Eris Mackenzie, o artista que versiona éxitos do pop español en galego: «A música de Rocío Jurado ou Manolo Escobar evócame a miña nenez»
FUGAS
O músico vén de presentar o seu novo 'single', «O lavadoiro», unha mestura da música tradicional coa electrónica dos anos noventa. O seu álbum «Meu ceu» estará dispoñible nas plataformas dixitais o 13 de decembro. «Intentar facer o mesmo que Baiuca é pegarse un tiro no pé», confesa
29 nov 2024 . Actualizado a las 13:29 h.Hai un ano que Eris Mackenzie comezou a producir o álbum Meu ceu co propósito de reconectar coa música. Paralelamente, o artista —achegando o seu estilo persoal— decidiu versionar cancións de éxito do pasado en galego como Corazón partío, de Alejandro Sanz, ou Un beso y una flor, de Nino Bravo. Agora lanza o seu single O lavadoiro.
—De onde vén o nome de Eris Mackenzie?
—É un seudónimo, porque Carlos Eirís xa o emprego para todos os trámites burocráticos [ri]. Dentro de todos os sectores da sociedade, a política sempre está implicada. Parece unha parvada, pero no sistema solar Plutón foi o único planeta que descubriu un astrónomo estadounidense e metérono aí con calzador só por ter un fito histórico. É un planeta que non entra nos cánons polo seu tamaño, o número de lúas... Eris foi un corpo celeste que descubriron nos anos 70. Era moito máis grande ca Plutón e isto significaba que ou ampliabas o sistema solar a un nivel ridículo de planetas, ou había que quitar aquel planeta que meteran por puro populismo. O de Mackenzie vén por un personaxe da serie Futurama. Era a mascota dunha bebida que estaba condenado a estar de festa sempre.
—Como xurdiu o proxecto do álbum «Meu ceu»?
—Comecei con el hai un ano. Sei que soa moi romántico, pero xurdiu como para reconectar coa música [ri]. Era como un hobbie. Púxenme a producir temas e xusto coñecin ao meu manager. Traballando co concepto da aldea foi todo tomando forma. Despois xa me metín máis no que é a música tradicional e a compoñer. Comecei así a facer a fusión coa música tradicional, meténdolle unha temática melancólica e mesturándoa coa música electrónica dos anos noventa.
—En que te inspiraches para facer «O lavadoiro»?
—O lavadoiro é unha boa mostra do que a xente vai atopar no álbum. Ten unha mestura entre a parte tradicional, que vai evolucionando durante a canción, e a parte máis electrónica, que é a máis intensa. Esta, en concreto, é unha adaptación dunha jota de Viñales, da parte de Ourense. Escoitella a Pan Sen Fron nun vídeo de YouTube de cando actuaron no Luar. A canción encantoume. Ten un dos retrousos máis coñecidos incluso para a xente que está fóra da música tradi que é: 'Una niña de tierra de moros...'. A temática da canción xa encaixaba con esa melancolía que quería dar ás miñas cancións. Foi dos primeiros temas que traballei cando comecei a formarme na música tradicional e un dos que orixinou o resto das cancións.
—Baiuca ou Rodrigo Cuevas son artistas que tamén mesturan a música tradicional coa electrónica. Que tipos de referentes tes ti na música galega?
—Respecto ao que dis, si que é xente que traballa coa electrónica, pero traballan con outros xéneros dentro da electrónica. Ao final é como o rock ou o metal, hai moitas vertentes. Na miña opinión, estou levándoo por un camiño distinto porque Baiuca xa ten moito camiño feito e intentar facer o mesmo é pegarse un tiro no pé. Eu, en xeral, non son o típico melómano. Moitas veces mesmo polo medo de replicar algúns recursos que use alguén. Teño tres ou catro referentes musicais, aínda que máis pola atmosfera que transmiten como XXXTentacion, Bracken... Son realmente os que me inspirarna transformar a música. A nivel Galicia, por suposto que Baiuca é un xefe, Mondra tamén... Que me gusten a min musicalmente a día de hoxe sen ter nada que ver comigo estarían Lontreira, Alana...
—Por que decidiches versionar éxitos como «Corazón partío», de Alejandro Sanz, ou «Un beso y una flor», de Nino Bravo en galego?
—Eses temas comparten a atmosfera que eu teño e son melancólicos. Si que é certo que o desamor non o traballo tanto, pero quixen traelos ao meu estilo. En concreto, temas como Como una ola de Rocío Jurado, evócanme moito e gústanme. Crieime nos anos noventa escoitando esas cancións e artistas como Rocío Jurado ou Nino Bravo; eran os cantantes de referencia para os meus pais. Esa revisión dos temas a día de hoxe tráeme nostalxia. Á xente pásalle coa roupa e a min coa música.
—Nunca tería imaxinado que che gustase Rocío Jurado...
—E Manolo Escobar! [ri]. Non é que os escoite a propósito, pero si que se me salta algunha canción ou o típico que no Nadal poñen algo de Raphael, síntoo como algo cálido e acolledor. Non é en si Rocio Jurado ou Raphael, é a súa música a que me transmite a nostalxia de cando era pequeno e de cando os problemas non che chegaban a ti directamente. Ese tipo de cousas.