
Conversas ou convidados de éxito son as propostas de «Exército Mekemeke» e «Canto Conto Podcast», dous formatos que se poden escoitar a través de Spotify e seguir en redes
07 oct 2024 . Actualizado a las 10:21 h.Temos tanta variedade de cousas ao noso alcance no audiovisual que moitas veces rematamos por ver e escoitar o mesmo. Pero as opcións en galego que hai nestes días en canto a podcast, son moi variadas e exitosas. Exército Mekemeke e Canto Conto Podcast son dous exemplos, que pouco a pouco, atoparon o seu lugar nas plataformas como O Faiado, Zapatillas Podcast ou o xa desaparecido Café Derby.
«O noso obxectivo é conquistar o mundo e curar a morriña»
Shin Chan tiña de referente a Ultraheroe, un home que loitaba contra o exército Mekemeke. Tanta foi a influencia deste neno «falandeiro, descarado e bo larpeiro» na xeración Xabarín que, anos despois, un «ultrarraio» caeu por casualidade nas cabezas de varios amigos e xurdiu o podcast en galego que agora leva o nome daquela ficticia organización criminal: «Exército Mekemeke». «Buscando referencias sobre Shin Chan, atopeime coas míticas galletas xaponesas que comía el e que se poden mercar. Dixen: 'Isto válenos para o logotipo!'», afirma Carlos Vieito, un dos capitáns desta formación. Coas bromas, agora a mesa, onde se reúne con Miguel Gómez Abad, Lidia Veiga e Xabi, xa está chea de merchandising desta serie. «Imos pouco a pouco. Cada paquete de galletas custa un ollo da cara», bromea. Este ano foi nominado ao Mellor Podcast en Lingua Cooficial nos Premios Ondas. «Subín un vídeo reaccionando en directo ás nominacións. Púxenme a chorar cando escoitei o noso podcast, pero non fun tan iluso de preparar o traxe e o discurso», indica.
Carlos xa tiña un pasado na radio cando decidiu que debía facer algo para crear contido en galego. Por iso propúxolle ao resto da banda levar a cabo o proxecto. «O obxectivo do Exército Mekemeke, ademais de conquistar o mundo, é o de que a rapazada da xeración Xabarín poida gozar de contidos en galego», explica. Facer humor e falar da actualidade a través de referencias da ficción televisiva, están á orde do día «Eu pensei que a mellor forma de conseguir recuperar referencias que se estaban a perder era a de facer un programa dinámico, novidoso e que chegase a todo o mundo, ademais de crear un impacto grande nas redes, que ao final é onde se move todo isto», afirma. Pero que todo o mundo quede tranquilo. Aínda que o nome do podcast teña vibras de semellar que está formado polos viláns dunha película, o concepto Mekemeke é algo moi abstracto. «Ser Mekemeke é como ese picor que queda na gorxa cando comes algo picante», reflexiona.
Lidia Veiga chegou máis tarde que o resto ao formato. «Miguel e Xabi son amigos meus da infancia. Ao comezo pensei en facer un programa en solitario, pero rematei por comentarlles se lles apetecía formar parte. Despois, por casualidades da vida e do traballo, coincidín con Lidia. Ela xa viñera de convidada e tivéramos moito feeling. Propúxenlle o de participar e xa van catro anos», recorda Carlos.
Neste podcast atopas convidados moi aleatorios. Un día aparece un grupo como De Ninghures e outro a mesmísima Pili Pampín. Carlos escacha a rir coa reflexión que lle lanzo. «Creo que o dos convidados é como o meu algoritmo de Instagram. Cando coñeces a algún que parece que non encaixa co formato rematas levando unha sorpresa mentres pensas: 'Pero esta persoa é criminal!'», confesa. «E teño que dicir que Pili Pampín é moi Mekemeke. Cando ía vir ao programa comezou a pisar canto podcast galego había e dixen: 'Alá vai a exclusiva!'. Despois tamén veu Federico Pérez, que podería ser un colaborador habitual, porque é marabilloso. É terrible!», bromea.
Tamén ten tempo para espiar as métricas do Spotify. «Hai xente que nos escoita desde Latinoamérica e doutras partes de Europa. É moi forte», conta. Pero o que máis lle emociona é cando o paran pola rúa para contarlle cousas do programa. «Dinme que nos escoitan no coche, no metro... Conquistamos o mundo e curamos a morriña dos que están lonxe!», admite. Agora prepara a cuarta tempada. «As conversas van seguir sendo as mesmas, pero é probable que haxa algunha entrevista a parte, non dentro do propio programa», adianta Carlos.
«Isto non é 'La Resistencia'»
MJ é a condutora de Canto Conto Podcast que, ademais de presentar o formato, é cantautora e comunicadora audiovisual. «Son moi afeccionada a escoitar a radio e fíxenme moi fan dos podcast. Comecei a descubrir contido interesante, e ademais, en momentos malos, fíxome ben escoitalos. Cando empecei con este proxecto, houbo xente que se sorprendeu da miña faceta como comunicadora, porque me relacionan como cantautora, ignorando toda esa parte de min que ten que ver co audiovisual», explica. O seu proxecto xurdiu despois de encherse de contidos que a acompañaban en momentos complicados. «Pensei: 'Que guai estaría compartir co mundo as conversas que teño con certa xente e as curiosidades que saen de aí'. Eu pensaba que se fose a audiencia, gustaríame meter esta acción e facelo en galego», confesa.
Aquí o contido vai máis alá. «É que para min non son entrevistas, son conversas. É un matiz moi importante, porque hai xente que se confunde. Recibo correos de tipo: 'Quero promocionar tal cousa'. Non, isto non funciona así. Este podcast non é La Resistencia. Aquí se falamos do teu libro e porque hai algo ao arredor do teu libro. Non é: 'Cóntame como che vai a vida'. Nunha entrevista convencional non se van poñer profundos e reflexionar sobre outras cousas», admite, e fala dalgúns dos seus convidados. «Pablo Meixe foi o meu primeiro convidado e eu xa o coñecía desde antes de que fose famoso. Non pensei nel porque agora fose coñecido, senón porque sei como foron os seus inicios cando se lle pechaban portas ou como triunfou cando comezou a facer contido en castelán. Iso é o que me chama a atención. Penso que é máis valioso iso que estar falando sobre o de sempre», sentencia.