Comeza o Ano Castelao e con el unha viaxe dende a Pampa, onde o neno Daniel se disfrazou de gaucho, ata Nova York ou Buenos Aires, aínda que estea «Sempre en Galiza»
17 ene 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Nove carruaxes tiradas por cabalos, case un cento de coroas de flores e milleiros de persoas acompañaban o cortexo fúnebre que paralizou a avenida Belgrano de Buenos Aires. Aquela multitude despedía a Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, o prócer galego que morría no exilio abeirado pola colectividade que o agarimara na última década da súa vida. No salón do Centro Galego unha gran bandeira presidira o velorio, estaba feita en seda, co escudo de Galicia bordado en ouro e prata e fora un galano das amizades porteñas cando o designaran ministro do Goberno Republicano no exilio.
Aquel 7 de xaneiro de 1950 falecía o irmán Daniel, como escribiu Cabanillas, facíao lonxe do país que tanto amaba, pero pedira que lle desen sepultura con terra galega e amortallado nas cores azul e branca. Mentres, o réxime franquista difundía unha orde aos medios de comunicación para prohibir que a noticia saíse en primeira páxina e que nada máis se referenciasen as súas facetas literaria e artística, coa advertencia expresa de que só «se podrá destacar su personalidad política, siempre y cuando se mencione que aquella fue errada». Con todo, o suplemento sabatino La Noche, que dirixían Xaime Isla e Francisco F. Del Riego, levou a portada a nova co artigo «El hombre y el artista», asinado por Valentín Paz-Andrade. O amigo non escatima eloxios a quen mellor condensou a alma galega e, en palabras súas, falecera un referente que só viviu para amar Galicia e co que se apagou «el brío de una vida gloriosa». A censura tardou escasas semanas en pechar o suplemento, pero aquela humilde e desafiante homenaxe era precisa para quen tanto fixo por nós.
Durante máis de tres décadas, os seus restos repousaron no cemiterio da Chacarita, onde de pequeno buscaba refuxio do balbordo da cidade, pois antes ca exiliado fora emigrante. O pequeno Daniel chegara á Arxentina con 9 anos, da man da súa nai e ao encontro do proxenitor que se instalara na Pampa, onde rexentaba un almacén de comercio. Certo é que non lle gustaba moito despachar, pero si observar as xentes rudas que vivían naquelas terras despoboadas e que el pintaba enriba do mostrador. Daqueles anos recorda o día en que lle regalaron un traxe de gaucho, era tal a súa ilusión que non o quería sacar nin para durmir. Naquela chaira aprendeu o verdadeiro significado da palabra liberdade e nunca renunciou a ela. Non tardaría en mudar a paisaxe, pois en 1900, con 14 anos, a familia regresaba definitivamente a Rianxo. A experiencia arxentina marcouno e, de feito, aparece nalgún dos relatos do seu libro Retrincos (1934).
De volta na vila, os paisanos escoitábano falar coma un criollo, pero axiña abraza as súas raíces. A familia, que fixera cartos na emigración, decide que debe estudar o bacharelato en Compostela, para despois continuar a carreira de Medicina, un ensino que era exclusivamente en castelán, aínda que a materia de Anatomía a estudaba no cuarto da pousada traducindo os apuntamentos ao galego. Mentres, aproveitaba calquera momento para debuxar e xa destacaba polas súas caricaturas, polo que axiña comezou a deseñar as cubertas dos primeiros números de Vida Gallega ou de libros. Aínda tiña tempo para gozar das festas, era un bo bailador, e non tarda en incorporarse como primeira corda á nova Tuna Universitaria.
Durante cinco anos exerce a medicina en Rianxo, sen esquecer o debuxo, pois participa en exposicións colectivas e individuais. Con todo, vive un importante contratempo cando sofre un desprendemento de retina e apodérase del o medo a quedar cego, tanto así que decide abandonar a profesión, quizais sen mágoa, pois «fíxenme médico por amor ao meu pai, e deixei a Medicina por amor á Humanidade». Meses despois preséntase ás oposicións de auxiliar de estatística e consegue praza en Pontevedra a comezos de 1916, onde tamén exercerá como profesor auxiliar de Debuxo no Instituto de Ensino Medio. Na Boa Vila a súa actividade é frenética: presidente da Coral Polifónica, escenógrafo dos decorados para as súas funcións, extra nunha película onde ten un fugaz papel de crego, fundador do Museo de Pontevedra ou da sociedade local de estudos galegos, Labor Gallega.
Para entón xa casara con Virxinia Pereira, a súa compañeira de vida, e xa tiña unha traxectoria comprometida co movemento agrarista de Acción Gallega. Polo que axiña se implica tamén nas Irmandades da Fala, mentres os seus debuxos humorísticos aparecían nas páxinas de cabeceiras como A Nosa Terra, onde se dá a coñecer como narrador. Logo, na colección Céltiga, publica a súa primeira obra literaria de forma independente, Un ollo de vidro. Memorias dun esquelete. Naqueles anos vinte desenvólvese como artista plástico, así foi pedra angular da revista Nós, non só era o director artístico, tamén o deseñador e principal ilustrador. Nas súas páxinas deu a coñecer as primeiras mostras do que serían as súas «cousas», así como o seu papel de ensaísta. Sen dúbida, concibiu un xénero en si mesmo, esa prosa coidada, breve, expresiva, cun pouso de retranca, unha das grandes xenialidades de Castelao quen tan ben entendeu ao seu pobo.
