O entusiasmo vive nas prazas

Diego Ameixeiras

FUGAS

Juan González | EFE

14 jul 2024 . Actualizado a las 22:23 h.

Estiven de novo pola Semana Negra (SN) de Xixón. Presentei unha novela, gocei da conversa cos amigos, deixei caer os ollos ao Cantábrico dende a praia de San Lorenzo. Díxome hai anos Paco Ignacio Taibo II, daquela o seu director, que sempre regresaba da SN cunha inxección de enerxía renovada, cos dedos cargados de electricidade para insistir no oficio de contar historias.

Seguindo un rito de paso, a primeira vez que me convidaron ao festival volvín á casa cunha mochila ateigada de libros da colección Etiqueta Negra, a selección noir da desaparecida editorial Júcar. A prezo de saldo, alí estaban os Jean-Patrick Manchette, Didier Daeninckx ou Thierry Jonquet, emblemas do neopolar francés que hoxe brilla nas novelas da enorme Dominique Manotti. Escribimos con ansias de revelación. Escribimos para descubrir algo que non estaba aí antes de poñernos diante do ordenador. Escribimos para conxugar a vida con máis intensidade. Explícao Annie Ernaux: «Niso consiste o pracer e o espanto da escrita: en descoñecermos o que chega grazas a ela».

Non sei se coñecerei algún día os misterios que se lle iluminan aos grandes ante o teclado. En cambio, coñezo de sobra a fatiga de viaxar en autobús dende Xixón a Compostela, cinco horas e media para almas sufridas que este ano aproveitei para ler Peces abisales, un emocionante retrato de iniciación de Rosa Ribas. Estaba canso cando entrei na casa. Non tiña previsto poñerme a escribir baixo o influxo de Georges Simenon, como supoño que segue facendo Paco Taibo cando volve á Cidade de México despois de cada Semana Negra. Faltábame enerxía, ánimo, a motivación doutros tempos. Atribuíno ao cansazo derivado da época que nos tocou vivir: fatalismo histórico, sensación nihilista, ausencia de horizontes transformadores. Pero a ledicia contaxiosa de milleiros de simpatizantes da Nova Fronte Popular, en París, celebrando o triunfo ante a ultradereita nas prazas, arrastroume a redactar unhas notas de urxencia para unha novela que non sei se existirá. Escribín, tamén o sinto agora, permitíndome un agradable frenesí de liberdade, fraternidade e igualdade no ambiente: «Ils ne passeront pas!». Cómpre non infravalorar a influencia dos franceses. En ocasións, poden obrigarte a cargar dende Asturias cunha mochila chea de libros. Noutras, a insistir nunha paixón e a non esquecer que a cultura popular e o entusiasmo son o mellor material contra o odio.