Máis de 200 anos de historia ten a firma galega que renaceu nos 70 para medrar da man de Isaac Díaz Pardo e a súa muller, Mimina. Sargadelos chegou ao MoMa de Nova York, sen marchar xamais dos fogares de Galicia
31 ene 2025 . Actualizado a las 10:43 h.A historia de Sargadelos comeza en 1806, ano en que Antonio Raimundo Ibáñez bota a andar un proxecto industrial de grande éxito. Tanto é así que é condecorado polo rei Carlos IV, e dende entón será a Real Fábrica de Sargadelos. En realidade, pouco puido saborear o éxito, pois foi asasinado dous anos despois no contexto da guerra da Independencia. Naquela primeira etapa queríase imitar a louza inglesa e vendela a prezos competitivos, ao que axudou, sen dúbida, a mecanización do proceso. En porcelana branca con estampacións en azul fixeron floreiros en forma de peixe ou árbore; tamén se fabricaron xerras de peregrino ou botes de farmacia. Co tempo apareceron nas vaixelas temas populares que seguían o gusto inglés. Sargadelos fora o primeiro forno privado do Estado, pero non logrou a estabilidade desexada e pechou en 1875.
A comezos do século seguinte nacía en Santiago de Compostela Isaac Díaz Pardo, fillo do famoso escenógrafo, pintor e cartelista Camilo Díaz Baliño. O pequeno medrou co guieiro do pai, aínda despois de ser asasinado polos franquistas, porque xa sementara nel o amor por Galicia, o sentimento de liberdade, os preceptos republicanos e o compromiso co seu pobo. Por iso cando triunfa en Madrid como pintor, abandona a capital para levar a cabo un proxecto de cerámica no Castro de Samoedo (Sada). Alí tiña un pazo familiar a súa inseparable muller, Carmen Arias, coñecida como Mimina, gran debuxante e acuarelista. Naquel ano de 1949 comezará o casal o laboratorio cerámico que dará orixe a Cerámicas do Castro. Do forno saíron pezas orixinais de Isaac e logo vaixelas de porcelana translúcida. Xa entón destacaban as series de nenos, cabalos ou cabezas, xunto ás formas de muller.
O éxito foi inmediato e só tres anos despois a fábrica contaba cun centenar de traballadores. As novas do éxito chegaron á diáspora e en 1955 o Centro Galego de Buenos Aires convidouno a inaugurar unha mostra das súas pinturas e cerámicas. Alí reencóntrase con moitos amigos, especialmente de seu pai, como Luís Seoane, e axiña nace o proxecto de poñer en marcha unha fábrica en Magdalena, a escasos cen quilómetros da capital. Logo, en 1963, crean o Laboratorio de Formas xunto ao arquitecto Andrés Fernández-Albalat.
FILOSOFÍA ECONÓMICA, VONTADE ÉTICA
Como en todo o que emprendían, pensaban en reactivar a actividade cultural a través de tres ideas fundamentais: a creación dunha editorial para difundir xéneros diversos, así nace Ediciós do Castro; fundar un museo que recuperase o movemento renovador da arte galega, así inaugúrase o Museo Carlos Maside en 1970; e poñer en marcha Sargadelos no seu lugar de orixe que, como afirmou Díaz Castro, procuraba «unha filosofía económica con vontade ética ao servizo dos intereses de Galicia».
Fora nos anos corenta cando Díaz Pardo descubrira, nun libro do pintor ferrolán Felipe Bello Piñeiro, a historia das antigas fábricas de Sargadelos e iso levouno a investigar os caolíns da zona e a descubrir a súa excelente calidade. Albalat deseñou a planta circular que se construíu en 1970, a carón do antigo complexo industrial que dous anos despois sería nomeado Ben de Interese Cultural. Para entón, e despois de trece anos de éxito, Díaz Pardo abandonaba o proxecto arxentino, onde soamente asinara unha peza decorativa, unha María Magdalena, pero puxera o mellor del para vender nas tendas da capital porteña pezas con raíces e memoria. E ao seu carón sempre Mimina, que se encargara do taller de decoración e da formación das traballadoras.
