O 2025 será o Ano Castelao ao cumprirse o seu 75 cabodano, pero estes meses previos aquecemos a efeméride con outras lembranzas significativas arredor dunha das figuras máis importantes que deu o noso país. Recentemente, coñeciamos a creación da Cátedra Castelao na Universidade de Santiago de Compostela, para afondar na investigación e divulgación do intelectual galeguista. Á fronte o académico e catedrático Henrique Monteagudo, quen dedicou boa parte da súa traxectoria profesional ao estudo da súa obra e da súa figura. Como primeira iniciativa xa podemos gozar da exposición «Castelao, de Sempre en Galiza ao Consello de Galiza (1934-1944)», que se pode visitar na Facultade de Filoloxía de Santiago e na Fundación Penzol, en Vigo. Neste último espazo, ademais dos paneis informativos e do material bibliográfico, atopamos documentos excepcionais, en boa parte pertencentes ao fondo de Rodolfo Prada, como a acta orixinal da constitución do Consello de Galiza, do que Castelao era presidente. De grande interese tamén é a misiva remitida polo rianxeiro aos galeguistas do interior ou os manuscritos dos cadernos de Castelao. Expóñense tamén diferentes edicións da coñecida como a Biblia do nacionalismo galego, como curiosidade hai un Sempre en Galiza de peto ou o que incorpora o «Alba de groria» que, en palabras de Monteagudo, é a peza oratoria máis brillante da nosa historia.
Na cidade en que estudou Medicina tamén se inaugurou unha mostra bibliográfica que conmemora os 75 anos da sinatura dos primeiros pregos d’As cruces de pedra na Galiza. O Museo do Pobo Galego súmase á celebración con esta data simbólica, ao tempo que pon en valor o interese e fondo coñecemento de Castelao pola arte relixiosa popular, unha investigación que comezou cando en 1924 entrou no Seminario de Estudos Galegos. Anteriormente, o Parlamento acolleu un acto institucional onde proclamou a Castelao como o primeiro presidente de Galicia, recoñecendo deste xeito a legalidade republicana do Consello de Galiza.
Aquel 7 de xaneiro de 1950, Castelao falecía vítima dunha grave doenza, con escasa visión e coa dor de non regresar ao país. Por sorte, puido ser enterrado coa terra galega que enviara dende Vigo Francisco Fernández del Riego, recollida na beiramar de Coruxo e mesturada coa que Otero Pedrayo mandara en coche de liña dende Trasalba. Mentres Castelao era velado multitudinariamente, en Galicia había unha orde expresa que prohibía publicar a nova do seu falecemento en primeira páxina, tamén se advertía que só se podía aludir á súa obra artística e lembrábase que cometera moitos erros na súa vida. O principal, o seu amor por Galicia, un erro para o fascismo que é un orgullo para nós como pobo, porque 75 anos despois a fogueira do espírito de Castelao segue quentando as nosas vidas.