En 1924 ingresa no Seminario de Estudos Galegos e dous anos despois é proposto como membro numerario da Real Academia Galega, para entón Castelao xa era un dos artistas máis referenciais de Galicia, o home máis representativo, como afirmou Antón Villar Ponte. De súpeto, a súa vida trúncase cunha nova perda de visión, á que seguiría o falecemento do seu único fillo, Alfonso Luís, a quen con agarimo chamaban Pachucho. Contaba só con 14 anos e adoecía dunha saúde feble que, por un mal diagnóstico, lle arrebata a vida en xaneiro de 1928. O Castelao alegre e riseiro muda nun home triste, condenado á escuridade pola cegueira, pero especialmente polo loito de quen ten que enterrar ao seu fillo.
Durante case dous anos a súa actividade pública foi cativa, e quizais para afastarse un pouco da vida cotiá solicita unha axuda e viaxa á Bretaña durante catro meses con Virxinia. Antes de marchar deixa preparado o segundo libro de Cousas e A Nosa Terra titula: «Para ben da nosa arte, Castelao volta ao traballo». Aqueles meses en Francia dedícaos a estudar, debuxar e fotografar As cruces de pedra na Bretaña, un interese que arrincaba moi atrás, pois en 1924 xa comezara a investigación sobre As cruces de pedra na Galiza.
Cando se proclamou a República, Castelao lanzouse de cheo á política e foi elixido deputado das Cortes. O entusiasmo dos vellos amigos foi inmediato e organizáronlle dúas homenaxes, unha delas en Rianxo, onde o recibiron entre bombas de palenque. En decembro de 1931, fúndase en Pontevedra o Partido Galeguista que tiña como principal obxectivo político a redacción do Estatuto de Autonomía para Galicia. Castelao e Bóveda son as figuras destacadas e aglutinadoras do proxecto e a partir dese momento as viaxes a Madrid son constantes. Alí traba amizade con Valle-Inclán e participa no deseño dos escenarios para a estrea de Divinas palabras, sen desatender o seu labor nas Cortes a favor sempre dunha Galicia máis dona de seu. Con todo, o camiño político non foi doado e en 1933 non saíu elixido deputado, polo que aproveita ese tempo para publicar o volume de relatos Retrincos e a novela Os dous de sempre, na editorial do seu amigo Ánxel Casal.
Castelao era nacionalista, federalista e republicano, un político integrador, dialogante, que sabía da necesidade de unir forzas para acadar obxectivos, por esta razón o Partido Galeguista concorre ás eleccións de 1936 coa Fronte Popular. A súa foi a candidatura máis votada entre todos os representantes galegos e, dende ese momento, apura unha campaña por toda Galicia para aprobar o Estatuto de Autonomía con mitins en vilas e cidades, en campos da festa e teatros, calquera lugar era axeitado para erguer a súa voz de tenor e concienciar da importancia de gobernarnos nós, «Para que remate esta vergonza». En xuño de 1936 produciuse o plebiscito autonómico e os votos a favor do si foron esmagadores, así que sen perder tempo Castelao viaxa a Madrid para acelerar a súa aprobación e iso salvoulle a vida, pois de atoparse en Pontevedra quizais correse a mesma sorte que o seu irmán Bóveda.
Castelao ve o galego como o vehículo da alma orixinal dun pobo e, sobre todo, como «unha grande obra de arte que ninguén debe destruír»
FERIDA E COMPROMISO
Nos anos de guerra púxose a disposición do Goberno republicano e viaxou a Nova York para facer campaña contra o golpe de estado de Franco e, posteriormente, para dar apoio aos exiliados. A xira polos Estados Unidos durou case dous anos, cunha pequena estadía en Cuba que coincide coa primeira viaxe en avión do rianxeiro. A vitoria do fascismo lévao ao exilio en Buenos Aires e, nesa última década, a política enche a súa vida, como presidente do Consello de Galiza ou como autor da obra fundamental do nacionalismo, Sempre en Galiza, 1944. A súa foi unha vida de compromiso, xamais cultivou a arte pola arte, sempre a empregou como medio de expresión do seu pobo, das súas dores e esperanzas e sempre o fixo en galego, pois como ben dixo: «Se tirades o que hai de galego e de humano na miña obra, non restaría nada dela». Por iso loitou por un estado plurinacional que nos recoñecese como pobo diferencial cunha lingua e unha cultura de noso, porque o idioma «é o vehículo da alma orixinal dun pobo e, sobre todo, é en si unha grande obra de arte que ninguén debe destruír».
Neste Ano Castelao que comeza oxalá sintamos a forza da súa obra, da súa palabra, o sentimento de pobo, de orgullo polo que somos e oxalá se cumpra, como el desexou, a vontade dos mártires, dos que coma el loitaron por unha Galicia dona de seu.