Botei varios días a mercé dos refachos dunha gripe, baixo un millón de mantas, coas incomodidades habituais nestes casos: canseira, dor de cabeza, un chisco de febre, atascos respiratorios. Nada importante, pero o malestar afianzouse o suficiente como para engadir os efectos da primeira apatía existencial do inverno. Cousas que pasan. Os gatos, véndome nese estado, recomendáronme medicación convencional para o mal físico e altas doses de películas amadas para o resto. Non teño por costume levarlles a contraria. Principei cun regreso a Veredicto final, esa obra mestra de Sidney Lumet onde Paul Newman interpreta un avogado alcólico ao que entendemos dende as secuencias iniciais, cando percorre os velorios deixando a súa tarxeta aos achegados dos mortos. Seguín cunha volta a Gun Crazy, soberbia serie B de Joseph H. Lewis cunha parella de delincuentes que viven unha historia de amour fou entre atraco e atraco, obsesionados coas armas. Insistín coa revisión da potente Ultraxe, entre o melodrama e o noir, con Ida Lupino detrás da cámara contándonos o drama dunha violación como nunca se fixera antes na historia do cinema. E rematei cun retorno a Círculo vermello, clásico do polar francés dirixido por Jean-Pierre Melville, apoteose de síntese e sobriedade fílmica. Atopeime mellor. Inmellorable tratamento felino. A ficción, en catro tomas, fixera a súa maxia. Pero unha carga de desidia bastante pegañenta, desatada dos últimos efectos da gripe, non se decidía a abandonarme. Tivo que ser entón un fragmento da actualidade, por estraño que poida parecer, quen me regalou a recuperación definitiva. A cousa sucedeu así. Lin que a sonda Parker, máis próxima ao Sol ca nunca, completara con éxito a súa misión. E que nunhas semanas coñeceriamos os datos que o aparato pretende transmitirnos, seica capaces de marcar un fito na historia da ciencia solar. Bastante mérito, pensei. Parabéns a quen corresponda. Pero serviume máis en termos anímicos a concisa expresión coa que os membros da NASA informaron aos medios da boa saúde da súa nave. Non me pregunten razóns. Só podo dicir que foi unha frase sinxela, sen ornamentos, directa ás vísceras, evocadora de centros protectores. Un enunciado que falaba da comunicación co punto cero, co territorio por antonomasia, co gran distrito humano. Prosa vivificante, antigripal, con ecos abrigados alén do Sol: «A sonda Parker chamou a casa».