Galardoada co premio Illa Nova de Narrativa en 2024, Baixo o ceo de xeo é a primeira proposta de longo alento de Adrián Pérez Bote, matemático e especialista en estatística e intelixencia artificial.
01 feb 2025 . Actualizado a las 21:49 h.Galardoada co premio Illa Nova de Narrativa en 2024, Baixo o ceo de xeo é, ao mesmo tempo, a primeira proposta de longo alento que publica Adrián Pérez Bote, matemático e especialista en estatística e intelixencia artificial.
O autor opta por entrecruzar nunha estrutura bimembre, e con inequívoca solvencia, dous camiños: un sitúanos nun territorio distópico ou simplemente propio da ciencia ficción da man de Roi, un xenoantropólogo moi racional pero obsesionado coa literatura fantástica do século XX, ao tempo enguedellado nunha relación con Raissa, que entra na súa vida para cambiala; o outro vieiro abéirase ás posibilidades que ofrece a literatura fantástica, con indiscutibles vernices épicos e deseñada con solidez nas atmosferas e personaxes.
Malia que o afirmado se poida entender como algo complexo, o autor fai que todo flúa con naturalidade. Reflicte un universo de ficción que esixe certo grao de complicidade, concedido tanto polas necesarias doses de verosimilitude que aplica —se cadra alimentadas por numerosas lecturas do xénero e por estenderse cara a realidades que asoman as súas posibilidades no noso tempo— como por ofrecer un recurso que, non por ser coñecido deixa de ser efectivo, tal é o de atoparmos unha novela que medra dentro doutra.
Os devanditos traxectos van entretecéndose con axilidade, coas pausas precisas cando cómpre facelas e acelerando o ritmo cando a acción o demanda. Todo, ilustrado con relampos irónicos e relatos de ancoraxe épica que permiten acceder, se cadra de esguello pero con profundidade, a asuntos como son, por exemplo, as leis que rexen a construción de mundos de ficción, o peso da tradición na sociedade ou o férreo control que se exerce sobre ela, os límites dos avances tecnolóxicos ou a antropoloxía como unha ciencia fundamental, alén de evidentes homenaxes que se tributan a grandes voces da literatura destes subxéneros recreados e que, grazas a este libro, gozan agora dun pulo innovador.