Loli Rodríguez, gañadora do Torrente Ballester de narrativa en lingua galega: «Tras o cancro pensei: agora ou nunca»

María Salgado
María Salgado REDACCIÓN / LA VOZ

FUGAS

Loli Rodríguez, autora da novela «Nailía».
Loli Rodríguez, autora da novela «Nailía». Cedida

Mestra de formación e celadora de profesión, sobrevivir a unha enfermidade empuxouna a tentar publicar as súas novelas; a última, «Nailía», homenaxea a unha xeración de mulleres coidadoras

13 dic 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

A dozura da súa voz e a fortaleza das súas mans acompañan aos enfermos no hospital, coidan da súa nai nonaxenaria e escriben novelas sobre mulleres que pensan en todos, menos en si mesmas. Loli Rodríguez (Torbeo, Ribas de Sil, 1964) estudou Maxisterio, tivo unha librería durante dezaseis anos en Vigo e leva outros tantos sendo celadora no Meixoeiro, unha profesión que reivindica porque é un colectivo «case invisible, pero cun labor fundamental». A gañadora do XXXVI Premio Torrente Ballester de narrativa en lingua galega, concedido pola Deputación da Coruña, coa novela Nailía, escribe desde nena, pero empezou a pensar que era posible publicar tras sobrevivir a un cancro de mama. Agora séntese abraiada, emocionada e agradecida, e soña cunha viaxe a París.

—Escribe desde sempre?

—Si, teño poemas e narracións desde os nove anos. Escribir forma parte da miña vida; non lembro unha época sen esa necesidade de escribir. A pregunta do millón é por que agardei tanto para tentar publicar. A primeira resposta é a vida, que te vai levando por outros camiños, e a segunda, que estaba nun ambiente totalmente afastado dos círculos literarios. Non confías en ti mesma, pensas que non vales, que o que escribes non é importante. Ata que sucede algo, un episodio que te sacude...

­—E cal foi ese episodio no seu caso?

—Foi unha enfermidade, un cancro de mama hai catro anos. Mira, xa me poño nerviosa ao falar desa época. Cando o superei e reiniciei a miña vida normal, e volvín a ter enerxía e ganas de facer cousas, pensei que ese era o momento: agora ou nunca. Había outra voz que me dicía: pero ti, con preto de sesenta anos, onde vas sen que ninguén te coñeza? Pero fixenlle caso á primeira voz e aquí estou falando contigo.

­— «Nailía» non é a súa primeira novela.

—Non, antes de diagnosticarme o cancro, tiña unha novela escrita, Os nomes de Val. Cando todo pasou, collín o teléfono e chamei á editorial Medulia. En menos dunha semana, contestáronme que lles encantaba e querían publicala. Isto foi hai un ano e hai dúas semanas saíu a segunda edición; tivo unha acollida incrible e vendeuse moi ben. Todos son como pequenos milagres os que me están a ocorrer. Estou abraiada por todo o que me está sucedendo. E presenteime ao Torrente Ballester polo mesmo, por que non. Que vou esperar.

­—E como xurdiu a escrita de «Nailía»?

—Tiña un bosquexo de poucas páxinas gardado nun caixón e un día decidín transformalo nunha novela en pouco tempo, sete ou oito meses.

—Cal é o argumento, sen destripalo?

Nailía é a historia de Lía, unha muller que nace en Coutelo, unha aldea de montaña da provincia de Lugo. É unha muller común, cunha vida común, que é filla, nai, coidadora e avoa. De aí o título porque ela é para os netos coma unha segunda nai. Nailía é o reflexo de tantas mulleres dunha xeración que estiveron pendentes de todo, menos de si mesmas. A vida, que ás veces xoga con nós, vai xogar con ela e vaina sorprender cando menos o espera.

—Pode adiantarnos esa sorpresa?

—Non [risas]. É algo bo. Lía sofre moito, pero espéralle algo bo. Nailía é unha historia de amor porque o amor está presente en todo, pero tamén de desamor, de celos, de esperanza, de superación, de perdón, e, sobre todo, de como a infancia nos inflúe e deseña a nosa vida adulta, no positivo e no negativo. Os personaxes teñen traumas, infancias complicadas, carencias. Interésame moito a psicoloxía dos personaxes.

—É pura ficción ou ten algo autobiográfico?

—Pois o único autobiográfico é o marco narrativo, onde transcorre a historia, en lugares coma Coutelo, que sería o meu Torbeo natal. Tamén aparecen Monforte, Vigo, A Coruña, Compostela... Lugares onde transcorreu a miña propia vida. A partir de aí, todo é ficción, igual que na anterior novela.

—Sempre escribe en lingua galega?

—Si, son galegofalante, aínda que en Vigo é difícil porque se fala moito castelán.

—Que galego emprega na súa escrita?

—Na novela emprego moitos localismos. Por exemplo, uso nai, en vez de mai, porque levo case corenta anos en Vigo e todo se che vai pegando. Eu nacín en Torbeo, pero crieime en Monforte e levo toda a vida en Vigo. Son dos tres sitios; non podo elixir. A novela usa ás veces unha linguaxe máis coloquial, fálase en terceira e primeira persoa, e Lía non ten estudos e vive nunha aldea.

—As mulleres son as protagonistas?

—Hai moitas mulleres, moitas, moitas, pero tamén tres figuras masculinas que son fundamentais por diferentes motivos.

—Por que se presentou a este premio?

—Foi o primeiro que me saíu por datas. Cando vin que na listaxe das novelas preseleccionadas estaba Nailía xa non aspiraba a nada máis. Xa era un premio máximo. Foi un agasallo moi sorprendente.

—Non tiña expectativas de gañalo?

—Ningunha, cero expectativas, pero tiña que intentalo. O que teño que facer quero facelo xa porque a vida é imprevisible. Hai que apostar pola vida, que é moi curta, e polos nosos soños, dá igual a idade. Hai que arriscarse, atreverse e non acovardarse.

—Como foi a reacción no hospital?

—Marabillosa. Os celadores son moi solidarios e parece que o éxito dun é o éxito de todos. Sentinme moi arroupada e querida. Estou feliz, emocionada e agradecida.

—Ten algún outro proxecto no escritorio?

—Si, xa teño título e as primeiras páxinas.

—O seu autor ou obra de cabeceira?

—Encantábanme os clásicos rusos e marcoume La madre, de Gorki. Tamén, os escritores sudamericanos; influíume bastante García Márquez. E leo moita literatura galega; Celso Emilio Ferreiro é o meu autor favorito.