libro, escollido por varios consultados, a finais do 2011, cando a ampliación do aeroporto de Alvedro destruíu a casa na que se criou e que o seu pai construíra cas súas mans. «É unha lamentación pola paisaxe da súa infancia en Culleredo. É un poemario belísimo», achega Marilar Aleixandre.

EDITORIAL Chan da pólvora | PÁXINAS 50 | PREZO 17,00

«Avelaíñas eléctricas»

Sica Romero

Na tradición galega, as avelaíñas poden ser un sinal de agoiros positivos ou negativos dependendo da cor. Neste libro de Sica Romero, dúas narradoras —Olivia e Mariña— contan os segredos da súa relación e como despois de romper se botan de menos. Cunha narración que intercala o tempo presente e o pasado, e coa orixinalidade da estrutura dos textos, o lector pode reflexionar ao arredor de temas como a sexualidade, a violencia, a amizade ou as responsabilidades adultas.

EDITORIAL Néspera PÁXINAS 216 PREZO 20,00 

«Feliz idade»

Olga Novo

Con este libro, gañador do Premio Nacional de Poesía 2020, Premio da Crítica de Galicia 2020 e o Nacional da Crítica Española 2019, Olga Novo alumea versos dun presente puro e esperanzado que tenden lazos entre xeracións e entre pasado e futuro. Neta, filla e nai recrean un mundo rural, telúrico e ancorado na patria. Dividido en sete partes nas que Olga Novo fala de distintas etapas da súa vida neste poemario que a libreira de Follas Novas sitúa no top-vendas de poesía.

EDITORIAL Kalandraka, colección Tambo | PÁXINAS 152 | PREZO 14,00

«Baleas e baleas»

Luísa Castro

En 1988, Luísa Castro publicaba o seu primeiro e único poemario en galego e este esgotábase aos poucos días. Cun discurso provocador e crítico, Castro reflicte como a zona da Mariña mudou como consecuencia da transformación económica que sufriu Galicia nesa década. Para o poeta Ismael Ramos, esta obra rompeu coa poesía culturalista imperante na época. «É un libro rompedor. Gústame porque retrata moi ben a Galicia mariñeira de Foz, que nos anos 80 está somerxida nunha transformación paisaxística e social», explica o noso premio nacional de poesía.

EDITORIAL Galaxia | PÁXINAS 108 | PREZO 13,95

«Sextinario: trinta e seis+tres»

Marica Campo

A gran narradora e poeta do Incio, Marica Campo, utiliza neste libro a sextina inventada polo autor medieval Arnaut Daniel. En 40 poemas, a escritora fai unha denuncia da realidade social cun modelo de composición poética pouco habitual. Pilar García Negro escolle este poemario resaltando as aptitudes da autora. «Á parte da súa calidade intrínseca, é un libro único en Galicia porque é unha colección de sextinas, e esa estrofa nunca fora ensaiada en galego», apunta a profesora lucense experta en Rosalía de Castro.

EDITORIAL Sotelo Blanco | PÁXINAS 110 | PREZO 13,00

«Poemas 1981-1991»

Lois Pereiro

En Follas Novas, segundo di a libreira Ana Regueiro, non deixan de preguntar por Lois Pereiro. En pouco tempo conseguiu ser un dos libros máis sólidos do autor de Poesía última de amor e enfermidade e fixo que se convertese nun dos poetas máis influentes dos últimos tempos. Poesía do amor e da morte, da experiencia núa, da contundencia, da fatalidade, do sufrimento. Son poemas cheos de vitalidade. Os versos que lle arrincou á vida Lois Pereiro, protagonista do Día das Letras Galegas 2011, inquietan, invaden e emocionan a quen se atreve a mergullarse neles.

EDITORIAL Edicións Positivas | PÁXINAS 98 | PREZO 12,00 

«O lapis do carpinteiro»

Manuel Rivas

Outro dos libros máis recoñecidos de Rivas, que tamén foi levado á gran pantalla é moi destacado polos libreiros. O lapis do carpinterio continúa sendo unha das obras máis vendidas do autor. Esta historia de «amor, melancolía e liberdade» entre Marisa Mallo —unha muller de familia reaccionaria que vive na fronteira— e o médico republicano Daniel da Barca leva aos lectores a viaxar de volta á época da Guerra Civil e á posguerra, sendo testemuñas dun amor que poderá con todo.

EDITORIAL Xerais | PÁXINAS 152 | PREZO 19,50

«Os mortos daquel verán»

Carlos Casares

Este libro de 1987 comeza coa aparición do cadáver do boticario Ernesto Vilariño Dacal, morto supostamente en accidente ao comezo da Guerra Civil que pon en marcha unha investigación xudicial para resolver o caso. Casares borda nesta obra unha crítica ao dogmatismo e ás formas de violencia opresora. «Sinto que Carlos Casares, ao ser unha figura moi institucionalizada, xa non se le tanto como antes. É un narrador que me sorprendeu para ben, porque ten un tempo moi elegante», subliña Ismael.

EDITORIAL Galaxia | PÁXINAS 144 | PREZO 16,00

«Tempo de ría»

Xohana Torres

Xohana Torres é unha das figuras esenciais do século XX que reivindicou de sempre a incorporación da muller na vida literaria. Neste poemario, Torres reinterpreta o mito de Penélope, muller de Ulises, que durante moitos anos teceu e desteceu ás escondidas mentres esperaba que o seu marido regresara da guerra de Troia. Este poemario é o favorito do poeta Ismael Ramos. «Contén ese gran poema sobre Penélope, que é un himno. Para min, Xohana Torres é desas mulleres que se expresou polo que dixo, pero tamén polo que non dixo», explica o autor.

EDITORIAL Espiral Maior | PÁXINAS 48 | PREZO 10,00

«Ninguén contará a verdade»

Pedro Feijoo

Esta novela de ficción gañadora do Premio Xerais 2023 está protagonizada polo personaxe de Marosa Vega, unha talentosa e hábil xornalista que, despois de ser despedida por intentar investigar de máis, recibe o encargo do seu excompañeiro Salva Lamas para destapar un caso de corrupción por parte do presidente da Xunta que renuncia ao seu cargo e postúlase a presidente do Goberno. Cun gran labor de documentación, Feijoo fai unha obra aditiva, destacada por Follas Novas entre as do autor.

EDITORIAL Xerais | PÁXINAS 632 | PREZO 24,95

«Polaroid»

Suso de toro

Este exemplar de relatos —que recibiu o Premio da Crítica de Galicia en 1986— continúa como favorito nas librerías galegas e facendo novos lectores. A obra, considerada un libro aberto, supuxo un fito histórico na literatura dos anos 80 e conseguiu dar todo un cambio de rumbo narrativo. Suso de Toro enlaza a cultura underground coa explosión pop abordando cuestións do mundo contemporáneo, como a lingua, o tempo dos medios de comunicación e audiovisuais, ou a produción de obxectos de consumo en serie.

EDITORIAL Xerais | PÁXINAS 184 | PREZO 18,95