Carabela: «A nosa vontade non é mover os marcos da música tradicional»

FUGAS

A banda de Noia vén de publicar «A noite», un disco no que dilúen o substrato «tradi» entre evocadoras atmósferas dunha sedutora electrónica

09 ago 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Había curiosidade nun amplo sector da escena musical galega por coñecer a nova proposta de Carabela. Sen acadar aínda unha maioritaria repercusión, o cuarteto de Noia foi quen de gañarse cun só epé, «Nó» (2023), o respecto nos círculos que están a indagar na colisión entre a música tradicional e o pop ou a electrónica. Non eran para nada uns máis. Había na súa maneira de entender a música algo fascinante e magnético. O seu segundo traballo, «A noite», e a súa irrefutable constatación. Hai dende logo en Carabela un substrato tradi que eles son quen de levar —e elevar— a un territorio inesperado, cheo de atmosferas evocadoras e ambientes supersuxestivos. E acertan de cheo. A noite é un deses discos que requiren dunha escoita inmersiva, pero que despois apéganse a un e xa non es quen de quítalo da cabeza.

«Que ven aportar Carabela?», pregúntolles. «Non sei se aportamos algo ou non. O que temos claro é que queremos facer a música que nos presta, con todas as influencias que temos, sen complexos e sen medos», responde Pablo Agra, quen xunto a Ana Moas, Alba V. Burke e Pablo Pazos, conforma a banda.

—O que si é incuestionable que vos presentades cuns postulados que non son nada convencionais na escena galega. Supoño que son reflexo dunha serie de inquedanzas que Carabela pon enriba da mesa como algo novo.

—Si, ese é o feedback que estamos recibindo. A xente advirte que detrás da nosa música hai como unha especie de labor de investigación que fai que collamos elementos da música tradicional e os levemos un punto máis aló. Pero a nivel interno non é tan así. Non temos a sensación de que esteamos movendo os marcos ou levando a outros límites á música tradicional. Esa non é a nosa vontade. Pensar así sería pretencioso.

—Eu teño a sensación de que o que fai Carabela non é música tradicional evolucionada cara o pop, senón música popular á que lle engadides un certo substrato tradicional.

—Si, facemos bastante iso que dis. Nós incorporamos elementos da música tradicional dunha forma case inconsciente, de xeito natural, pero dentro dunha listaxe de moitas outras referencias ou estilos que temos na memoria. Nunca pensamos imos coller isto e imos deconstruílo. Collémolo, porque consideramos que dentro desa peza quedaría ben. Pero é unha decisión espontánea.

—O voso é un proceso de creación colaborativo?

—Non temos aquelas dinámicas que tiñan antes os grupos, de reunirse e compoñer conxuntamente. A nosa forma de crear é colectiva, pero creamos cada un dende a nosa casa. Ímonos pasando cousas que nos van gustando e eu, ademais de produtor, cumpro o rol de coordinador e organizador de ideas e tócame armar as pezas dese rompecabezas. Non hai tanto diálogo como parece.

—Que ten a noite? Coido que despois do amor é o concepto que aparece en máis cancións na historia da música.

—No noso caso, enfiouse todo a partir da pregunta «que pasa cando te deitas e non es capaz de durmir e a túa cabeza empeza a dar voltas e voltas?». A noite é algo que se está transformando continuamente. Un día é unha cousa e ao seguinte é outra. É tan moldeable que da para encaixar nela un montón de temas.

—A estas alturas, supoño que sodes conscientes de que non llo poñedes fácil aos vosos seguidores, que a vosa música é de dixestión lenta?

—Nestes tempos da a sensación de que todo ten que ser facilmente dixerible para ter un encaixe dentro da escena. Nós non entramos a valorar se iso é xusto ou non. É o que nos toca vivir. Tampouco o digo dende a soberbia de que se a nosa proposta non ten tanto oco é porque o público non ten a suficiente intelixencia para entender o que facemos. Non é o noso caso, para nada. Pero tamén é certo que hai moitísimas propostas que consideramos de moita calidade e que propoñen algo diferente e non están tendo espazos. Nós sabemos que non o poñemos fácil, pero iso non vai minguar o noso ímpeto por facer o que queiramos, con independencia de se lle gusta á xente ou non.

—Advertides ese sentimento de comunidade do que tanto se está a falar na nova escena da música galega?

—Si, de feito Carabela entra agora nunha fase na que nos apetece facer colaboracións e algunha idea hai entre bastidores. Son procesos que serven para enriquecerse moito doutras formas de traballar, doutras ferramentas e doutras perspectivas ás que ti só ao mellor nunca chegarías. Iso si que é un exercicio de experimentación.

—Por certo, que está a pasar na ría de Muros e Noia que tantos grupos están a saír desa zona?

—Deben ser os berberechos (rin). A verdade é que si, hai moitísimos grupos e de moitísima calidade. De sempre foi zona de artistas, xa dende Los Tamara. A pena é que hai pouquísimos espazos para a música en directo. Eu lembro, cando eu era adolescente, que había moitos concertos nos bares e moitas programacións nas rúas, onde os grupos locais tiñan oportunidade de tocar en directo e iso servíalles de motivación. Iso cada día é máis complicado. E nótase ben en que antes había bastantes bandas de rapaces que se reunían para tocar xuntos e iso agora baixou moitísimo.