O 10 de maio de 1970 inaugúrase Sargadelos e descóbrese un mural de Luís Seoane, home clave en todo este renacer. As primeiras pezas saen del: unha pomba para gardar a herba de namorar de Santo André de Teixido, o candelabro de cinco dedos ou as xerras representando figuras galegas senlleiras como Rosalía de Castro, María Pita ou Prisciliano. Dende o Laboratorio de Formas investigan o pasado na procura do equilibrio perfecto entre o tradicional e o moderno, entre o industrial e o artesanal, entre o funcional e o decorativo, inspirados nas escolas Bauhaus ou Ulm.
Naquel templo celta, circular como as tradicionais pallozas, pero tecnoloxicamente moderno, comezan a fabricarse servizos de mesa con ornamentacións baseadas en elementos naturais, como o toxo, ou en figuras xeométricas que beben da arquitectura galega. Entre estas aparecen formas limpas como a representación do ángulo diédrico, inspirado nos primeiros frescos románicos galegos da basílica de San Martiño de Mondoñedo, ou nas ménsulas da igrexa de Portomarín ou nos forxados e ferraxes das portas de Vilar de Donas. A tipografía propia que entronca con Castelao e nos leva ata o noso medievo, a cor azul cobalto ou a estrela de sete aspas radiais, son marcas identitarias da firma e, xaora, do país.
Sargadelos deseñaba cerámica contra o silencio, fabricaba pezas para orgullo de noso e, por iso, cada unha das creacións acompáñase dun texto que explica esas raíces. Entre as coleccións gozaron de grande éxito a serie de fauna galega, que en 1981 deseñou Calros Silvar, ou con anterioridade a colección de galos ou a vaca que alimenta o seu becerro, de Xosé Vizoso. Os faros, floreiros, xerras, hórreos, figuras de cegos, do camiño de Santiago, de oficios, as figas... un mosaico creativo da nosa realidade que decora as casas galegas e a nós mesmas, pois Mimina creou a sección de xoias coas Placas María, unha liña que destaca pola porcelana pintada minuciosamente a man e que gozou dunha grande aceptación. Logo sería a combinación de prata con cerámica en aneis, pulseiras, pendentes ou colares.
COLABORACIÓNS DE PRESTIXIO
Ás colaboracións con artistas galegos como Arturo Souto, Manuel Colmeiro ou Acisclo Manzano, sumáronse as de Gloria García Lorca, Jasper Morrison, Eddy Varekamp, Norman Trapman ou, recentemente, o prestixioso arquitecto británico David Chipperfield. O Premio Pritzker ten unha relación estreita con Galicia, onde pasa longas tempadas dende hai máis de tres décadas na súa casa de Corrubedo; desa vivencia nace a vaixela Rede, que mestura referencias do mundo tradicional mariñeiro coa cerámica xaponesa.
O recoñecemento da firma tamén traspasa fronteiras e, dende o 2018, véndense no MoMa de Nova York pezas de Sargadelos, algunhas en exclusiva, aínda que o maior prestixio da firma é estar na maioría dos fogares de Galicia, nos tiradores de cervexa que hai en tantos bares, nas xoias que nos engalanan, nas conmemoracións importantes...
Este ano o Día das Artes Galegas está dedicado á figura de Isaac Díaz Pardo, fundador de Sargadelos e motor «das industrias da memoria», e o Día da Ilustración a Xosé Vizoso, a súa man dereita durante máis de catro décadas. Son só dous dos nomes fundamentais, pero a carón están os empregados, traballadoras na súa gran maioría, que fixeron desta cerámica unha marca de renome.
Sargadelos creouse para prestixiar un pobo e os seus artistas, para reivindicar a súa memoria, as súas raíces, a súa lingua, se se desprende da identidade entón será unha fábrica máis, pero non o emblema dun país.